O O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela vén de declarar o sobresemento provisional da causa aberta a raíz dunha querela por presunto acoso laboral presentada por unha traballadora contra nove directivos, ex-directivos e traballadores da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Así o asegura a propia CRTVG nun comunicado sobre o auto ditado este pasado 22 de abril que, en reprodución textual por parte da Corporación, indícase que o xulgado chega á "conclusión de que non existen indicios racionais de criminalidade da posible comisión dun delito de acoso laboral por parte de ningún dos querelados". "Non existe indicio ningún da comisión por parte dos querelados dun delito de infracción das normas de prevención de riscos laborais", engade.
A CRTVG indica nun comunicado o sobresemento provisional da causa aberta contra nove directivos, ex-directivos e traballadores da Corporación por presunto acoso laboral
O comunicado da CRTVG aclárase que no procedemento iniciado en maio de 2023, "e tras unha exhaustiva investigación", a maxistrada instrutora "conclúe que non existen indicios racionais de criminalidade contra ningún dos demandados". A partir de aquí cita o nome e cargo dos e das demandadas, identidades que no seu momento a dirección dos medios públicos reclamou que non fosen divulgadas.
Trátase de Xosé Pereira Fariña, director da Área de Innovación e Negocio; Tania Fernández Lombao, naquel momento xefa de Programas da Radio Galega; Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de Persoal da Radio Galega; Paula Veloso Pereira, xefa do Servizo de Xestión de Persoas, Nóminas e Seguridade Social; Susana Fernández Veiguela, naquel momento directora de Recursos Humanos; Manuel Casás Macías, coordinador de Seguridade e Saúde Laboral; Alejandro López Carballeira, subdirector de Servizos Informativos; Víctor Tubío Villar, actual director de Recursos Humanos; e do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.
"O texto recolle que durante a instrución se practicaron numerosas dilixencias, incluíndo declaracións de testemuñas e investigados, informes forenses e análise documental exhaustiva, incluídas gravacións realizadas pola parte demandante presentadas como probas", explica o comunicado sobre un auto que, segundo a Corporación, "debulla unha por unha todas as acusacións esgrimidas contra os directivos, ex-directivos e traballadores da CRTVG, refutando a suposta veracidade de cada unha delas baseándose en todas as probas practicadas durante case dous anos de instrución".
Esta decisión xudicial, argumenta a CRTVG, "segue a mesma liña que as dúas sentenzas xa firmes da xurisdición social, que xa rexeitaran no seu momento calquera vulneración de dereitos fundamentais desta traballadora". "Da mesma forma, esta resolución xudicial vai tamén na mesma liña das dúas Comisións contra o Acoso levadas a cabo de forma interna (e das que forman parte sindicatos e empresa) e nas que xa resolveran que non existira ningunha clase de acoso contra a demandante", engade.
No auto, ao que tivo acceso Praza.gal, indícase que a mudanza de posto de traballo da demandante —feito indicado como iniciador da conduta de acoso segundo a acusación— "non pode entenderse como un acto hostil ou humillante, senón que queda enmarcado no exercicio regular das potestades directivas e organizativas do empresario". Ademais, denega tamén a pretensión de impugnación de delito noutras decisións levadas a cabo polos seus superiores, como a non disposición de días de asuntos propios ou a non inclusión da querelante en determinadas coberturas informativas.
Ademais, o auto indica tamén que contra a resolución cabe interpoñer recurso de reforma dentro dos tres días seguintes á súa notificación e/ou recurso de apelación dentro dos cinco días seguintes á súa notificación.