"É un acto de partido": o PP de Noia gastou fondos do Concello en bares malia anos de avisos

Santiago Freire, no centro da imaxe, durante unha rolda de prensa CC-BY-SA PP de Noia

O Concello de Noia encargou hai varias semanas un informe xurídico sobre a posible exixencia de responsabilidades polos gastos do grupo do PP en bares e restaurantes con cargo á asignación municipal recibida para o seu funcionamento. Tal e como publicou Praza.gal, o documento conclúe a pertinencia de levar os feitos ante o Tribunal de Cuentas e o Ministerio Fiscal, actuación que o goberno local xa anunciou que levará a cabo.

O Concello de Noia leva o ex-alcalde do PP á Fiscalía e ao Tribunal de Cuentas polos gastos en bares e restaurantes a cargo da asignación municipal

O anterior alcalde, Santiago Freire (PP), e mais os integrantes do seu grupo municipal van ser denunciados ante a Fiscalía e o devandito tribunal. Serán os que determinen as súas responsabilidades logo de que a documentación entregada polos populares entre 2018 e 2024 para xustificar unha achega pública de máis de 7.000 euros anuais revelase facturas por case 30.000 euros en locais de hostalería e mesmo hoteis

Rueda entando ao Casino de Noia co daquela alcalde popular da vila, Santiago Freire, para celebrar alí o Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O documento da asesoría xurídica asegura que moitos dos desembolsos xustificados polo PP "non responderon á finalidade de sufragar gastos de funcionamento do grupo municipal producidos no exercicio da súa actuación corporativa". Pero tamén aclara que o grupo municipal dos populares seguiu abonando durante anos comidas e ceas de simpatizantes ou pinchos de Nadal con cargo á asignación para gastos de funcionamento malia os reproches que cada exercicio facía Intervención do Concello nos seus informes

Intervención do Concello decantouse en varios informes por "inadmitir" as facturas de locais de hostalería pero pedía que o pleno decidise se aceptalos, algo que si fixo

Xa na avaliación sobre as facturas emitidas polo PP para xustificar os gastos con cargo a esta achega de fondos públicos en 2019, o servizo de Intervención advirte que "a doutrina analizada considera que un cátering para 200 persoas non é unha actuación para un grupo municipal, senón máis ben se trata dun acto de partido". Así, decántase pola súa "inadmisión", aínda que sinala que "debería ser o pleno o que sinale se este tipo de gastos se deben considerar ou non". 

Pero o pleno municipal, neste ano e nos seguintes, deu o visto e prace a estes gastos que reiteradamente Intervención poñía en dúbida, tal e como se pode comprobar nos documentos que elaboraba, recollidos agora no informe xurídico encargado polo actual goberno local. Neles tamén denegaba directamente abonamentos "por ser do partido e non do funcionamento do grupo", como os "vinculados ás eleccións" que o PP intentou incluír na asignación municipal. Eran "gastos en papeletas" para os comicios locais. "O gasto en lona das eleccións, cartelaría electoral ou gastos nos mitins non se poden considerar incluídos por considerarse gastos do partido" e por estaren "financiados por outra canle", en referencia á subvención de gastos electorais municipais que marca a lei. 

"Un cátering para 200 persoas non é unha actuación para un grupo municipal, senón un acto de partido"; "para as reunións de traballo teñen a súa propia sede ou as dependencias do Concello"

O informe de Intervención sobre a asignación correspondente en 2020 insiste nos mesmos reproches e sinala que se achegan gastos "en comidas con simpatizantes ou asociados por importe de 1.701,75 euros que non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal, senón que se trata de gastos do partido político".

Na análise das facturas de 2021 achegadas polo grupo do PP, Intervención insiste en que un cátering para centos de persoas non se pode considerar unha actuación do grupo municipal e que os gastos en papeletas electorais non son admisibles, pero vai máis aló. "Para as reunións de traballo dispoñen da súa propia sede ou das dependencias do Concello", sinala tras advertir de gastos en diversos locais de hostalería por máis de 4.500 euros "que non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal" pero si do propio partido. 

"Comidas con simpatizantes ou asociados"

Os reproches son comúns no resto de exercicios, ben por gastos de 1.000 euros nun só ano en "comidas con simpatizantes ou asociados", que en realidade corresponden a actos de partido, ou polo intento de pasar facturas de produtos para campañas e procesos electorais como gastos do labor do grupo municipal no Concello. Mentres estes últimos eran desestimados, os tíckets en restaurantes, bares, cafetarías ou servizos de cátering eran aceptados polo pleno como parte da asignación anual. 

Agora, serán o Tribunal de Cuentas e a Fiscalía os que determinen a responsabilidades do antigo alcalde do PP e do seu grupo municipal nestes gastos con cargo a fondos públicos municipais que o actual goberno local e o informe xurídico encargado consideran inapropiados. 

Eran gastos presentados, na súa maioría, como xuntanzas de traballo ou comidas con persoas simpatizantes ou afiliadas ao PP, moitos deles en copas e xantares e varios xustificados con tíckets de datas que coincidían con épocas de restricións pola COVID, con bares e restaurantes coa capacidade reducida, horarios restrinxidos e un máximo de comensais por mesa. Mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñecera que "chaman a atención algúns conceptos" das facturas.

Nun vídeo publicado hai uns días polo PP de Noia —que se pode ver nesta información—, o ex-alcalde Santiago Freire deféndese dicindo que "ningunha das facturas son emitidas ao Concello, senón á agrupación municipal do PP" e que o que fixo a oposición foi "facer un sumatorio de varios anos para que parezan contías elevadas". "É unha manobra para desacreditar a xestión realizada, como acostuman a facer, e para xustificar unha moción de censura cun concelleiro tránsfuga que formou parte das listas do PP", di. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.