Feijóo di que o PP "sempre" subiu as pensións co IPC malia non ser certo e cuestiona unha xornalista de TVE por evidencialo

Alberto Núñez Feijóo, entrevistado no programa de RTVE 'La Hora de la Uno' este 17 de xullo © RTVE

"Sempre revalorizamos as pensións conforme ao IPC", afirmou o ex-presidente e candidato do PP. Ao ser matizado pola xornalista Silvia Intxaurrondo cos datos correctos de 2012, 2013 e 2017, retrucoulle que non sabe "de onde saca iso"

"O noso partido nunca deixou de revalorizar as pensións conforme ao IPC". Foi a afirmación que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo lanzou este luns en Televisión Española, durante a súa quenda no ciclo de entrevistas electorais do programa La Hora de la Uno. O agora líder e candidato do PP o 23X foi matizado por unha das xornalistas que o entrevistaban, Silvia Intxaurrondo, para evidenciar que en realidade durante tres anos do Goberno de Rajoy (2012, 2013 e 2017) as pensións de xubilación foron incrementadas por baixo da suba do Índice de Prezos ao Consumo. O conservador dixo non saber "de onde saca" os datos a xornalista, que estaba no certo.

"Non é correcto, señor Feijóo", advertiu a xornalista, ao que o candidato popular retrucou que é "absolutamente correcto". "Non o fixeron nin en 2012, nin en 2013 nin no ano 2017", especificou Intxaurrondo, ante o que Feijóo dixo non saber "de onde saca vostede iso". "Vólvollo reiterar: sempre revalorizamos as pensións conforme ao IPC" e "cando o IPC é negativo ou cero, subímolas un cuarto de punto". "Reitérolle, revise vostede os datos", esixiu á xornalista".

"Os meus datos son correctos; nin en 2012, nin en 2013 nin en 2017", reafirmouse a xornalista. "Como hai hemeroteca, vostede vai comprobar o que eu lle digo e xa lle digo, se eu estou equivocado pídolle desculpas e se está vostede, espero que o digan neste programa; porque reitero, o PP revalorizou as pensións conforme ao IPC e cando o IPC era negativo ou estaba por baixo de 0,25, revalorizounas un cuarto de punto. O único partido que non revalorizou as pensións foi o PSOE. Pídolle rectificación no caso de que vostede estea nun erro", concluíu a intervención.

O que di a hemeroteca e os datos oficiais ao respecto é que, efectivamente, no último mandato do PP no Estado houbo tres exercicios nos que as pensións de xubilación foron incrementadas por baixo do incremento do IPC e eses anos foron, efectivamente, os de 2012, 2013 e 2017. Concretamente, o IPC medio de 2012 foi do 2,4% (en novembro, que adoita ser o mes de referencia para calculalo, fora do 2,9%) e o incremento xeral das pensións para 2013 foi do 1% (as inferiores a 1.000 euros subiran un 2%). 

A daquela ministra de Emprego, Fátima Báñez, recoñecera que estaban a pedir aos pensionistas "un esforzo", pero asegurara que se trataba dun "exercicio de responsabilidade". Dende a dirección do PP, Javier Arenas indicara no día da segunda toma de posesión de Feijóo como presidente da Xunta que non había "máis remedio" que asumir o "sacrificio".

O incremento medio interanual dos prezos durante o ano 2013 estivo na contorna do 1,4%, se ben en novembro descendera ao 0,2%. O Goberno de Rajoy ditaminou unha suba xeral do 1% das pensións de xubilación, do 2% no caso das de menos de mil euros.

Conforme á lei do "factor de sostibilidade" que aprobara o propio PP, En 2017 o IPC medio finalizou o ano no 2% e a suba das pensións foi do 0,25%. Entre 2014 e 2016 as taxas interanuais de evolución dos prezos foron negativas e o incremento das pensións foi do 0,25%, o que supuxo unha leve ganancia teórica de poder adquisitivo para as persoas que as percibían.

Feijóo lanzou as afirmacións que non se correspondían coa verdade para apuntalar o seu argumento anterior, centrado en afear que, como deputado do PSOE, Pedro Sánchez votou a prol da conxelación das pensións de xubilación aprobada polo Goberno de Zapatero en 2010 para o ano 2011 dentro do paquete de recortes aprobado de acordo coa UE entre ameazas de intervención. Esa acusación si que se corresponde coa realidade, aínda que naquel ano as pensións mínimas e non contributivas quedaran fóra da conxelación e aumentara un 1%.

Ante o balbordo creado polas súas declaracións non conformes coa realidade, o ex-presidente compartiu tras a entrevista dúas mensaxes nas redes sociais destinadas, segundo dixo, a "aclarar" que "o PP nunca conxelou as pensións e o PSOE, si" e que "o PP subiu as pensións cada ano e o PSOE, non". Afirma Feijóo que non lle "importa aclarar calquera afirmación se foi inexacta" ao "contrario de Sánchez, cuxa arrogancia nunca llo permitiría". "Seguimos esperando a que desminta todas as súas mentiras no debate, como a de que o PSOE non conxelou as pensións", conclúe.

"Rectifique e deixe de mentir", esixe o PSOE

O acontecido na entrevista en TVE é mostra, ao xuízo do PSOE, de que Alberto Núñez Feijóo "mentre outra vez coa revalorización das pensións". "Rectifique e deixe de mentir", sinalaron as contas oficiais dos socialistas pouco antes de que, dende Bruxelas, Pedro Sánchez, subliñase que "verdade é que PP cando gobernou non revalorizou as pensións neses anos" e posteriormente "votou sistematicamente en contra da revalorización das pensións conforme ao IPC".

Ademais, agrega o candidato socialista á reelección, "aquí, en Bruxelas, cando o Goberno de España chegou a un acordo para blindar por lei esa revalorización das pensións" acorde ao IPC, "veu persoalmente o señor Feijóo a reunirse coa presidenta da Comisión Europea e co comisario de Economía para dicirlles que se boicotease ese acordo. O comisario, mantén Sánchez, recomendoulle facer unha oposición "construtiva".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.