No medio dun conflito permanente na CRTVG, con 266 venres negros xa de mobilización e logo de varias xornadas de folga contra a "manipulación" informativa polo "cesamento dos abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación", a Corporación dos medios públicos afrontará a vindeira semana tres xuízos logo da demanda presentada por varios traballadores.
Os xuízos aos que se enfronta a corporación pública este 27 de xuño chegan tras as demandas de tres profesionais por vulneración de dereitos fundamentais tras seren traslados dos seus postos habituais
Será na mañá do vindeiro martes 27 de xuño nun dos xulgados do Social de Santiago de Compostela cando se celebren de maneira consecutiva as tres vistas logo de que tres profesionais presentasen unha demanda contra a CRTVG por vulneración de dereitos fundamentais. Abranguen a tres traballadores que denunciaron que foran trasladados "forzosamente" do posto de traballo habitual no que levaban exercendo anos como "represalia" por non teren acatado o que consideraban unha censura no seu labor xornalístico ou por mostrarse críticos coa dirección ou cargos do partido gobernante na Xunta.
Entre as persoas implicadas atópase Mayte Cabezas, trasladada á radio logo de 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar o presidente do PP estatal, candidato á presidencia do Goberno central e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en redes sociais.
O conflito lembra ao que acabou coa sentenza contra a CRTVG por represaliar un traballador crítico: a xustiza considerou que se vulneraran os seus dereitos fundamentais
As vistas, que serán públicas, chegarán a pouco do inicio da campaña electoral das eleccións xerais do 23 de xullo e logo de que a repercusión mediática da protesta de persoal da CRTVG -que o pasado 25 de abril trasladou a súa mobilización ás portas do Senado en Madrid- provocaran unha fonda preocupación no equipo de Núñez Feijóo e no PP estatal, sabedores do impacto que o conflito e as graves acusacións de "manipulación" podían ter na carreira electoral do ex-presidente da Xunta. Así o fixeran saber en Santiago.
Aos poucos días daquela concentración en Madrid, a dirección da CRTVG aceptaba reunirse co persoal coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, nun intento por achegar posturas que acabou en nada ao negar a Corporación aceptar tratar calquera tema que tivese que ver con "supostos, hipotéticos e infundados" abusos, tratos degradantes ou represión na súa casa, asuntos que si serán tratados en sede xudicial e na que, segundo fontes laborais, faranse públicos testemuños que apuntan directamente o trato dado a varios profesionais.
Os xuízos do vindeiro martes serán semellantes aos que se derivaran do conflito que os medios públicos galegos mantiveran co xornalista Carlos Jiménez e que acabou coa primeira sentenza contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico. Aquel ditame do Xulgado do Social Número 1 de Santiago, logo ratificado polo TSXG, condenara a compañía por sancionar este profesional en resposta ás súas mobilizacións nos venres negros e consideraba, precisamente, que foran vulnerados os seus dereitos fundamentais. Agora, a empresa volverá facer fronte a unha lea xudicial máis no sempiterno conflito da Corporación, que preocupa polo seu impacto no PP estatal.
As vistas en Santiago chegan, ademais, poucos días despois de que se coñecese que a xustiza investiga a dirección da CRTVG por posible acoso laboral a unha traballadora. É o conflito -tamén xudicial- que non cesa na Corporación. Aínda o pasado 16 de maio, o Tribunal Supremo declarou firme unha condena á CRTVG por vulnerar a igualdade e discriminar por sexo unha traballadora á que rexeitou unha petición correctamente xustificada para adaptar a súa xornada laboral por conciliación coa súa vida familiar. O ente público non negociou con ela, como obriga a lei, polo que foi condenado a indemnizala con 6.200 euros.
Numerosas sentenzas en contra
Foi unha máis das sucesivas sentenzas en contra que ten recibido nos últimos anos a CRTVG por diferentes conflitos co seu persoal. De feito, a propia Xunta admitiu que a Corporación perdeu a metade dos litixios laborais que mantivo cos seus profesionais desde 2018 e ata xuño de 2022: 176 sentenzas, das que 87 foron favorables para os e as traballadoras. Algunhas implicaron mesmo a anulación de ordes da empresa que modificaban as condicións de traballo de varias persoas ou, moito antes, a confirmación da ilegalidade que supoñía a vixilancia do correo persoal dos traballadores levada a cabo pola dirección da CRTVG.
Pero hai moitas máis: son centos (máis de 200), por exemplo, as demandas gañadas por persoal da CRTVG ao que os tribunais recoñeceu a súa condición de indefinido nos últimos anos e logo de que se denunciase o "uso abusivo e fraudulento da relación laboral ou cesión ilegal de traballadores". Confirmábase así nos xulgados o abuso da temporalidade que os profesionais levaban tempo denunciando e que o propio Supremo evidenciara noutra sentenza na que obrigaba a TVG a indemnizar ou readmitir unha traballadora que asinara 152 contratos nunha década.
O mesmo alto tribunal confirmou tamén hai algo máis de tres anos a condena que se ditara contra a CRTVG por vulnerar o dereito á folga feminista do 8M. Daquela, o Supremo acusara a Corporación de substituír unha presentadora que secundara o paro para “limitar o dereito de folga” e “neutralizar o efecto propio e esencial do exercicio dese dereito”. Unha situación semellante á que lle valera outra condena por vulnerar o dereito ao paro en 2019.