Un xornalista da revista vasca Argia foi multado con 601 euros por realizar o seu traballo. A denuncia foi cursada pola Subdelegación do Goberno central en Gipuzkoa e menciona que o xornalista Axier Lopez puxo na súa conta Twitter a foto dunha operación policial "sen autorización". É a primeira vez que no Pais Vasco un xornalista é sancionado en aplicación da Lei Mordaza, segundo sinala a publicación.
A Subelegación do Goberno en Gipuzkoa indica que Axier Lopez subiu unha foto dunha operación policial ao Twitter "sen autorización"
A foto que provocou a sanción foi tomada no operativo policial que detivo en Eibar a Naroa Ariznabarreta. Ariznabarreta negouse a presentarse á vista oral na que se lle xulgaba por un corte na Autoestrada A8 en protesta pola ilegalización da organización xuvenil Segi en 2007. Axier Lopez subiu as fotos da súa detención ás redes sociais o 3 de marzo, no mesmo momento no que se produciu a detención. Argia seguiu de preto a acción destes mozos e, xunto a outros xornalistas, López fixo seguimento directo do que acontecía.
A Delegación do Goberno sustentou a sanción na infracción da Lei Orgánica de Seguridade Cidadá 4/2015, coñecida tamén como Lei Mordaza e rexeitada amplamente polos movementos sociais e todo o arco político, agás o PP.
A denuncia di así: "O 03/03/2016 o denunciado publicou sen autorización na súa conta de Twitter @axierL imaxes dunha actuación policial levada a cabo en Eibar a mañá dese mesmo día. A través de ditas imaxes é posible a identificación dos axentes actuantes, co risco que para os funcionarios pode derivar da súa identificación pública".
Naroa Azirnabarreta Eibarren atxilotu duten unea https://t.co/CqNrfJO2NW pic.twitter.com/Ex4Rejjkj8
— Axier Lopez (@axierL) 03 marzo 2016
Ameazas anteriores ao dereito a informar
En novembro o goberno español xa ameazou ao medio navarro Ahotsa.info por infrinxir a Lei Mordaza. Nun escrito dirixido a devandito medio, a Policía Nacional subliñaba que nunha noticia publicada nas festas de San Fermín aparecían imaxes de varios dos seus axentes. A delegada do goberno en Navarra, Carmen Alba, advertiu ao medio da infracción que carrexa publicar datos ou fotografías de policías sen a autorización pertinente.
En marzo de 2015, e encadrada na iniciativa O xornalismo non é delito, 400 xornalistas do País Vasco fixeron público o seu rexeitamento á Lei Mordaza. Precisamente, o xornalista Axier Lopez xunto con Iraitz Salegi foron os impulsores daquela iniciativa.
Esta semana a oposición ao completo uniuse no Congreso dos Deputados para rexeitar tres leis: a LOMCE no ámbito educativo, o novo Código Penal e a Lei Mordaza. En febreiro de 2014 o Parlamento Vasco aprobou unha moción na que se pedía a derrogación da Lei Mordaza. PNV, EH Bildu, PSE-EE e UPyD apoiaron a moción e soamente o PP votou en contra.