Os prezos da vivenda nova hai xa tempo que en Galicia están moi por riba dos máximos acadados hai dúas décadas
Os prezos da vivenda non deixan de subir. Sucede cos prezos da vivenda de alugueiro, a de máis circulación e a única á que pode acceder unha parte maioritaria da poboación, e tamén cos prezos de compra de inmobles, que acumulan case unha década de ascenso. Os datos do primeiro trimestre, feitos públicos este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE) amosan que os prezos do conxunto das vivendas mercadas no primeiro trimestre do ano están xa moi próximos ao nivel máximo acadado durante a burbulla inmobiliaria.
A mediados do ano 2008 os prezos situábanse nos 140 puntos (tomando como base 100 o prezo do ano 2015), un nivel que no primeiro trimestre do ano 2024 se atopa nos 136,42 puntos. Cómpre destacar que no conxunto do Estado o índice do prezo da vivenda (152,62) superou xa o máximo acadado antes do estoupido da burbulla (151,72, a finais do ano 2007).
No conxunto do Estado o índice do prezo da vivenda (152,62) superou xa o máximo acadado antes do estoupido da burbulla (151,72, a finais do ano 2007)
Os prezos da vivenda nova hai xa tempo que mesmo en Galicia están moi por riba dos máximos acadados hai dúas décadas (170 puntos fronte aos 134 do ano 2009), o mesmo que no conxunto do Estado Español.
A diferenza aínda a seguen establecendo os prezos da vivenda de segunda man, que aínda non atinxiu os máximos previos á Gran Recesión (o índice chega aos 131 puntos, lonxe dos 155 de 2007).
O prezo xeral de compra de vivendas (que ten en conta todos os tipos: novas e de segunda man) aumenta un 5%
Nos últimos doce meses o prezo de compra das vivendas novas medrou un 8,1%, sumando xa dous anos completos cun encarecemento interanual superior ao 6%. O prezo da vivenda de segunda man tamén crece, aínda que a niveis máis contidos (4,7%). O prezo xeral de compra de vivendas (que ten en conta todos os tipos: novas e de segunda man) aumenta un 5%.
Espérase, ademais, que a prevista baixada dos tipos de interese durante os vindeiros meses estimule a compra de vivendas, a solicitude de hipotecas e, en consecuencia, provoque un novo encarecemento dos prezos.