O pasado venres, ao facer cinco anos de mobilización e 262 semanas vestindo de loito contra a "manipulación", o colectivo Defende A Galega emitiu un duro comunicado conmemorando a efeméride e denunciando a "represión organizada" por parte da dirección da CRTVG contra o persoal crítico. Os profesionais mobilizados sinalaron os máximos responsables por usar os medios públicos como un aparato "ao servizo do PP" e acusáronos de "impunidade, cinismo e desprezo" e dun "desleixo e incompetencia habitual que os conduce a uns índices intolerables de irrelevancia social".
Só un día antes, foi o comité intercentros quen, noutra nota, advertía da desconvocatoria do paro previsto para o 28M ante os servizos mínimos "inéditos e tan abusivos que impiden na práctica o exercicio do dereito á folga da maioría do persoal". Neste caso, a representación dos traballadores acusou a dirección de querer "rebentar a folga" e cualificou o seu comportamento de "despótico e fascista".
Tanto o comité como o colectivo xurdido hai cinco anos ao abeiro da mobilización dos venres negros cargaron con dureza contra a dirección da CRTVG nun novo episodio do conflito que leva tempo aberto nos medios públicos galegos, con folgas continuadas, sentenzas condenatorias para a Corporación, denuncias por parte de persoal crítico -que di ter sufrido "represalias" en forma de "traslados forzosos"- ou constantes demandas contra o "control político" e polo cumprimento da lei de medios.
A dirección da CRTVG denuncia "inxurias e insultos" contra ela no último comunicado do comité e pide a cada un dos sindicatos que aclaren a súa "posición individual ao respecto"
O enfrontamento non se agocha e a dirección reacciona tamén ante o que considera "inxurias e insultos" contra os seus integrantes por parte da representación laboral do persoal da CRTVG. E faino reclamando a cada un dos sindicatos que forman parte do comité intercentros (CUT, USO, CIG, CCOO e UGT) que aclaren a súa "posición individual" respecto do comunicado emitido o pasado 25 de maio para anunciar a desconvocatoria da xornada de folga prevista para a xornada electoral.
Segundo puido saber Praza.gal, a dirección de Recursos Humanos da CRTVG vén de esixir formalmente a cada un dos sindicatos en relación a un contido que considera insultante e inxurioso e onde "se cualifica de despótica e fascista" a dirección da Corporación. Ante a "gravidade de tales afirmacións", os responsables da empresa cren que é "necesario, para os efectos que procedan, coñecer a posición individual de cada organización sindical ao respecto".
A CRTVG require a cada organización sindical a súa postura sobre o comunicado para "poder establecer a posición da empresa nas responsabilidades legalmente atribuíbles, as negociacións pendentes e as que se deban establecer nun futuro". Xa que logo, advirte de posibles actuacións legais contra quen non se retracte e consecuencias nas conversas futuras ou en vigor, como a que se impulsou coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para desatascar un conflito enquistado desde hai moitos meses.
A empresa pide a cada organización que "ratifique ou rectifique" as acusacións para "poder establecer a súa posición nas responsabilidades legalmente atribuíbles e nas negociacións"
A dirección dos medios públicos de Galicia reclama de cada sindicato do comité "a súa ratificación ou rectificación" en relación coas cualificacións expresadas no comunicado do pasado 25 de maio e aclara que, de non haber resposta, entenderá que a organización sindical "avala os termos inxuriosos tal e como figuran expresados na nota".
Segundo puido saber Praza.gal, hai algún sindicato que xa decidiu non contestar ao requirimento da dirección da CRTVG.