Escalada de prezos de alugueiro e compra e pisos turísticos: a vivenda convértese nun dos problemas de Galicia e entra en campaña

En 2023 o prezo do alugueiro medrou un 8,25% en Galicia e o de compra un 4,6% © IGVS

A vivenda é un dos principais problemas de Galicia. Porén, a cuestión non semella ser unha prioridade nas políticas da Xunta, que é quen ten as competencias na materia, cunha promoción moi limitada de vivendas públicas e accesibles e sen medidas para limitar o encarecemento dos alugueiros

A vivenda é un dos principais problemas de Galicia. Hai poucos inmobles -novos ou de segunda man en bo estado- á venda e mercado de alugueiro é aínda máis reducido e sofre a competencia crecente dos pisos turísticos. Porén, a cuestión non semella ser unha prioridade nas políticas da Xunta, que é quen ten as competencias na materia, cunha promoción moi limitada de vivendas públicas e accesibles (a vivenda protexida rematou outra lexislatura en mínimos malia ao impulso dos fondos da UE) e sen medidas para limitar o encarecemento dos alugueiros a pesar das novas posibilidades que ofrece a lexislación estatal.

Nos últimos anos o tema tampouco foi prioritario do debate político e na axenda pública e, por exemplo, na enquisa preelectoral do CIS coñecida este xoves apenas o 1% dos entrevistados a citaron como "o principal problema" de Galicia, aínda que "a falta de apoio á mocidade" si sumou un 2,1% das respostas. Este sábado, o candidato do Partido Popular, Alfonso Rueda, prometeu duplicar o parque público de vivendas das 3.800 actuais a 8.000 en 2028. Haberá que comprobar nas vindeiras semanas se o problema da vivenda, que inclúe derivadas coma o problema dos desafiuzamentos polo impago do alugueiro (en Galicia prodúcense 15 desafiuzamentos por cada ocupación, segundo os datos oficiais), cobra relevancia nesta campaña electoral 

Dende o 2017 o prezo dos alugueiros medrou un 30% en Galicia, con aumentos que chegan ao 40% na Coruña, Vigo, Santiago ou Pontevedra. 2023 foi o ano no que máis se encareceu o prezo medio dos alugueiros nos últimos 15 anos, cun incremento do 8,25% no conxunto de Galicia

Porque é a mocidade (os menores de 40 anos) a máis prexudicada pola falta de vivenda digna en Galicia, pero tamén a poboación inmigrante, as familias monoparentais e, en xeral, as persoas cun menor poder adquisitivo. Entre un 30% e un 50% (na Coruña) dos habitantes das cidades galegas con ingresos familiares por baixo dos 2.000 euros viven de alugueiro.

Son estas persoas as que máis están a sofrer a escalada dos prezos do alugueiro que se está a vivir nos últimos anos en Galicia e no resto do Estado, con aumentos do 40% na Coruña, Vigo, Santiago ou Pontevedra dende o ano 2017, incrementos que no conxunto do país roldan o 30%, segundo os datos do Observatorio da Vivenda da Xunta.

Na Coruña e Vigo o prezo medio ao mes dos novos alugueiros supera xa amplamente os 600 euros e achégase aos 800 euros nos barrios máis céntricos

Na Coruña e Vigo o prezo medio ao mes dos novos alugueiros supera xa amplamente os 600 euros e achégase aos 800 euros nos barrios máis céntricos. Pontevedra e Santiago achéganse tamén aos 600 euros e aínda que Ourense, Lugo e Ferrol rexistran valores máis reducidos, por debaixo dos 500 euros de media, tamén nestas cidades o incremento de prezos está sendo superior ao 30% en seis anos.

2023 foi o ano no que máis se encareceu o prezo medio dos alugueiros nos últimos 15 anos, cun incremento do 8,25% no conxunto de Galicia e valores próximos ao 9% en Santiago, Vigo ou Ferrol

O esforzo financeiro necesario para mercar unha vivenda en Galicia -é dicir, a porcentaxe do salario necesaria para facer fronte aos pagamentos dunha hipoteca media- pasou do 23,9% ao 28,6% nun só ano

En paralelo ao encarecemento dos alugueiros, nos últimos anos tamén foi medrando de forma importante o prezo de compra dunha vivenda, especialmente o da vivenda nova. Porén, ata o ano 2022 o baixo nivel dos tipos de interese e do Euríbor facía especialmente atractivas as condicións ofrecidas polas hipotecas, o que en moitos casos convertía a compra (quen puidese facelo) nunha opción moito máis conveniente que o alugueiro. Porén, a escalada dos tipos e dos intereses da hipotecas nos dous últimos anos achegou un novo obstáculo no acceso á vivenda, neste caso en propiedade.

O esforzo financeiro necesario para mercar unha vivenda en Galicia -é dicir, a porcentaxe do salario anual medio necesaria para facer fronte aos pagamentos anuais dunha hipoteca media- pasou do 23,9% ao 28,6% nun só ano

O esforzo financeiro necesario para mercar unha vivenda en Galicia -é dicir, a porcentaxe do salario anual medio necesaria para facer fronte aos pagamentos anuais dunha hipoteca media- pasou do 23,9% ao 28,6% nun só ano, entre 2022 e 2023 e acadou o seu valor máis elevado dende 2014. Lonxe aínda, iso si, dos niveis acadados nos anos da Gran Recesión.

As dificultades no acceso ao crédito, unido ao aumento no prezos de venda de vivendas, ampliaron o problema da vivenda, afectando tamén á clase media, condenada a pagar cifras moito máis elevadas ou a optar por algueiros cada vez máis caros.

Os últimos datos oficiais dispoñibles, correspondente ao terceiro trimestre de 2023, sitúan o encarecemento anual do prezo de compra da vivenda en Galicia no 4,6%; un 3,4% no caso da vivenda de segunda man e un espectacular 11,9% no caso da vivenda nova, o maior incremento dos últimos 15 anos.

No último ano o prezo de compra da vivenda en Galicia medrou un 4,6% e fíxoo un 35% dende o 2015

O índice de prezos da vivenda, con base 100 no ano 2015, sitúase xa en 134,8 (é dicir un 35% por riba do nivel de hai oito anos), un valor semellante ao do ano 2010. No caso da vivenda nova o índice chega a 164,8, cun aumento do 65% dende o 2015, mentres que no da vivenda de segunda man a suba dos prezos é máis contida, pero chega ao 30% en oito anos

2023, ano de maior aumento dos pisos turísticos en Galicia

Á hora de falar de vivenda, hai que falar tamén de pisos turísticos, un negocio que non só ten impacto no ámbito turístico e na competencia -leal ou desleal- que exercen fronte aos establecementos hoteleiros, senón sobre todo no do dereito á vivenda. En Galicia, o número de inmobles dispoñibles -e en bo estado- para alugueiro é moi reducido, tanto nas zonas urbanas coma nas rurais. A carencia de alugueiros públicos e as escasas rehabilitacións levan a unha situación na que moitas persoas directamente non atopan vivendas para alugar ou só as atopan a prezos desorbitados. 

No último ano rexistráronse en Galicia case cinco mil novos pisos turísticos, o que dificulta aínda máis o acceso á vivenda en moitos concellos

A medida que unha parte cada vez maior dese parque de inmoblesse dedica ao seu alugueiro temporal como vivendas de uso turístico, o acceso á vivenda se volve aínda máis difícil. O fenómeno dos pisos turísticos non é novo, xa a comezos de 2018 (a Xunta comezou a ofrecer datos públicos en 2017) había rexistrados legalmente 4.630 establecementos deste tipo en Galicia. Dende entón o seu crecemento foi sostido, con incrementos de entre 2 mil e 3 mil pisos turísticos cada ano entre 2018 e 2023. Porén, no último ano o seu número disparouse, cunha suba de case 5 mil novos establecementos, ata deixar a cifra case en 22 mil neste mes de xaneiro.

Vigo e A Coruña duplicaron dende xaneiro de 2022 o número de vivendas de uso turístico rexistradas. Son, ademais, as dúas urbes onde o prezo dos alugueiros é máis elevado

A saturación de pisos turísticos no centro das cidades e, sobre todo, a redución de vivendas dispoñibles para o alugueiro fixeron que urbes como Santiago e Pontevedra impuxesen limitacións nos últimos anos, unhas medidas que tamén están enriba da mesa da Coruña. Ata a aplicación desa moratoria, Compostela era con diferenza a cidade galega con máis pisos turísticos legais. Porén, nos dous últimos anos as cifras disparáronse en Vigo e A Coruña, que duplicaron dende xaneiro de 2022 o número de vivendas de uso turístico rexistradas. Son, ademais, as dúas urbes onde o prezo dos alugueiros é máis elevado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.