Tras inaugurarse en 2013 a autovía ata Celanova, pola que a Xunta está a pagar de máis, quedou pendente a mellora da OU-540 ata a fronteira, pero nela xa non se farán as circunvalacións de Bande e Verea senón só unha mellora da calzada actual
Tras o afundimento do Prestige non só o Estado senón tamén a Xunta anunciou o seu propio Plan Galicia de investimentos en infraestruturas. Con Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Obras Públicas en marzo de 2003 encargaba a redacción do proxecto para mellorar a OU-540 (antiga N-540) entre Celanova e a fronteira portuguesa á altura do parque natural do Xurés. Esa mellora da estrada sería a continuación da autovía que se prevía ata Celanova e incluiría circunvalacións ou variantes ao seu paso polos núcleos de Bande e Verea.
21 anos despois a autovía ata Celanova está en servizo desde 2013, pero a mellora do resto da estrada ata a fronteira aínda segue pendente e este xoves foi novamente anunciada polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a salientou como "importante" ao tempo que o seu equipo a definía nun comunicado como "prioritaria". Porén, a actuación xa non inclúe as novas circunvalacións senón só a mellora da calzada actual.
Tras o anuncio do Plan Galicia de hai dúas décadas, durante o goberno de PSdeG e BNG elaboráronse os estudos e proxectos técnicos previos necesarios para as diversas actuacións a realizar en todo o eixo de comunicacións entre Ourense e a fronteira. Despois, con Feijóo novamente na Xunta xa como presidente, e lembrando que a actuación proviña do Plan Galicia, o Goberno galego inauguraba en 2013 a autovía ata Celanova. Unha autovía feita con peaxe en sombra cuxo canon foi despois elevado pola propia Xunta nunha operación que levou ao Consello de Contas a criticar hai catro meses que se está a pagar de máis á concesionaria.
A Xunta presenta a obra como "prioritaria" 21 anos despois de anunciala tras o afundimento do Prestige
Para cando foi inaugurada a autovía en 2019 as variantes de Bande e Verea e o resto de actuacións a realizar na estrada convencional ao sur de Celanova xa non eran citadas nas notas de prensa, pero dous meses despois o conselleiro Hernández reiteraba aos alcaldes da zona que “o compromiso da Xunta non rematou coa execución da autovía” e aseguraba que “se continúa coa tramitación da mellora da estrada OU-540, no treito ata Portugal”.
E así seguiu, en trámites, durante unha década. Porque a finais de 2019 o propio Feijóo recibía en persoa a alcaldes da zona e lles reiteraba a promesa de mellorar a estrada pero catro anos despois a actuación aínda non se concretou.
En 2019 o que fixo a Xunta foi encargar a redacción dun novo proxecto, pero nel xa non aparecían as circunvalacións prometidas senón só ampliacións de carrís, melloras de interseccións ou rectificacións de curvas. E iso é o que agora di Rueda que se fará.
Unha nova promesa que aínda ten que concretarse, porque o Consello da Xunta deste xoves o que fixo público foi un informe sobre esa futura actuación, un tipo de documento sen máis validez legal que a dunha nota de prensa, ao contrario doutro tipo de acordos firmes que si se adoptan nas reunións do Goberno galego. Ese informe o que di é que a Xunta prevé destinar 13,2 millóns a mellorar os 42 quilómetros da OU-540 entre Celanova e a fronteira, pero que de momento a actuación comezará por un primeiro treito entre Celanova e Bande cun investimento de 6 millóns.