A Xunta é condenada a convocar un novo concurso de licenzas de radio: "está vinculado á liberdade de expresión", di o TSXG

Sentenza que condena á Xunta a convocar un novo concurso de licenzas de radio por "interese xeral" CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O Goberno galego argumentou que a radio dixital terrestre non é rendible pero o tribunal dille que iso é cousa das empresas que decidan arriscarse e salienta que “o interese xeral demanda a convocatoria do concurso”

“Procede convocar concurso público para o outorgamento das licenzas audiovisuais de radiodifusión sonora dixital sen outorgar, dispoñibles na Comunidade Autónoma de Galicia, condenando a efectuar esa convocatoria”. Así vén de pronunciarse o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en tres sentenzas distintas resoltas cos mesmos argumentos do pasado 27 de xullo agora feitas públicas, nas que dá a razón a tres empresas distintas que reclamaran sen éxito á Xunta a convocatoria do proceso para poder facerse con licenzas de radio nalgunhas das frecuencias que hai libres.

O tribunal rexeita todos os argumentos ofrecidos Goberno galego para non facelo e salienta que “o interese xeral demanda a convocatoria do concurso para facer posible a adxudicación das licenzas e a prestación dun servizo que está vinculado á satisfacción dos dereitos de liberdade de expresión e información, sen que a priori se aprecie o risco de prexuízos para o interese xeral polo feito de proceder a convocar o concurso solicitado. 

Fragmento dunha das tres sentenzas, similar nas outras dúas, que condenan á Xunta por non convocar un novo concurso de emisoras de radio CC-BY-SA Praza Pública

O preito agora resolto polo TSXG procede do silencio co que a Secretaría Xeral de Medios (á cuxa fronte está Mar Sánchez, principal persoa de confianza de Feijóo na Xunta) respondeu a peticións formuladas por tres empresas en outubro de 2018 para que convocase un novo concurso de licenzas de radio e poder así acceder a algunha das frecuencias que hai libres en Galicia. As empresas recorreron e ante a xustiza o Goberno galego alegou diversos argumentos técnicos e económicos para non convocar o concurso. 

Un proceso cuxos antecedentes se remontan, segundo lembrou o propio letrado da Xunta, ao concurso convocado en maio de 2005, un mes antes das eleccións galegas que apartaron a Manuel Fraga da Xunta, para conceder diversas licenzas de televisión e radio. Tras os comicios, e malia gobernar en funcións, o Goberno galego saínte decidiu adxudicar dúas canles de televisión dixital terrestre (TDT) de ámbito autonómico a proxectos impulsados por La Voz de Galicia (V Televisión) e a cadena Cope (Popular TV), que acabarían pechando as súas emisións en 2018 e 2013, respectivamente. A resolución do concurso das emisoras de radio deixouse en mans do seguinte goberno bipartito, pero quedou deserto.

“Non é sostible dicir que non se convoca o concurso por non existir interese por ningunha empresa cando unha pluralidade de sociedades mercantís o están solicitando e recaban a tutela xudicial", di o tribunal 

No eido técnico, e tras cruzar informes periciais, o xulgado desestima todos os argumentos esgrimidos pola Xunta e conclúe que hai frecuencias dispoñibles para poder convocar un concurso se hai empresas interesadas nelas. Pero é no eido dos argumentos económicos no que o tribunal censura o intento de intervencionismo ou “tutela” da Xunta no sector e sitúa por riba un dereito fundamental como o da liberdade de expresión e información. 

Por unha banda, o argumento da Xunta de que o concurso de 2005 quedou deserto, e que desde aquela as emisións de radio dixital terrestre perderon aínda máis interese económico para posibles empresas interesadas debido á aparición nos últimos anos doutro tipo de medios de transmisión, como internet, o tribunal desbótao salientando que hai novas peticións de “empresas que se constituíron con posterioridade á convocatoria do anterior concurso de 2005”. “Non é sostible dicir que non se convoca o concurso por non existir interese por ningunha empresa cando unha pluralidade de sociedades mercantís o están solicitando e recaban a tutela xudicial para que se condena á administración a que proceda a realizar esa convocatoria”, di o tribunal.

Fallos das tres sentenzas similares emitidas polo TSXG condenando á Xunta a convocar un novo concurso de licenzas de radio CC-BY-SA Praza Pública

Canto á suposta falta de rendibilidade dunha emisora de radio dixital terrestre para unha empresa, a sentenza di que “tal cuestión afecta en exclusiva a estas, que serán as que deberán afrontar os correspondentes custos no caso de resultar adxudicatarias”.

“Non é a Administración a chamada a tutelar os intereses económicos ou comerciais das empresas", sentenza o TSXG ante o argumento da Xunta de que as emisoras non serían rendibles

E conclúe: “Non é a Administración a chamada a tutelar os intereses económicos ou comerciais das empresas que solicitaron a convocatoria do concurso, e unha vez constatado que si existe o interese na adxudicación das licenzas que se afirma que están dispoñibles para a prestación deste servizo radiofónico dixital en Galicia, o interese xeral demanda a convocatoria” pola súa antedita vinculación cos dereitos de liberdade de expresión e información.

A sentenza, que só pode ser recorrida en casación, chega un ano despois de que o Tribunal Supremo confirmase a condena da Xunta por pechar de xeito ilegal a emisora comunitaria coruñesa Cuac FM por carecer de licenza. A xustiza estableceu que tamén nese caso o Goberno galego vulnerara o dereito fundamental de liberdade de expresión, como agora, ao impedir á emisora obter o permiso necesario para as súas emisións pola “inactividade” da propia Xunta, que durante anos evitou regular, como obrigaba a lei, o procedemento para outorgar licenzas a ese tipo de emisoras comunitarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.