Un proxecto financiado pola UE que recompila ataques en todo o continente inclúe dez no país desde 2016
As acusacións ao Goberno central por parte do PP e do presidente da Xunta de querer “amordazar” aos medios de comunicación coa aprobación dun Procedemento de actuación contra a desinformación co que desenvolve en España a estratexia europea contra as fake news foron contestadas pola Comisión Europea, para quen non hai motivos para crer que o documento afecte á liberdade de prensa. A mesma Comisión Europea que o pasado xuño advertiu aos gobernos rexionais que “deben garantir a transparencia da súa actividade” durante a crise do coronavirus. E a mesma Comisión Europea que financia un proxecto de identificación de ameazas á liberdade de información que xa ten documentados dez casos en Galicia desde 2016, varios deles relativos a actuacións das administracións públicas.
Mapping Media Freedom sinala que cada alerta que recibe "é verificada por tres fontes cribles e independentes"
O proxecto Mapping Media Freedom, que localiza e verifica denuncias de ameazas contra a liberdade de información, está xestionado polo European Centre for Press & Media Freedom, a European Federation of Journalists e o International Press Institute e está financiado pola Comisión Europea. Segundo explica a súa web, “cada alerta é verificada por tres fontes cribles e independentes que inclúen pero non se limitan a: medios de comunicación locais e nacionais, sindicatos de xornalistas, informes policiais ou contas en redes sociais de individuos directamente involucrados”, cos que tamén se contacta persoalmente.
O proxecto ten documentados 5.324 casos en todo o continente, dos que 218 están rexistrados en España e 10 en Galicia. Son estes, en orde cronolóxica desde 2016, con enlaces aos respectivos informes elaborados por Mapping Media Freedom:
- Xullo de 2016: Un fotógrafo de Faro de Vigo é atacado mentres gravaba unha pelexa en Cambados.
- Setembro de 2016: Ameazas en Twitter contra tres xornalistas de La Voz de Galicia.
- Setembro de 2016: La Voz de Galicia e un dos seus columnistas son condenados a pagar 5.000 euros por “ataque ao honor” do senador ourensán do PP Miguel Ángel Pérez de Juán.
- Marzo de 2017: Prohibición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de gravar e fotografar nos espazos comúns dos xulgados sen permiso expreso.
- Maio de 2017: Estudantes impiden a xornalistas cubrir unha conferencia sobre Corea do Norte na Facultade de Xeografía e Historia da USC.
- Xuño de 2017: A policía dificulta a cobertura xornalística do desaloxo do colectivo Escarnio e Maldizer dun edificio de Santiago.
- Outubro de 2017: Demanda da presentadora Paula Vázquez contra OK Diario tras publicar o dixital que se ría dos incendios en Galicia.
- Abril de 2018: Un fillo de Charlín golpea un fotógrafo de Faro de Vigo en Vilanova de Arousa.
- Xuño de 2018: Dous presentadores dimiten pola manipulación e interferencias políticas na TVG.
- Outubro de 2018: Un fillo de Charlín ataca unha reporteira de Telecinco en Vilanova de Arousa.