Desconvocado o paro previsto na CRTVG este 28M ante uns servizos mínimos "abusivos": "A dirección quixo rebentar a folga"

Dependencias baleiras pola folga na CRTVG, o 6 de marzo de 2023 CC-BY-SA CUT-CRTVG

A quinta xornada de folga na CRTVG, prevista para este vindeiro domingo 28M coincidindo coa celebración das eleccións municipais, vén de ser desconvocada polo comité intercentros dos medios públicos. Tal e como explica nun comunicado a representación do persoal, o motivo da decisión é "a decisión empresarial de decretar uns servizos mínimos inéditos, tan abusivos e desproporcionados que impiden na práctica o exercicio do dereito fundamental á folga da maioría das persoas traballadoras". 

O comité decide desconvocar o paro do 28M debido a uns servizos mínimos "inéditos e tan abusivos que impiden na práctica o exercicio do dereito á folga da maioría do persoal"

Esta nova xornada de paro estaba prevista para continuar coas demandas, entre outras cousas, da "fin dos abusos da dirección contra o persoal", así como coa petición de "repoñer nos seus postos a varios traballadores e traballadoras que foron trasladados" do seu cometido habitual, segundo o comité de empresa, "como castigo por non ser dóciles ante a dirección". 

Concentración do persoal da CRTVG no Toural pola folga do 24 de marzo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Agora, e a pouco máis de 48 horas do inicio da xornada electoral e da folga, o comité decide desconvocar a folga tras acusar a CRTVG de impoñer un número de efectivos para traballar neste 28M e en servizos mínimos que "supera o de calquera outra cita anterior coas urnas"

"É unha decisión inxustificada que non ten como obxectivo garantir o deber que ten a CRTVG como servizo público de dar información esencial sobre o desenvolvemento das eleccións municipais e autonómicas, senón, directamente, rebentar a folga", di o comité, que considera "despótico e fascista" este comportamento da dirección. 

O comité acusa a dirección de impoñer uns servizos mínimos "superiores aos de calquera outra cita electoral" para "rebentar a folga"

Segundo explica a representación do persoal, a dirección da CRTVG, "neste contexto de folga e para inhabilitala", decidiu "cambiar unilateralmente de voluntario a obrigatorio o carácter da figura de evento especial que recolle o convenio colectivo da Corporación para permitir flexibilizar as condicións laborais en determinadas coberturas -como conflitos bélicos ou embarques, nas que a duración das xornadas son extraordinarias e os descansos legais non se respectan". 

Alfonso Rueda e Alfonso Sánchez Izquierdo, na CRTVG CC-BY-SA Xunta

Segundo o comité, a dirección dos medios públicos "agrava así aínda máis a política de abusos que precisamente se estaba a denunciar con estas mobilizacións que comezaron o pasado 6 de marzo", cando se celebrou o primeiro paro, ao que seguiron as folgas dos días 24 e 25 dese mes e o paro do 25 de abril, que "contaron cun gran seguimento por parte do cadro de persoal". 

O comité avanza que "defenderá xudicialmente o exercicio do dereito á folga nos medios públicos e que teimará na defensa das razóns que motivaron a convocatoria destes paros, así como na reivindicación dunha CRTVG libre de manipulación informativa e de abusos". 

Así, anuncia que o vindeiro xoves 1 de xuño celebraranse asembleas xerais co persoal de todos os centros de traballo dos medios públicos de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.