Un dos resultados da lexislatura europea que este domingo remata coa celebración das novas eleccións á Eurocámara é a lei europea de Liberdade dos Medios de Comunicación. A nova normativa, entre outros aspectos, estipula obrigas como a publicación anual do destino dos fondos destinados a publicidade institucional por parte dos gobernos de todos os niveis e un reforzamento da independencia dos medios de comunicación públicos.
Este pasado martes, a apenas cinco días do 9X, o PP presentou o seu programa para estes comicios. Trátase dunha declaración de 80 "compromisos" que, en xeral, responden máis a intencións políticas máis ou menos xerais para a Unión Europea que a accións concretas. Nalgúns deles, non obstante, si existe máis concreción, como na aplicación da devandita lei de medios.
Mentres, en Galicia, a Xunta impulsa unha nova lei para os medios públicos tras unha década de incumprimento da anterior en aspectos clave como a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento, a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo promete cara ás eleccións europeas protexer a "independencia dos medios de comunicación". E facelo "co fin de defender a independencia de RTVE e da Axencia EFE, corrixir os abusos do Goberno na publicidade institucional e garantir a liberdade de información".
Os de Feijóo prometen "velar pola correcta aplicación" da nova lei europea de medios para "defender a independencia de RTVE e da Axencia EFE" e "corrixir os abusos do Goberno na publicidade institucional" tras impedir que a Eurocámara abordase a situación da CRTVG
Para todo iso, agregan, "velaremos pola correcta aplicación en España da Directiva Europea de Servizos de Comunicación Audiovisual e da Lei de Liberdade dos Medios de Comunicación". A promesa non inclúe referencia ningunha aos medios de comunicación públicos que non son de titularidade estatal, caso da CRTVG, onde seguen sen cumprirse as leis vixentes tamén en aspectos como a existencia dunha autoridade audiovisual independente ou dun Consello de Informativos.
A promesa chega, tamén, mentres en Galicia o persoal da CRTVG mobilizado a través da plataforma Defende a Galega para esixir, precisamente, o cumprimento íntegro da lei nos medios públicos de comunicación chega este venres ás 316 semanas de protestas. E tamén despois dunha lexislatura europea na que os populares, apoiados en Vox, impediron que a situación dos medios galegos fose abordada a través dunha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara, presidida pola súa candidata, Dolors Montserrat.
Os 'okupas' e promesas tiradas da Xunta
Alén dos medios de comunicación, o programa do PP para as eleccións europeas deste 9 de xuño traslada ao nivel comunitario algunhas das ideas forzas dos de Feijóo tanto en Galicia como en España. É o caso de poñer o foco na ocupación ilegal de vivendas como un dos principais problemas no sector da vivenda, para o que tamén aseguran que impulsarán dende a UE medidas como maiores avais públicos para a compra de pisos.
O programa popular inclúe tamén un "rexistro europeo de okupas" e suxire a equiparación dos impagamentos de alugueiro con ocupacións ilegais
Neste ámbito o seu plan é crear o que denominan Rexistro Europeo de Okupas. "Co fin de prover seguridade xurídica e mellorar a información aos arrendatarios e, seguindo o modelo dos ficheiros de morosos, impulsaremos un rexistro europeo de okupas". Os populares súmanse implicitamente deste xeito á tendencia de diversas empresas e medios de comunicación que equiparan impagamentos de alugueiro, con independencia da causa, con ocupacións ilegais. [Os desafiuzamentos multiplicaron por 19 os novos casos de ocupacións en Galicia no inicio de 2024]
O programa o PP tamén inclúe promesas claramente inspiradas no xa feito polo PP en Galicia. É o caso do "novo sistema para indicar a calidade no medio rural: as bandeiras verdes", un "distintivo para premiar contornas destacadas para o turismo rural e e natureza". A "bandeira verde" foi creada por primeira vez pola Xunta en tempos de Fraga (1998) para distinguir labores a prol do medio ambiente e recuperada polo Goberno de Feijóo en 2020 para premiar concellos con boas prácticas neste eido.