Rueda presenta un programa con 870 medidas e promete duplicar o parque público de vivendas

Alfonso Rueda, xunto a Elena Candia, Paula Prado e Valentín García, este sábado en Lugo. CC-BY-SA PPdeG

O anuncio de Rueda chega nun momento en que a vivenda protexida se atopa en Galicia en mínimos históricos e máis de 18.000 persoas agardan na comunidade por esta opción

O presidente da Xunta e e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou este sábado en Lugo o programa electoral co que aspira a “obter a súa primeira maioría absoluta”, segundo indicou o partido nun comunicado, a través dun total de 870 medidas. 

Rueda destacou o seu compromiso para que Galicia duplique o seu parque público de vivenda, pasando das 3.800 vivendas públicas actuais a 8.000 en 2028. E, nesta mesma liña, que para ese ano haxa tamén a disposición dos galegos, en réxime de alugueiro e a prezos accesibles, un total de 20.000 vivendas protexidas. 

O anuncio chega nun momento en que os datos demostran que a vivenda protexida se atopa en Galicia en mínimos históricos e máis de 18.000 persoas agardan na comunidade por esta opción. Unhas 14.000 delas solicitan pisos de alugueiro que non hai.

Os 'populares' presentaron este sábado o seu programa electoral en Lugo. CC-BY-SA PPdeG

“Nós non temos unha folla de ruta en branco. O que temos é un balance de xestión de 15 anos con acertos e erros" di Rueda para referirse tamén a aqueles que “prometen calquera cousa porque nunca gobernaron” e aos que “en canto gobernaron houbo que botalos”

“Eu preséntome ás eleccións consciente do feito ao longo deses anos e do moito que queda por facer, para mellorar, para seguir orientando as nosas políticas ao que demanda a xente que é destinataria delas e para seguir servindo ao pobo de Galicia con lealdade e sen outra dedicación que aos galegos e galegas. Para iso é o programa que presentamos”, explicou. 

Alfonso Rueda indicou que o seu programa electoral é un documento onde se recolle a Galicia que quere e que é o resultado de analizar o que se fixo nestes e o que se quere facer a partir do 18 de febreiro. “Nós non temos unha folla de ruta en branco. O que temos é un balance de xestión de 15 anos con acertos e erros, pero coa confianza de que cada vez que os galegos examinaron o feito e o que nos comprometemos a facer, outorgáronos a súa confianza”, afirmou para referirse tamén a aqueles que “prometen calquera cousa porque nunca gobernaron” e aos que “en canto gobernaron houbo que botalos”.

“Se os galegos me dan a súa confianza, eu non vou ter que chamar á porta da Moncloa para preguntar que podo facer ou que non nin vou ter que facer renuncias e escuras negociacións ou depender dos independentistas vascos e cataláns"

O presidente dos populares remarcou que o seu programa é “realizable” e que nel “non hai nada que non se poda sufragar cos cartos que hai no Orzamento deste ano ou dos anos vindeiros”. De feito, considera que precisamente esa capacidade de ser realizable é o que fai “ambicioso” a este conxunto de propostas.

“Se os galegos me dan a súa confianza, eu non vou ter que chamar á porta da Moncloa para preguntar que podo facer ou que non, nin vou ter que facer renuncias e escuras negociacións ou depender dos independentistas vascos e cataláns. Porque eu só estou disposto a pactar coa xente á que lle pido a confianza a través deste programa”, engadiu.

Alfonso Rueda, durante a presentación do programa electoral do PPdeG para as autonómicas do 18F. CC-BY-SA PPdeG

O presidente e candidato do PPdeG quixo tamén referirse á visita de Pedro Sánchez hai uns días a Ferrol na que prometeu unha fragata que “hai uns meses o propio Goberno central dicía que non ía facer e sen que a propia Mariña Española tivese constancia deste anunciou”. Unha actitude á que, engadiu, os galegos xa están tristemente acostumados. 

“Cando o candidato socialista presume de ser o gran conseguidor, o que realmente está a mostrar é como funcionan realmente os partidos que prometen moito e non fan nada: en seis anos de Goberno socialista en España, nada para Galicia e todo agora a tres semanas das eleccións”, explicou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.