Persoal da CRTVG denuncia "represión organizada" da dirección duns medios públicos "ao servizo do PP"

Persoal da CRTVG celebra os cinco anos dos 'venres negros' CC-BY-SA Defende A Galega

No 262º venres negro, e un día despois de facer cinco anos de mobilización, o colectivo Defende A Galega carga con dureza contra a dirección xeral da CRTVG. Nun comunicado con motivo deste quinto aniversario, o movemento nacido en 2018, acúsaa de "comprometer o futuro dos medios públicos" e de declinar "convertelos de vez, como é a súa obriga, no principal referente informativo da sociedade galega". 

Defende A Galega asegura que a dirección da CRTVG "aboia desde hai 14 anos nun océano de impunidade, cinismo e desprezo". "Desprezo, en primeiro lugar, por unha gran parte da sociedade galega e polas súas institucións representativas, polas asociacións nacionais e internacionais de xornalistas e pola dignidade das propias traballadoras da Corporación", di. 

Mobilización do colectivo Defende A Galega na CRTVG © Defende A Galega

Defende A Galega acusa a dirección da CRTVG de "aboiar desde hai 14 anos nun océano de impunidade, cinismo e desprezo"

Así, o colectivo lembra que naceu hai cinco anos da iniciativa dun grupo de traballadoras de todos os departamentos da CRTVG "alarmadas ante o progresivo desmantelamento dos medios públicos, a utilización cada vez máis obscena da radio e da televisión galegas como instrumento de propaganda partidista e a degradación das relacións laborais e das condicións de traballo".

O colectivo acusa a CRTVG de exercer unha "represión organizada" contra persoal crítico que "asume o custo con traslados forzosos, marxinación laboral ou menosprezo"

Recordan, ademais, que as súas demandas "eran e seguen sendo modestas": que se "aprobe o Estatuto Profesional e se poña en marcha o Consello de Informativos, as ferramentas que contempla a Lei de Medios Públicos do 2011 para exercer unha mínima supervisión profesional sobre a calidade e a independencia dos contidos da CRTVG". 

Ademais, pedían "que non se suprimisen as desconexións territoriais da Radio Galega e que se fomentase a información local, dotando as delegacións de medios e persoal axeitados e recuperando as pechadas en Pontevedra, Ferrol e A Mariña". Tamén un "enfoque crítico e rigoroso da información cultural".

Alfonso Rueda e Alfonso Sánchez Izquierdo, na CRTVG CC-BY-SA Xunta

Segundo denuncian, a resposta desde o primeiro momento a estas demandas por parte da "dirección xeral interina" foi "unha estratexia combinada de ostracismo e represión organizada". Así, lembran que "moitos dos traballadores que nos últimos cinco anos, semana tras semana, seguiron Defendendo A Galega, aínda que só fose vestindo de negro, asumiron ese custo en forma de traslados forzosos, marxinación laboral, menosprezo profesional e degradación dos dereitos laborais básicos, incluída a vulneración da liberdade de expresión".

O colectivo, ademais, advirte da "desfeita da planificación, deseño e coordinación dos últimos debates entre candidatos ás eleccións locais", o que demostra, segundo din, unha vez máis, que "o desleixo e a incompetencia habitual da dirección da CRTVG conduce os medios públicos galegos a uns índices intolerables de irrelevancia social, o que nos avergoña como profesionais e como cidadás".

"O desleixo e a incompetencia habitual da dirección da CRTVG conduce os medios públicos galegos a uns índices intolerables de irrelevancia social"

"O prezo desta deriva é que nestes momentos Galicia carece duns medios públicos que satisfagan os obxectivos e as esixencias da súa creación", insiste Defende A Galega, que advirte que, "malia aos recortes dos últimos anos", aínda hai "medios, persoal e recursos para cumprir cabalmente a misión que por lei corresponde". 

Instalacións centrais da CRTVG en San Marcos (Santiago) Dominio Público Defende a Galega

"Se isto non se fai, vímolo repetindo desde hai cinco anos, é porque os medios públicos non están ao servizo da sociedade galega senón dos intereses do Partido Popular", rematan, para animar a "seguir interpelando a sociedade, as institucións, os partidos políticos e os axentes sociais". "Coa mesma petición que lles faciamos hai xa cinco anos: Defende A Galega, é de todas", conclúen. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.