O argumento universal. Vinte e catro horas despois de que o Goberno central ratificase que non actualizará as pensións de xubilación conforme á suba do 2,9% do IPC -como marca a lei-, diversos cargos do PP lanzáronse este sábado a defender a impopular medida ou, o que é o mesmo, a defender o incumprimento dunha das últimas promesas da campaña electoral de Mariano Rajoy que aínda ficaban vixentes. Un destes dirixentes conservadores que se viron na tesitura de argumentar de xeito contrario ao que o fixera hai escasas semanas foi o vicesecretario de Política Autonómica do partido, Javier Arenas, que ao ser preguntado polo asunto tras a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo optou por aferrarse a un clásico: "non hai máis remedio".
"Hai que facer sacrificios, porque non temos máis remedio que sanear as contas públicas", sentenciou Arenas a preguntas dos xornalistas nos corredores do Parlamento de Galicia onde, non obstante, insistiu no argumento de que "este Goberno sobe as pensións o próximo ano". Rajoy, di, "sobe todas as pensións" e "as pensións máis baixas, soben máis". Aínda que, "desagrazadamente", toca realizar os devanditos "sacrificios". Á marxe dos argumentarios partidarios o certo é que as pensións se actualizarán un 1% e, se son inferiores a 1.000 euros, subirán un 2%. En Galicia isto implica a perda dunha media de máis de 100 euros anuais para cada persoa que recibe estes subsidios.
En Galicia o recorte suporá unha perda media de máis de 100 euros para cada pensionista
Mentres o PP se esforza na defensa do recorte outras formacións políticas subliñan non só incumprimento do prometido, senón tamén e sobre todo o efecto que terá a tesoirada nos petos máis humildes. Así, a nivel de Estado o PSOE xa valora a posibilidade de emprender medidas contra a decisión gobernamental. En Galicia, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, aproveitaba a súa visita ao Culturgal para censurar o que considera un "novo atraco a man armada do Goberno de Rajoy baixando as pensións, cunha rebaixa que afectará máis a Galiza porque xa ten as pensións máis baixas que a media".
En opinión do líder nacionalista que as pensións non suban como deberían é especialmente lesivo porque se produce no marco "dun incremento de prezos e do custo da vida". Isto vai, polo tanto, "na liña de saquear o pobo para seguir dándolle cartos á banca". "É unha medida inxustificábel, indefendíbel", abonda, coa que "Rajoy, co silencio de Feijóo, se ceba nos sectores máis febles". Neste contexto, asegura, o BNG seguirá a "facerlle fronte a esta política" porque "hai que acabar con eles ou senón, eles acaban con nós", di.