Sánchez cuestiona que Feijóo dea "leccións" de liberdade de prensa co seu "historial" na TVG

Pedro Sánchez, na súa quenda de réplica durante o pleno do Congreso, este 17 de xullo CC-BY-NC-ND Eugenia Morago / PSOE

O presidente do Goberno de España reprocha que Feijóo se presente como "adaíl da liberdade de prensa" tras o seu "control con puño de ferro aos medios tanto públicos como privados" en Galicia

A comparecencia de Pedro Sánchez para expoñer no Congreso dos Deputados o seu "plan de rexeneración" democrática, centrado en boa medida na aplicación en España no novo Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación -cun groso de principios de obrigado cumprimento dende 2025- derivou, na quenda de debate co líder do PP, nun agre tirapuxa. Un cruzamento de reproches que, na réplica do presidente do Goberno de España, derivou cara á etapa de Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta e o seu "control con puño de ferro aos medios tanto públicos como privados".

"Hai que ter cuajo para vir dar leccións" e presentarse, di o presidente do Goberno de España, como "adaíl da liberdade de prensa" cun "historial" marcado por "laminar a liberdade dos medios de comunicación". E, no caso da CRTVG, encabezado por estar "trece anos incumprindo a lei de medios que vostede aprobou en 2011".

Pedro Sánchez reprocha a Feijóo o seu "historial" na CRTVG durante a súa etapa como presidente, este 17 de xullo no Congreso CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Congreso

Ese incumprimento, abondou Sánchez, inclúe "oito anos sen renovar a dirección" dos medios públicos galegos "valéndose dunha argucia lexislativa", en referencia á reforma aprobada polo PP en 2015 que permite ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, seguir no posto por tempo indefinido. "Persecución e sinalamento a xornalistas", unha "sentenza condenatoria firme" por "vulnerar o dereito á folga" ou "xornalistas vítimas de acoso laboral" son, considera, unha boa mostra "do que falamos cando falamos de liberdade de prensa vindo do señor Feijóo".

Sánchez subliña o incumprimento da lei de medios de 2011, a permanencia de Sánchez Izquierdo na dirección xeral da CRTVG por tempo indefinido grazas a "unha argucia lexislativa" do PP e os máis de 320 venres negros contra a "manipulación informativa"

Todas estas prácticas, continuou Sánchez, son as que vén rexeitando o movemento Defende a Galega durante "320 venres negros" -o pasado foi o número 321- no que "o persoal de informativos denuncia a manipulación informativa". Fano, acusa tamén, despois de que a canle pública galega nomease "directores de informativos da TVG que exercían como interventores do PP nas eleccións" -esa circunstancia deuse cando menos nunha ocasión, feita pública en 2011-.

"E vostede vén aquí dar leccións de que?", ironiza Sánchez. Do seu punto de vista, tamén resulta significativo que á fronte do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia -un órgano procedente do fraguismo- estivese "á fronte a súa man dereita", en referencia á ex-secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez Sierra, actual deputada do PP por Madrid no Congreso. 

Alberto Núñez Feijóo, nun intre do pleno do Congreso, este 17 de xullo © Congreso dos Deputados

Ao tempo, o socialista reprocha tamén que Feijóo como presidente "convivise pacificamente co secuestro e censura" do libro Fariña tras "unha denuncia dos seus", ante a que o ex-titular da Xunta non dixo "nin unha palabra", di sobre o secuestro ordenado por unha xuíza de Madrid en 2018 a petición de Alfredo Bea Gondar, ex-alcalde do Grove por Alianza Popular, antecedente orgánico do PP, que se consideraba prexudicado polas mencións na publicación ao seu procesamento.

Feijóo agoira que o plan do presidente do Goberno de España é "controlar todos" os medios e que o financiamento estatal irá só aos que "publiquen o que lle gusta"

Pedro Sánchez respondía con este aluvión de reproches ao retruque realizado por Feijóo á súa intervención inicial, no que considerou que os plans do presidente do Goberno de España pasan, en realidade, por un "ataque á liberdade de información". Vai tentar, asegura "controlar todos" os medios de comunicación "a toda présa" tras "meter a man nos medios públicos" estatais.

Neste sentido, o ex-presidente agoira que os 100 millóns de euros de fondos europeos destinados á "dixitalización" ou medidas de "ciberseguridade" anunciados por Sánchez irán só "aos que publiquen o que a vostede lle gusta ver, escoitar e ler". Porque, acusa Feijóo, "se os medios de comunicación publican o que  a vostede lle gusta" reciben "todo o investimento do Estado" e se "publican o que lle molesta" obteñen "todo o castigo do Estado".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.