"Sensacións" de incremento. "Cada vez máis". "Tendencia crecente". A "principal demanda" de Galicia en materia de vivenda. Un fenómeno en aumento que fai precisas medidas excepcionais, como consultorios financiados con fondos públicos, reformas lexislativas que endurezan o Código Penal ou investimento en seguridade privada.
O discurso político e mediático sobre supostas cifras disparadas de ocupacións ilegais de vivendas volve bater coa realidade dos datos. O Poder Xudicial vén de actualizar os seus datos ao respecto para o primeiro trimestre deste ano e amosan que os novos casos de ocupacións ilegais que chegan aos xulgados seguen en cifras escasas. Máis aínda ao comparalas con outras problemáticas ligadas á vivenda coma os desafiuzamentos que, malia seren moitos menos que anos atrás, son dezanove veces máis que as novas ocupacións.
Sempre segundo os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial, os xulgados galegos recibiron entre xaneiro e marzo deste 2024 un total de 17 demandas por ocupacións ilegais de vivendas en casos "que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social". Dada a habitual escaseza deste fenómeno, o total supón un 10,5% menos que no mesmo trimestre do ano anterior.
Nos primeiros tres meses do ano os xulgados rexistraron apenas 17 casos novos de ocupacións ilegais fronte a 277 desafiuzamentos por impagamentos de alugueiro e 47 desaloxos en vivendas hipotecadas
O que si repunta, e ademais faino con forza, son os desafiuzamentos en vivendas alugadas. Os lanzamentos por impagamento do arrendamento dispáranse un 87% a respecto dos primeiros tres meses de 2023, cando a cifra fora inusualmente baixa, e chegan aos 277, un nivel moi semellante ao do trimestre final do ano pasado.
A estes desafiuzamentos hai que engadir outros 47 en vivendas hipotecadas. En total, 324 desaloxos de vivendas fronte aos devanditos 17 novos casos de ocupacións ilegais que chegaron aos xulgados.
En termos relativos, o número de lanzamentos en vivendas alugadas son 10,2 por cada cen mil habitantes e os que proveñen de execucións hipotecarias, 1,7. A media estatal sitúase en 11,2 para os lanzamentos por alugueiros impagados e en 3 para os desafiuzamentos en vivendas hipotecadas.
Dende que hai datos comparables, os desafiuzamentos son entre once e vinte veces máis que os novos casos de ocupacións en Galicia
Tamén nos novos casos de ocupacións ilegais as cifras galegas están por baixo da media estatal. Os escasos 17 casos supoñen unha incidencia de 0,6 por cada cen mil habitantes, xustamente a metade da media estatal (1,2), que así e todo queda tamén moi lonxe da incidencia dos desafiuzamentos.
Constátase así que no inicio de 2024 non varía a tendencia dos anos anteriores. As cifras por exercicios completos da mesma fonte, o Poder Xudicial, acreditan que dende que hai datos comparables os desafiuzamentos veñen sendo entre once e vinte veces máis que os novos casos de ocupacións en Galicia.