O candidato popular lembra que "antes de cumprir 30 anos tiña xa un alto cargo na Xunta" e cre ter "máis experiencia" que Sánchez para gobernar España
Tras a entrevista en TVE deste luns na que Feijóo foi corrixido por dar datos falsos sobre as políticas pasadas do PP en materia de pensións, que en contra do que el dixo non sempre revalorizou conforme ao IPC, este martes o candidato popular foi entrevistado en Antena 3 por Susanna Griso. Feijóo foi cuestionado sobre o ocorrido na xornada previa e a súa resposta foi negar que mentise: "Pódolle asegurar que eu non mentín nin minto, e se digo algunha cousa que non é correcta, non é froito da mentira senón da inexactitude", asegurou.
Na entrevista Feijóo tamén asegurou ter máis experiencia para gobernar España que o socialista Pedro Sánchez. Malia que durante anos o seu equipo divulgou a imaxe de que Feijóo non pretendía entrar en política na súa mocidade senón que era un simple funcionario da Xunta, este martes el mesmo salientou que "antes de cumprir 30 anos tiña xa un alto cargo na Xunta".
Feijóo asegura que o fin non xustifica os medios porque "non se pode facer unha cousa e a contraria"
Fronte á súa experiencia, e obviando os cinco anos que Sánchez leva como presidente do Goberno de España, Feijóo reduciu a traxectoria do socialista a que foi concelleiro hai dúas décadas en Madrid. "Na miña opinión creo que teño máis experiencia que o actual presidente do Goberno", sentenciou o popular.
A entrevista rematouna a xornalista preguntando a Feijóo se "o fin xustifica os medios". "Non, non se pode facer unha cousa e a contraria", respondeu o popular, qu engadiu que "cando un se equivoca debe rectificar".