V Televisión renuncia á súa licenza, que a Xunta evitou rescatar prorrogándoa dúas veces

Feijóo, visto a través de dous monitores de televisión durante un pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

O 22 de xullo de 2005, apenas dez días antes de ter que abandonar oficialmente o poder pola toma de posesión do novo Goberno de PSdeG e BNG, a Xunta de Manuel Fraga adxudicou en funcións dúas licenzas de Televisión Dixital Terrestre (TDT). As adxudicatarias das que prometían ser as dúas primeiras televisións autonómicas privadas foran o Grupo Voz e Popular TV. Segundo os proxectos que ambas presentaran, a suma de ambas concesións ía traer consigo uns 100 millóns de investimentos e uns 180 postos de traballo.

O Consello da Xunta aceptou sen anuncialo a renuncia da licenza de V Televisión, que este 23 de decembro publica o DOG

Esas promesas nunca se cumpriron. As dúas canles comezaron a emitir máis tarde do previsto e cun despregamento técnico e humano menor ao anunciado: Popular TV, do grupo da Cadena COPE, botou a andar en novembro de 2009 e pechou no verán de 2013. V Televisión, do Grupo Voz, comezou a emitir en marzo de 2010,  pechou en xaneiro de 2018 e agora vén de renunciar á súa concesión. A renuncia aceptada polo Consello da Xunta o pasado día 19, pero sen facelo público. Este 23 de decembro publícase no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Secretaría Xeral de Medios.

Anuncio no DOG coa resolución que fai oficial a extinción da licenza de V Televisión CC-BY-SA Xunta

As dúas televisións privadas autorizadas polo Goberno de Fraga en funcións pecharon sen chegar a cumprir as condicións da concesión

O Goberno galego "acepta a renuncia e declara a extinción da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva de ámbito autonómico outorgada a Medios Digitales de Galicia S.A.U.", a compañía a través da cal o Grupo Voz lanzara a súa canle televisiva. Esta empresa aínda dispuña ata 2021 para cumprir as condicións da concesión grazas á última de dúas prórrogas outorgadas pola propia Xunta, que a través das leis de acompañamento dos Orzamentos de 2015 e 2017 evitou ter que rescatar as dúas licenzas da TDT galega privada por incumprimento das súas condicións.

A Xunta aprobou senllas prórrogas en 2014 e 2016 para evitar rescatar as licenzas de Popular TV e V Televisión

A primeira destas prórrogas chegou no outono de 2014. Daquela, a Xunta deu "un prazo de dous anos", ata 2017, para "materializar os compromisos asumidos" ás canles que obtivesen licenzas antes da lei de comunicación audiovisual do ano 2010 e do decreto galego na mesma materia do ano 2012. Cando estaban a piques de cumprirse eses dous anos, en decembro de 2016 o propio Goberno de Alberto Núñez Feijóo introduciu outra prórroga pola mesma vía, neste caso de catro anos, ata 2021. Nesta ocasión non cumprirá unha nova ampliación, porque o Grupo Voz renuncia á licenza.

O fracaso da TDT autonómica privada uniuse ao panorama de incumprimentos masivos do medio cento de licenzas da TDT local, neste caso outorgadas en tempos do bipartito entre unha quincena de empresas e grupos. Das apenas oito que chegaron a emitir, varias pecharon nos últimos anos -caso de TeleLugo, Santiago TV ou Correo TV- sen chegaren a adquirir a dimensión prometida en emprego, contidos ou uso do galego. Outras moitas, como as concedidas a grupos mediáticos como Prisa, La Capital ou Prensa Ibérica, nin sequera chegaron a funcionar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.