A Xunta completa o mapa da TDT local concedendo 20 novas licenzas

As concesións aprobadas pola Xunta pechan o proceso iniciado en 2006 Dominio Público paperblog.com

O Consello da Xunta aprobou este venres a adxudicación de 20 licenzas de emisión para televisións privadas de ámbito local. En total presentáranse 41 ofertas (de 15 empresas distintas) para un total de 26 licenzas. Seis delas quedaron vacantes, nas demarcacións de As Pontes, Chantada, Vilalba, Viveiro, O Barco e Verín. Estas concesións completan o proceso iniciado en 2005, cando saíron a concurso 63 licenzas; de feito, entre as 26 licenzas convocadas novamente este anos estaban as 17 que quedaran vacantes en 2006, outras 5 que foran anuladas e outras 4 concesións de 2006 ás que as concesionarias renunciaran.

Vía Televisión foi a principal beneficiaria

Vía Televisión foi a principal beneficiaria, ben a través de Audiovisuales Sogavi S. L. U., de Vigo RTV Digital Local ou de Materiales Eléctricos Disgetec, unha empresa de instalación de equipos de emisión con sede en Pontevedra que é un dos principais anunciantes de Vía RTV.

Estas concesións pechan de momento un mapa televisivo a nivel local que nos últimos anos xerou numerosas polémicas e que quedou moi lonxe do esperado en canto á actividade das empresas concesionarias. No ámbito autonómico unha das canles beneficiadas polo criticado concurso convocado por unha Xunta de Manuel Fraga xa en funcións, Popular TV, xa cesou as súas emisións, a pesar de que se comprometera a crear 40 empregos e a investir 2,3 millóns. A outra, V Televisión, sobrevive cunha dimensión e cadro de persoal moi inferior ao prometido. No eido local a situación é mesmo peor: Das 48 licenzas outorgadas só 8 están en funcionamento (TeleLugo, Santiago TV, Correo TV, Localia Vigo, Telemiño, Canal Rías Baixas, Nós TV e Televinte) e fano, en xeral, en situacións de relativa precariedade.

O panorama é moi pobre, debido sobre todo a que a meirande parte das concesións outorgadas aos xornais locais non están operativas, e non parece que o vaian estar proximamente. Prensa Ibérica, propietaria de La Opinión e Faro de Vigo, recibiu sete licenzas (en Carballo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Ourense e Vigo). La Capital, editora de Diario de Ferrol, El Ideal Gallego e Diario de Arousa, fíxose con catro (en Carballo, A Coruña, Ferrol e Vilagarcía).

As empresas concesionarias das licenzas de televisión dixital terrestre outorgadas pola Xunta en 2005 e 2006 prometeron investir case 142 millóns de euros e crear ao redor de 1.700 postos de traballo

En total, as empresas concesionarias das licenzas de televisión dixital terrestre outorgadas pola Xunta en 2005 e 2006 prometeron investir case 142 millóns de euros e crear ao redor de 1.700 postos de traballo. A realidade, hoxe por hoxe, é moi distinta. Estas canles xa deberían ter comezado as súas emisións ou, en caso contrario, o Goberno galego debería terlles retirado as súas concesións. Porén, hai apenas dous meses a Xunta condeulles unha nova prórroga de dous anos para que sigan incumprindo os seus compromisos. Fíxoo ademais dunha peculiar disposición legal incorporada aos Orzamentos Xerais para 2015.

 

Ofertas que obteñen as novas licenzas

  • Demarcación de Carballo: Onda Hit S.L.
  • Demarcación de Ferrol: Guntiñas Núñez, Luis
  • Demarcación de Vimianzo: Antonio Jorge Campos, Audiovisuales Sogavi SLU (Vía Televisión)
  • Demarcación de As Pontes: Audiovisuales Sogavi SLU (Vía Televisión), Canal 26 TV Carballiño
  • Demarcación de Chantada: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
  • Demarcación de Monforte Lemos: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
  • Demarcación de Vilalba: Audiovisuales Sogavi SLU (Vía Televisión)
  • Demarcación de Viveiro: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
  • Demarcación de O Barco de Valdeorras: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
  • Demarcación de O Carballiño: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión), Canal 26 TV Carballiño
  • Demarcación de Verín: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
  • Demarcación de Ponteareas: Eurorexión Sinerxia SL (propietaria de Sí Radio)
  • Demarcación de Pontevedra: Unión de Televisiones Gallegas SA (Localia), Televisión Mancomunidade Do Salnés SL (Canal Rías Baixas), Vigo RTV Digital Local SLU
  • Demarcación de Arousa: Vigo RTV Digital Local SLU (Vía Televisión), Lidia Nodar Suarez
As concesións aprobadas pola Xunta pechan o proceso iniciado en 2006 Dominio Público paperblog.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.