A Xunta prescinde dos case mil brigadistas contra incendios que emprega seis meses ao ano malia as demandas para ampliar o seu labor a todo o ano
Galicia perdeu desde este pasado martes case un milleiro de brigadistas pertencentes ao dispositivo de prevención e loita contra os incendios forestais da Consellería do Medio Rural. 984 persoas con contrato fixo descontinuo por seis meses ao ano volven ao desemprego ao rematar o período de alto risco. E de novo, entre demandas para que o seu labor se estenda a "todo o ano" e incida nuns traballos preventivos que, advirten, son máis necesarios que nunca ante a belixerancia e perigosidade dos novos tipos de incendios que impulsa a crise climática.
Así, e segundo o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), nese período de risco alto de lume houbo activas case 5.700 persoas entre todas as administracións implicadas na loita contra os incendios no país (Xunta, concellos e Estado). Delas, algo máis de 3.000 corresponden á Administración galega, das que sobre 1.400 están activas todo o ano, máis de 600 teñen contrato fixo descontinuo de nove meses ao ano e outro milleiro, o mesmo tipo de relación laboral pero só por seis meses, a que agora remata.
Persoal contraincendios do Distrito Vigo-Baixo Miño mobilizouse reclamando "traballo digno todo o ano" e "máis prevención" para evitar incendios
Son bombeiros, vixiantes fixos, motobombistas e emisoristas que "volven engordar as funestas estatísticas galegas de desemprego invernal" nun ano, "aínda por riba, no que se descoñecen as previsións de futuro da Consellería do Medio Rural para estas persoas e as súas familias".
Así o denunciaron este mércores nunha protesta traballadores do Servizo de Prevención contra Incendios Forestais (SPIF) do Distrito Vigo-Baixo Miño, que reclamaron "traballo digno todo o ano" e insistiron nunhas demandas que levan tempo tamén expresando sindicatos ou colectivos como a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga).
Así o advertía tamén a CIG hai só uns meses, denunciando a situación de persoal cun "contrato precario, de apenas seis meses" que "traballa sen coñecemento previo da data fixa de comezo e remate dos períodos de actividade", o que "impide que poida facer compatíbel ese traballo con outro". "Moito persoal está condenado a ter uns ingresos anuais por baixo do limiar da pobreza", dicía.
Persoal reclama "máis prevención" para "unha menor extinción" e advirte dos incendios "de gran perigosidade" que traen o cambio climático e o abandono
Os bombeiros forestais de seis meses, agora desde o Baixo Miño, volven reclamar "futuro" tanto para eles como para "os montes e o rural". "Máis prevención cara a unha menor extinción", din tras alertar de que, malia ter sido atípico polas condicións climáticas, o resultado da política de extinción foi "ben pobre" e algún incendio -como o da Ribeira Sacra- "volveu ser serio aviso do que nos vén enriba ou xa está aquí".
Os profesionais advirten de episodios "de grande magnitude e perigosidade", como fixeron tamén expertos en moitas ocasións, e lembran que "o empuxe do cambio climático e o estado de abandono en amplas zonas de núcleos habitados, en espazos da interface urbano-forestal, fan que a catástrofe de Pedrógão Grande en 2017 siga a ser o exemplo perfecto do que pode acontecer en Galicia". Os "incendios convectivos" (co movemento vertical que experimenta o aire con grandes temperaturas, con ambiente de lume e focos secundarios masivos) que se deron en Cualedro ou na Mezquita son tamén, para este persoal, outro indicio da perigosidade á que se enfrontan os montes do país e que xa sufriu en amplas zonas no outono de 2017.
Por iso, reclaman unha "nova estratexia" que amplíe as funcións dos dispositivos de extinción para que se leve a cabo unha "prevención real durante polo menos oito meses máis ao ano". "O estado de emerxencia climática obríganos a estar en alerta e ter que ser radicais, xa que están a poñerse en risco as condicións para a vida no planeta e particularmente, co inferno dos incendios extremos, en Galicia" que, lembran, chegan a "superar calquera dispositivo de extinción" en moitos casos.
Así, o persoal que traballa agora seis meses pide "sen demora" que se cree un corpo estable e profesional de prevención para o resto do ano, que incida nunha ampla superficie do territorio ou cando menos nunha primeira etapa inmediata no socialmente imprescindible: as contornas poboados coñecidos como a interface urbano-forestal".
Por todo isto, reclaman que o colectivo de traballadores de seis meses e de nove meses pase a traballar todo o ano e "o tempo necesario para poder realizar os urxentes labores preventivos que Galicia precisa". "Actualmente a prevención é moi escasa e ineficaza proque son dous meses de prevención por catro en extinción en períodos de alto risco".
Ademais, entre outras medidas, reclaman que o corpo de elite para a extinción anunciado pola Xunta sexa escollido entre ese mesmo persoal temporal e que se "remate xa coa histórica temporalidade do SPIF que supera o 60%", cubrindo "todas as vacantes", ademais da "necesaria convocatoria de oposicións ou procesos de consolidación", logo de que houbese que agardar "18 anos" entre a convocatoria de 2003 e a deste ano.
Nova sentenza contra o modelo de contratación da Xunta
Por outra banda, unha sentenza do Tribunal Supremo vén de ratificar que a contratación de traballadores para a prevención e extinción de incendios por parte da Xunta feita a través da empresa pública Tragsa debe ser a través dun contrato "indefinido discontinuo e non o de obra e servizo determinados".
Nun ditame emitido a finais do pasado mes de outubro, o alto tribunal estima o recurso dun traballador ante sentenzas negativas anteriores aclarando, ademais, que tratándose dunha sociedade pública, o contrato debe ser "o indefinido non fixo e non o fixo".
Na sentenza, o Supremo destaca ademais que a execución de encomendas por parte de Tragsa era "a súa actividade normal e permanente", o que "fai inadmisible" que "faga pivotar a súa organización sobre contratos de obra ou servizo determinado", xa que esta actuación "despraza inxustificadamente o risco empresarial cara aos traballadores contratados temporalmente".