Tras anos de mobilizacións do persoal que traballaba só 3 meses ao ano, a vaga de incendios de 2017 levou a Xunta a ampliar progresivamente os contratos ata os 6 meses e agora o PPdeG promete aumentalos a 9 meses en 2026
Ata 2017 preto de medio milleiro de brigadistas de loita contra o lume só tiñan contrato coa Xunta durante 3 meses ao ano. A vaga de incendios do outono daquel ano, cando ese persoal xa fora desmobilizado, as súas protestas, a evidencia de que o cambio climático está a ampliar as temporadas e a gravidade dos incendios e a necesidade de facer traballos preventivos durante o resto do ano levou a Xunta a prorrogar progresivamente durante os anos seguintes a duración dos seus contratos, de xeito que en 2021 pasou a haber uns mil brigadistas contratados 6 meses ao ano, outros 600 contratados 9 meses e uns 1.400 activos todo o ano.
As circunstancias que levaron a Xunta a aquela ampliación dos meses de traballo dos brigadistas seguen vixentes e este martes Alfonso Rueda, non como presidente da Xunta senón como candidato do PP, prometeu nun encontro con brigadistas na sede do partido que os anteditos mil traballadores que ata agora estaban activos 6 meses ao ano pasarán a estalo 9 meses. Pero será, segundo indica o partido nun comunicado, "se obtén a confianza dos galegos o próximo 18 de febreiro e continúa á fronte do Goberno galego".
Rueda di agora que a ampliación dos meses de traballo que os brigadistas veñen reclamando desde hai anos "ten todo o sentido"
Esa decisión de ampliar os contratos dos brigadistas non só a tomará a Xunta tras as eleccións senón que tamén será gradual, de xeito que este 2024 a ampliación do tempo será dun mes, ata un total de 7 meses. Así, non sería ata 2026 cando ese persoal traballaría 9 meses ao ano. Un cambio que chegaría despois de que o persoal que antes traballaba 9 meses pasase a facelo durante todo o ano, de xeito que na actualidade ese é o período de actividade dun terzo dos 3.000 traballadores do servizo de incendios forestais.
A medida prometérona Rueda e o PPdeG ante representantes das asociacións Apropiga, Atrifoga e Aproxecugal, que levaban tempo reivindicando o aumento do seu tempo de traballo. Unha reivindicación que agora Rueda di que "ten todo o sentido".