A Xunta lanza unha nova lei para os medios públicos tras máis dunha década sen cumprir a vixente en aspectos como nomear por maioría parlamentaria reforzada ao director xeral, ao que mantén no cargo por tempo indefinido grazas a unha reforma 'á medida'
Hai case trece anos anos que o Parlamento aprobou a vixente lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Apenas seis meses despois da súa entrada en vigor xa estaban incumpridos algúns dos seus aspectos clave, como a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento.
Catro anos despois, en 2015, o PP aproveitou o trámite dos orzamentos do ano seguinte para introducir unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias daquela lei. Aquela modificación permitiu manter no cargo por tempo indefinido a Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado director xeral da CRTVG polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo en 2009, cando aínda rexía a lei de creación dos medios públicos, que en 1984 daba esa competencia á Xunta.
Neste 2024, no medio de crecentes ruxerruxes sobre unha renuncia de Sánchez Izquierdo, tras seis anos de venres negros do colectivo Defende a Galega e entre reiteradas esixencias do comité intercentros da CRTVG para o cumprimento íntegro da lei, a elección parlamentaria da dirección xeral e a fin do que consideran reiterada "manipulación" informativa na Televisión de Galicia e na Radio Galega, a Xunta prepara unha norma lei. Entre as súas novidades, unha fórmula para poder remudar o director xeral só cos votos do PP.
A CRTVG pasará a denominarse "Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia" e Rueda admite que a norma introduce unha disposición que permitirá remudar a Sánchez Izquierdo por maioría absoluta. "Tamén é reforzada e democrática", xustifica
O pasado maio o Goberno galego deu o primeiro paso, cunha consulta pública previa, para lanzar a nova norma, que denominou provisionalmente Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital. Este 29 de xullo, como seguinte trámite, pasou polo Consello da Xunta coa forma de anteproxecto e o presidente, Alfonso Rueda, confirmou a alteración no xogo de maiorías para elixir a dirección xeral, na liña do adiantado a pasada fin de semana por elDiario.es.
"As maiorías necesarias" para elixir a directora ou director xeral da que xa non se chamará Corporación Radio e Televisión de Galicia, senón Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, "mantéñense como primeiras opcións" as vixentes, isto é, -dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45)-, sinala Rueda. Ambas fórmulas, coa configuración do Parlamento saída das últimas eleccións, obrigan a que o PP (40 escanos) acorde o nome con cando menos un dos grupos da oposición: o BNG (25) ou o PSdeG (9).
Pero, admite o presidente, o Goberno galego introduce no novo texto unha disposición transitoria que só busca, asegura, "evitar unha situación de interinidade" ou "bloqueo". "A posibilidade dunha maioría absoluta ocmo terceira opción", é dicir, que os votos do PP sexan dabondo para nomear a persoa que dirixa os medios públicos de comunicación. Esa, di, é "unha maioría tamén reforzada e democrática" aínda que o "desexable" e a "intención" da Xunta e do PP, asegura, é buscar un acordo. Esta fórmula é practicamente idéntica á aplicada polo PP de Rajoy a RTVE en 2012, apenas seis meses despois de lograr maioría absoluta no Congreso.
Deste xeito, e á espera da inminente publicación do anteproxecto íntegro e dos seguintes pasos da súa tramitación, a nova lei dos medios públicos deixará a porta aberta aos conservadores a dar carpetazo á lei do 2011 sen chegar a cumprila nunca integramente. E substituír a Sánchez Izquierdo tras década e media no cargo deixando por estrear a normativa concibida para minguar o control gobernamental na TVG e na Radio Galega.
Consello asesor e traducións de contidos
Alén do control gobernamental dos nomeamentos, entre o avanzado por Rueda sobre os contidos da nova lei, cuxa pertinencia a Xunta xustifica coa adaptación ás novas normas europeas e tamén ás novas realidades do sector audiovisual, o texto inclúe tamén a creación dun novo "consello asesor" para os medios públicos. Terá 15 membros e estará composto, di, por representantes do mundo "da cultura, a ciencia, a tecnoloxía, a educación", así como concellos ou asociacións de consumidores, entre outros.
Tamén asegura que a nova norma prevé o "impulso á produción propia de contidos" con "programas e servizos 100% en lingua galega", aínda que cunha salvidade: "Sen prexuízo do uso doutras linguas" para "dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma".
Rueda asegura que os medios públicos seguirán con "programas e servizos 100% en lingua galega", pero a nova lei abre a porta ao "uso doutras linguas" para "dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma". "Castelán e inglés, basicamente", especifica
Mantén o presidente que ese novo precepto non pon en cuestión a produción íntegra en galego da actual CRTVG. Pero que procura "que se poidan difundir contidos fóra das nosas fronteiras" e "se fosen exclusivamente en lingua galega, terían unha difusión máis limitada".
Trátase, di, de dar cobertura legal a traducións a "castelán e inglés, basicamente". O texto completo da norma permitirá coñecer con maior precisión os cambios que introducirá a respecto da lei vixente, segundo a cal "a lingua da Corporación RTVG é o galego" e polo tanto, "a prestación do servizo de comunicación audiovisual (...) e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega"