O pasado abril, tras os días de "reflexión" nos que asegurou valorar a súa dimisión pola investigación xudicial aberta á súa esposa a raíz dunha denuncia da organización ultra Manos Limpias, Pedro Sánchez anunciou que quedaba e prometeu emprender a "rexeneración pendente da nosa democracia". O Goberno de España, dixo, tomaría medidas para facer fronte ao "movemento reaccionario mundial" que aspira a "impoñer a súa axenda regresiva" mediante "a difamación", a "falsidade" e o "odio".
O presidente do Goberno de España avanza medidas como máis transparencia na propiedade dos medios de comunicación e o seu financiamento público, derivadas en boa medida do Regulamento europeo cuxas obrigas comezan a despregarse en 2025
Este 17 de xullo, case tres meses despois, Sánchez acudiu ao Congreso para expoñer nunha comparecencia algúns dos trazos básicos dese plan. No referido aos medios de comunicación, centro de boa parte da exposición, o acordado entre PSOE e Sumar e que agora se dispoñen a negociar co resto de grupos semella, en boa medida, é aplicar o novo Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, norma que está en vigor dende o pasado maio e que comezará a ser de obrigado cumprimento en toda a Unión Europea nalgúns dos seus aspectos fundamentais a partir de 2025.
Así, como informa Antonio Ruiz Valdivia en infoLibre, entre os aspectos anunciados por Sánchez e incluídos no Regulamento Europeo están os vinculados a que os medios de comunicación teñan que facer pública a información sobre o seu accionariado e propietarios. Tamén as súas fontes de financiamento e maior control e transparencia en materia de audiencias.
A nova norma comunitaria establece preceptos como asignar fondos públicos á prensa con "criterios transparentes, obxectivos, proporcionados e non discriminatorios"
Con este pano de fondo, asegura o socialista, o seu gabinete proponse tamén reformar a lei de publicidade institucional para introducir nela obrigas como as tamén fixadas na devandita norma europea. O que di o Regulamento da UE é que dende agosto de 2025 o financiamento público a medios de comunicación debe rexerse por "criterios transparentes, obxectivos, proporcionados e non discriminatorios" e, no caso concreto da publicidade institucional, os diferentes gobernos estarán obrigados a publicar que empresas editoras a reciben.
Canda estas accións, di, virán outras coma "reforzar os dereitos á honra e á rectificación". "Os medios teñen que ser libres" e "poder desenvolver a súa liña editorial", pero a cidadanía, agrega, tamén debe "poder defenderse" se é obxecto de "calumnias ou acusacións infundadas".
Sinala Sánchez que a intención destas medidas é frear "as fake news", que "erosionan a confianza da cidadanía na democracia e as súas institucións" nun contexto no que, admite, o plan xira en boa medida en torno ao novo regulamento da UE. Así, o presidente do Goberno de España subliña que a norma saíu adiante en Bruxelas tras recibir un amplo apoio no Parlamento Europeo, incluíndo os votos do PP. No caso dos referentes galegos das formacións políticas, votaran a prol tanto o popular Millán Mon coma o socialista Nicolás González Casares e a nacionalista Ana Miranda.
Sánchez propón fixar na lei electoral a obriga de celebrar debates e que todas as enquisas divulguen os microdatos nos que se basean
Trátase, abonda, de volver confrontar con "vellos inimigos" que agora teñen "novas ferramentas". Así, alén das novas regulamentacións, Sánchez avanza que o seu Executivo prepara unha liña de axudas de 100 millóns de euros de fondos europeos a medios de comunicación para a "dixitalización". Concretamente, para crear "bases de datos" e desenvolver "ferramentas que melloren a súa produtividade e calidade informativa", así como a "ciberseguridade".
Alén dos medios e doutras propostas como reformas nos Regulamentos do Congreso e do Senado para endurecer as sancións a parlamentarios que non presenten ou falseen as declaracións de bens e actividades, o xefe do Executivo español sinala que entre os seus plans figura tamén unha reforma da lei electoral. A súa intención, di, é establecer a obrigatoriedade de celebrar debates electorais entre candidatos nos medios de comunicación, e que todas as enquisas publicadas incorporen os microdatos e a metodoloxía de estimación de resultados.