Este pasado xoves, na véspera do Día da Liberdade de Prensa que, como cada ano, se celebra o 3 de maio, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo afirmaba, nunha entrevista concedida ao xornal ABC, que el "representa" o voto para "protexer as liberdades" da cidadanía. Concretamente, para "protexer que os seus medios de comunicación sigan podendo informalos como consideren oportuno" ou "para poder seguir lendo os que escriben mantendo a súa liberdade de expresión". Dous días antes, o actual líder do PP estatal presentárase a si mesmo como valedor da "prensa libre" en contraposición con Pedro Sánchez e as súas advertencias dos últimos días sobre un debate público baseado en mentiras espalladas por algunhas cabeceiras.
O ex-presidente Feijóo asegura "representar" o voto para "protexer" a liberdade de prensa, afirmación acollida con retranca ou estupor nalgúns ámbitos en Galicia
Estas proclamas foron acollidas a medio camiño entre a retranca e o estupor pola oposición galega, por cidadanía anónima a través das redes sociais. Tamén polo colectivo de persoal da CRTVG Defende a galega, que dende hai case seis anos se mobiliza para esixir o cumprimento íntegro da lei dos medios de comunicación públicos (2011) e contra o que considera unha sistemática "manipulación" na Televisión de Galicia e na Radio Galega a prol do Goberno do PP.
A dirección xeral da CRTVG nunca foi escollida coa maioría reforzada que fixa a lei, aprobada en 2011
Con independencia da consideración que a cadaquén lle mereza a liña editorial da CRTVG, o que é innegable é que a dos medios públicos de comunicación é unha materia coa que Galicia chega pendente un ano máis ao Día da Liberdade de Prensa. Non en van, a dirección xeral da CRTVG nunca foi escollida conforme ao fixado por esta norma hai xa case 13 anos -maioría parlamentaria reforzada de dous terzos ou tres quintos-. O titular do posto, Alfonso Sánchez Izquierdo, ten mandato por tempo indefinido grazas a unha reforma introducida en solitario polo PP en 2015, cando o ourensán xa levaba seis anos no cargo tras ser designado polo propio Feijóo cando aínda estaba vixente a lei anterior, a de 1984.
Manifesto do Colexio de Xornalistas
O CPXG alerta ante aqueles que se "se infiltran e envelenan o propósito e os principios de honestidade, obxectividade e servizo público que rexen o oficio".
O panorama mediático galego, daquela, aínda non ten implantados algúns dos preceptos xa asumidos noutros lugares cando, máis cedo que tarde, tería que comezar a adoptar outros novos. Concretamente, o Regulamento Europeo sobre a Libertad dos Medios de Comunicación, que entra en vigor o día 7 deste mes de maio e que comezará a ser de obrigado cumprimento nalgúns dos seus aspectos fundamentais a partir de 2025.
Mentres isto sucede, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) sinala un amplo catálogo de materias pendentes no seu habitual manifesto polo Día da Liberdade de Prensa, redactado neste 2024 pola xornalista Marta Otero. O oficio xornalístico, indica o texto, tivo e ten ameazas externas que van das "presións" á "violencia", pero tamén outras, "tanto ou máis perigosas, que veñen de dentro", daqueles que "se infiltran e envelenan o propósito e os principios de honestidade, obxectividade e servizo público que rexen o oficio".
Cómpre, resalta o manifesto do CPXG, "amosar intransixencia" contra estes "ataques de propia bandeira". "Se os recibimos con indolencia, o golpe levarémolo todos" nun contexto global convulso, de Gaza a Ucraína pasando por Irán, resalta. "Cada profesional debe "esforzarse por non sucumbir á comodidade do propio nesgo, ás trampas do ego ou ás facilidades dos triunfos curtopracistas" e dese xeito, indican, o traballo seguirá "merecendo a pena", "dende o xornalista local que dá voz ás alegacións dunha comunidade veciñal ante os estragos no territorio dun macroproxecto, ao correspondente que envía as súas crónicas baixo as proxectís en Gaza". E sempre coas novas xeracións da profesión no horizonte.
A lei que vén: máis transparencia co destino da publicidade
A nova lei europea de Liberdade dos Medios de Comunicación, a piques de entrar en vigor, fixa novas obrigas como a publicación anual do destino dos fondos destinados a publicidade institucional por parte dos gobernos de todos os niveis
A este mosaico de demandas, materias pendentes e tamén esperanzas súmase a devandita nova lei europea, que tamén terá repercusión en Galicia. Entre outros aspectos, cando a súa aplicación sexa total, o novo Regulamento obrigará a que os membros dos consellos de administración dos medios públicos "sexan nomeados seguindo procedementos transparentes, abertos, efectivos e non discriminatorios".
Ademais, a normativa europea pon o foco nos fondos públicos que chegan aos medios de comunicación e na súa transparencia. Dende agosto de 2025 será aplicable o apartado polo cal os fondos aso medios deben concederse mediante "criterios transparentes, obxectivos, proporcionados e non discriminatorios" e, no caso concreto da publicidade institucional, os diferentes gobernos estarán obrigados a publicar que empresas editoras son destinatarias das súas insercións.
Concretamente, di o Regulamento, "as autoridades ou entidades públicas farán publica anualmente, por medios electrónicos e fáciles de usar, información sobre o seu gasto público en publicidade" institucional. Deben divulgar, "cando menos", cales son as empresas mediáticas que reciben a publicidade, así como o "importe anual do gasto" e "os importes anuais a respecto de cada prestador de servizos de medios de comunicación ou prestador dunha plataforma en liña".
O PP prometeu na oposición unha lei de publicidade institucional que o agora presidente Rueda sinalou como "urxente" nos seus primeiros anos de conselleiro
Esta información pode ser menos detallada para "gobernos subnacionais de entidades territoriais de menos de 100.000 habitantes". Isto deixa fóra a todos os concellos galegos agás Vigo, A Coruña e Ourense.
A maior transparencia e equidade no financiamento público dos medios de comunicación privados era un dos obxectivos da lei de publicidade institucional que o PPdeG prometeu mentres estivo na oposición e que, a través do agora presidente Rueda, considerou "urxente" nos primeiros anos tras o retorno ao poder. O propio Feijóo reiterou esa promesa ata que acabou caendo dos seus programas electorais.