Os pensionistas galegos perderán máis de 100 euros anuais coa conxelación anunciada polo Goberno

Fátima Báñez, ministra de Emprego © Goberno de España

Outra promesa incumprida. O Goberno non subirá as pensións en 2013 conforme ao IPC, tal e como contempla a lei e tal e como como varios membros do Executivo sostiveron durante semanas. O próximo ano as pensións actualizaranse tan só un 1%, agás as que sexan inferiores a mil euros, que subirán un 2%. Isto supón unha importante perda de poder adquisitivo para os pensionistas. A lei contempla que as pensións se actualicen cada ano conforme ao dato de IPC de novembro. Precisamente hoxe coñeceuse o indicador adiantado, que se sitúa no 2,9%, seis décimas menos que o mes anterior. O Partido Popular incumpre deste xeito unha das últimas promesas electorais que ainda mantiña, despois de subir o IVE, e de aprobar o copagamento sanitario, o abaratamento do despido e a rebaixa da prestación por desemprego.

En Galicia hai case 800.000 pensionistas, dos que máis de 550 mil cobran menos de mil euros ao mes. Estes verán as súas pensións aumentadas nun 2%, lonxe do encarecemento da vida. O resto cobran máis deses mil euros e estes pagos só se incrementarán nun 1%. En total, os pensionistas galegos perderán máis de cen euros de media neste 2013.

Segundo UGT, "no contexto galego, coas pensións máis baixas do Estado, a situación dos pensionistas é realmente delicada, máis cando están a ser o sustento de moitas familias" e denuncia que "serán milleiros de traballadores e pensionistas os que perderán, un ano máis, poder adquisitivo, haberá menos consumo e saír da crise será máis difícil porque así será imposible reactivar a economía". Pola súa banda a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, sinalou que os cidadans non poden confiar nun Goberno que lles minte e os engana: "como se vai confiar nun Goberno que falta a sua palabra cos cidadáns unha e outra vez?". E reprochoulle ao Goberno "que estivesen mareando a perdiz cando xa sabían que ían adoptar esta decisión que fai que nunha situación de grave crise os nosos pensionistas perdan poder adquisitivo”.

Rajoy insistiu nunha entrevista o pasado setembro en que a súa primeira instrución ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, fora que as contas de 2013 "non prexudiquen de ningunha maneira" aos pensionistas

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Saénz de Santamaría, asegurou hoxe que ao Executivo lle resulta imposible sufragar este pago. O propio Mariano Rajoy insistiu nunha entrevista o pasado setembro en que a súa primeira instrución ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, fora que as contas de 2013 "non prexudiquen de ningunha maneira" aos pensionistas. A ministra de Emprego, Fátima Báñez, recoñeceu que están a pedir aos pensionistas "un esforzo", pero asegurou que se trata dun "exercicio de responsabilidade".

Ao mesmo tempo, o Goberno aprobou unha modificación na norma de Seguridade Social para poder acudir ao Fondo de Reserva (o chamado peto das pensións, que conta cuns 60.000 millóns de euros), e sacar de aí os cartos necesarios para pagar as pensións de decembro e a paga extra dos pensionistas, uns 4.000 millóns de euros. Non é a primeira vez que o Executivo bota man deste fondo: nestes últimos meses xa sacou algo máis de 3.063 millóns para facer fronte ao pago de prestacións. Tratábase do tope anual que a lei lle permitía sacar do fondo. Co cambio normativo que o Goberno aproba hoxe, ese límite amplíase, de forma que ante a deterioración das contas da Seguridade Social será a hucha das pensións a que pague aos pensionistas a final de ano.

Fátima Báñez, ministra de Emprego © Goberno de España
Gasto en pensións de xubilación nos países da UE-27, medido en porcentaxe do PIB. CC-BY-SA A furada do trasno

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.