Este mércores fracasou no Congreso o intento do Goberno central de reformar a Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, unha vez que o texto pactado por PSOE, Unidas Podemos e PNV non foi aceptado por ERC e EH-Bildu, consideraron "insuficientes" os cambios introducidos en aspectos como as devolucións en quente de persoas migrantes ou a regulación do material antidisturbios. Deste xeito, na Comisión de Interior a proposta foi derrotada por 18 votos fronte aos 19 que sumaban ademais PP, VOX ou Ciudadanos. Así pois, a lei aprobada no ano 2015 en solitario polo Goberno presidido por Mariano Rajoy continuará vixente sen cambio ningún.
O Colexio considera a continuidade da norma "unha mala nova para a profesión" e "un fracaso colectivo de todos aqueles partidos que, dunha maneira ou outra, eran partidarios de modificala"
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia valorou este xoves a continuidade da norma, que considera "unha mala nova para a profesión" e "un fracaso colectivo de todos aqueles partidos que, dunha maneira ou outra, eran partidarios de modificar a norma". "Que esta normativa tan daniña continúe en vigor oito anos despois, malia a unha maioría parlamentaria que contemplaba a súa derrogación nos programas electorais, resulta totalmente incomprensíbel para a sociedade", sinala a entidade, que critica o feito de que "as desavinzas entre os distintos partidos permitan que continúe en vigor unha normativa que día tras día segue a lesionar os intereses da profesión".
Pide "responsabilidade" aos partidos para acadaren "un acordo que libre a xornalistas e ao resto da sociedade das restricións intolerábeis dunha norma que nunca debeu ser aprobada"
A Xunta de Goberno do Colexio "lamenta" que non se conseguira chegar a un acordo "para, cando menos, eliminar os aspectos máis lesivos para a liberdade de información da Lei de Seguridade Cidadá" e insta aos partidos políticos "a incrementar os esforzos para derrogar ou reformar esta lei tan perniciosa para as e os comunicadores", apelando á súa "responsabilidade" para acadaren "canto antes un acordo firme, plural e valedoiro, que libre a xornalistas e ao resto da sociedade das restricións intolerábeis dunha norma que nunca debeu ser aprobada".
O Colexio subliña que a norma "supón importantes trabas ao dereito a informar" e advirte de que os comunicadores "expóñense a seren multados en determinadas circunstancias ou mesmo a que se lles confisquen as imaxes obtidas, ao sancionarse un suposto uso non autorizado das mesmas" sen explicitar a quen corresponde outorgar esta autorización
O Colexio subliña que a norma "supón importantes trabas ao dereito a informar" e advirte de que os e as comunicadoras "expóñense a seren multadas en determinadas circunstancias ou mesmo a que se lles confisquen as imaxes obtidas, ao sancionarse un suposto uso non autorizado das mesmas" sen explicitar a quen corresponde outorgar esta autorización e establecendo "no que na práctica é unha limitación previa á liberdade de expresión". O Colexio cualifica a Lei Mordaza como "un dos maiores retrocesos da liberdade de prensa no noso país".
Lembra que nos últimos anos a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, o Foro de Organizacións de Xornalistas, a Federación de Sindicatos de Xornalistas, a Federación Europea de Periodistas ou Reporteiros sen Fronteiras teñen manifestado a súa rotunda oposición a unha norma que propiciou sancións a xornalistas, a activistas sociais ou a persoas que se manifestaban por calquera causa e mesmo en situacións que se poden cualificar mesmo de absurdas ou surrealistas.