O Concello de Noia leva o ex-alcalde do PP á Fiscalía polos gastos de fondos públicos en restaurantes

Santiago Freire (segundo pola esquerda), en maio de 2023 nun paseo preelectoral por Noia con Rueda, Bendondo, Calvo e membros do partido na vila CC-BY-SA PPdeG

A polémica polas facturas do PP de Noia vai a máis. O Concello ten previsto denunciar ante a Fiscalía o anterior alcalde, Santiago Freire (PP) e mais o seu equipo polos gastos en restaurantes, cafetarías, bares e mesmo hoteis facturados a cargo da asignación anual que a administración local achega para o funcionamento do grupo municipal. Tamén levarán o caso ao Tribunal de Cuentas. 

O grupo do PP xustificou case 30.000 euros en comidas e bebidas da asignación de gastos de funcionamento; Rueda aegurou que algúns conceptos "chaman a atención"

Todo xorde da documentación entregada entre 2018 e 2024 ante o Concello por parte do grupo do PP de Noia para xustificar a asignación económica de máis de 7.000 euros anuais recibida para o seu funcionamento. Os papeis revelaron —tal e como comprobou Praza.gal ao acceder a eles— facturas por case 30.000 euros, principalmente en locais de hostalería

Eran gastos presentados, na súa maioría, como xuntanzas de traballo ou comidas con persoas simpatizantes ou afiliadas ao PP, moitos deles en copas e xantares e varios xustificados con tíckets de datas que coincidían con épocas de restricións pola COVID, con bares e restaurantes coa capacidade reducida, horarios restrinxidos e un máximo de comensais por mesa. Mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñecera que "chaman a atención algúns conceptos" das facturas.

Algunhas das facturas do PP de Noia en diversos locais hostaleiros CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nos informes que Intervención do Concello fixo nos últimos anos xa había bastantes obxeccións sobre un tipo de gastos que dificilmente se poden incluír entre os de funcionamento do grupo municipal, destinados fundamentalmente a material de oficina, alugueiro de locais, publicacións informativas e outras actividades derivadas do labor diario. 

De feito, non se aceptaron aqueles de carácter electoral, mentres que doutros con cargos a locais hostaleiros advertíase de que "non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal", pero que "debería ser o pleno o que sinalase se este tipo de gastos se deben considerar ou non" como atribuíbles a esta achega de fondos públicos. Así, nalgún caso Intervención aseguraba que as facturas incluídas non se podían considerar gastos de funcionamento do grupo "senón do partido político". 

Ao non existir unha base normativa clara sobre a conveniencia legal —non ética nin moral— deste tipo de gastos, o actual goberno local —co socialista Francisco Pérez á fronte logo da moción de censura apoiada por PSOE, Marea Cidadá, BNG e o edil tránsfuga Luís Alamancos— encargou a unha asesoría xurídica un informe que é contundente. 

O informe xurídico encargado polo Concello conclúe que os feitos poden ser levados á Fiscalía pola vía penal e ante o Tribunal de Cuentas; o goberno local acudirá ás dúas instancias

O documento, ao que tivo acceso Praza.gal, conclúe que os feitos pódense levar ante o Tribunal de Cuentas e ante a Fiscalía, neste caso para un proceso pola vía penal. Así, aclara que "certos gastos abonados polo grupo municipal do PP con cargo ás asignacións dos exercicios 2019 a 2024, ambos os dous incluídos, non responderon á finalidade de sufragar gastos de funcionamento do grupo municipal producidos no exercicio da súa actuación corporativa". 

Así, entende que "procederá por parte do Concello a esixencia da responsabilidade contable en relación coa xestión" destas asignacións e que os feitos "deberán ser postos polo Concello en coñecemento" do Tribunal de Cuentas, que erguerá "as correspondentes dilixencias preliminares con traslado ao Ministerio Fiscal". O goberno local confirmou que denunciará os feitos ante ambas instancias. 

Facturas do PP de Noia en locais hostaleiros con data de decembro de 2020 ao carón dunha imaxe do ex-alcalde da vila durante a pandemia CC-BY-NC-SA Praza.gal

Responsabilidades dos membros de grupo

Aclara o informe que, ao carecer os grupos políticos municipais de personalidade xurídica, as eventuais responsabilidades contables "desprázanse aos seus integrantes". Tamén di que a esixencia desta responsabilidade contable "é compatible coa esixencia de responsabilidade penal". 

"Tratándose de condutas que poden ser constitutivas dalgún dos delitos contra a Administración pública" recollidos no Código Penal, "procederá que as mesmas sexan postas en coñecemento do Ministerio Fiscal a través da correspondente denuncia, ou ben que por parte do Concello se interpoña a correspondente querela criminal", di o documento. 

O informe dedica boa parte das súas páxina a repasar a xurisprudencia sobre as responsabilidades contables do uso de fondos públicos asignados aos grupos políticos por parte de diferentes administracións, o que lle serve de argumento para propor e recomendar a exixencia desas responsabilidades por parte do Concello de Noia. 

Así, alude a sentenzas do Tribunal de Cuentas que advirten de que estas dotacións económicas "non son atribucións ilimitadas", "teñen unhas contornas precisas que non poden excederse" e "deben ser para atender o seu funcionamento", ademais de ser sempre xustificados documentalmente. 

O informe xurídico repasa a xurisprudencia sobre a exixencia de responsabilidades no uso dos fondos públicos e conclúe a conveniencia de que o Concello as demande

Tamén se refire á Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, que aclara que os fondos asignados aos grupos municipais "teñen unha limitación do destino ao que poden ser aplicados (o funcionamento do grupo)"; ou ao Tribunal Constitucional, que sobre a finalidade das subvencións a grupos parlamentarios determinou que era "evidente" que o seu obxectivo é "facilitar a participación dos seus membros no exercicio das funcións institucionais da Cámara á que pertencen". 

Por outra banda, o informe xurídico lembra que son diversas as sentenzas do Tribunal de Cuentas nas que se condenou  a membros de grupos municipais como responsables directos ao reintegro deses fondos por non ser xustificado o investimento ou ter unha finalidade para a que non foron outorgados. 

Santiago Freire, nunha rolda de prensa CC-BY-SA PP de Noia

En conversa con Praza.gal, o sinalado ex-alcalde, Santiago Freire, aseguraba que todo eran "intentos de crear polémicas" sobre unhas prácticas que son "xeneralizadas". Segundo dicía, as bases de execución do orzamento "non establecen os tipos de actividades incluídas nos gastos de funcionamento" e respecto aos reparos interpostos pola Intervención, dixo que en realidade son "observacións" que unhas veces son atendidas e outras non. Tamén xustificaba o uso da asignación para o funcionamento do grupo para "convidar a uns pinchos ou a unha comida" a simpatizantes, persoas afiliadas ao partido ou grupos de traballo.

Nun vídeo emitido hai uns días polo PP de Noia, o ex-alcalde Santiago Freire deféndese dicindo que "ningunha das facturas son emitidas ao Concello, senón á agrupación municipal do PP" e que o que fixo a oposición foi "facer un sumatorio de varios anos para que parezan contías elevadas". "É unha manobra para desacreditar a xestión realizada, como acostuman a facer, e para xustificar unha moción de censura cun concelleiro tránsfuga que formou parte das listas do PP", di. 

Segundo fontes municipais, a descuberta destas polémicas xustificacións de gastos está a provocar diferenzas internas no PP de Noia, con concelleiros críticos co anterior rexedor e outros defensores do proceder coas facturas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.