Orografía escarpada, fume estancado e comunicacións caídas na Ribeira Sacra: "Foi coma meterse nun volcán"

Un brigadista observa os efectos do lume na Proba do Brollón © Concello da Pobra do Brollón

O lume que nos últimos días arrasou en poucas horas máis de 1.600 hectáreas na Ribeira Sacra --comezando en Ribas de Sil e afectando tamén os concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón-- volveu servir de advertencia dos cada vez máis perigosos e virulentos incendios que afronta Galicia. 

Ás altas temperaturas, a baixa humidade, os fortes refachos de vento, o combustible vexetal acumulado en montes ou a continuidade de masas arbóreas uníronselle desta vez unha orografía complexa e escarpada, con continuas valgadas e desniveis, pequenos núcleos de poboación, escasas pistas e camiños e ata importantes problemas nos sistemas de comunicación que converteron a parte sueste da Ribeira Sacra noutro inferno. 

"Foi coma meterse nun volcán, con fortes refachos de vento que o complicaban todo", conta Daniel Fernández, un dos brigadistas que participou nos traballos de extinción. El, como moitos compañeiros, advertiron "dun dos incendios máis complexos" que afrontaron nunca. "A orografía nesta zona é moi escarpada e complicada, con poucas pistas e difícil acceso... En canto abriu e quentou o día e chegou máis vento do sur, pasou o previsto: acabouse por desbordar o operativo", resume. 

Membros dos equipos de extinción advertiron "dun dos incendios máis complexos" que afrontaran nunca por unha "orografía escarpada e complexa"

Non por falta de medios, aclara, senón polo incontrolable do fogo, que fai que os traballos, en moitos momentos, se limiten a facer cortalumes e "defender as casas e a poboación". Foi nun momento, cando as lapas saltaron "de súpeto e con moita virulencia" cara a el e aos compañeiros, cando se decataron da complexidade do que afrontaban. 

"O lume saltou o río Sil coma se nada, atravesando os canóns e con charetas desprazándose centos de metros para orixinar focos secundarios que nos puxeron nunha situación crítica para a nosa seguridade", lembra Daniel sobre uns traballos de extinción que aínda empeoraron pola noite, cando os seus compañeiros tomaron a remuda tras oito horas seguidas de traballo fronte ao lume, o máximo permitido. 

"O lume saltou o río Sil coma se nada, atravesando os canóns e con charetas desprazándose centos de metros para orixinar focos secundarios"

O fume acumulado nas valgas, lembra, fixo aínda máis difícil a visibilidade de madrugada para os brigadistas. "Era imposible atacar ese lume, máis aínda de noite; o traballo máis efectivo que fixemos foi ir visitando as poboacións máis próximas para salvar vivendas e infraestruturas e impedir que ardesen palleiros ou alpendres en risco", conta sobre unha realidade que asumen por moi difícil que sexa. "Con este tipo de incendios, chega un momento no que, ou mudan as condicións climatolóxicas, amaina o vento e chove, ou non hai nada que facer", explica. 

Mesmo os medios aéreos perderon eficacia. O fume quedaba estancado nos canóns e nas valgas, o que facía que os hidroavións non puidesen descender tanto por falta de visibilidade e descargasen auga "case a cegas" durante moitos momentos. Neses vales profundos, ademais, o vento cambia de dirección rapidamente. "Créanse remuíños e fortes refachos que desprazan charamelas ata crear moi rapidamente focos secundarios que poden facer que quedes atrapado e rodeado polo lume", relata Daniel. 

Imaxe do incendio en Ribas de Sil difundida pola UME © UME

O fume estancado nos canóns e valgas impedía a visibilidade; na mesma zona, os remuíños de vento desprazaban charetas sen control, creando máis focos

A rapidez coa que se estendeu o incendio --máis de dez quilómetros de lonxitude de sur a norte-- fixo imposible a súa estabilización ata que chegaron as chuvias. A densidade das masas arbóreas, sobre todo piñeiros, fixo o resto. "Por desgraza, había piñeirais moi densos, con árbores que ardían moi rápido e creaban lapas de 20 metros de altura ás que non te podes achegar nin a 50", explica sobre unhas condicións que "complicaron o ataque ao lume". "Nesas circunstancias, a única solución é atacalo indirectamente, facendo cortalumes ou esperándoo en pistas ou no propio río para que morra alí", engade.

Por riba, conta, o escaso nivel de auga nalgúns dos encoros máis próximos ao incendio provocou que os hidroavións do Exército tivesen que buscar alternativas algo máis lonxe, "reducindo a regularidade das descargas". Non foi o único "hándicap". "Foron moitos: un dos máis graves, a caída das comunicacións", lembra Daniel Fernández. 

"Botamos o día incomunicados": nin móbiles, nin emisora nin teléfono por satélite. Daniel acudiu a un bar para avisar desde un fixo para que os sacaran da zona

Durante bastante tempo, conta, non funcionaban os teléfonos móbiles pola caída dalgúns postes e tendido telefónico. "Tampouco eramos quen de contactar a través da emisora", explica este brigadista, que recorda como un compañeiro tirou dun teléfono por satélite. "Tampouco funcionaba porque estabamos no fondo dun val... Botamos o día incomunicados", explica. Tanto, que tivo que acudir a un bar próximo á zona afectada polo incendio e avisar desde un teléfono fixo para que os fosen sacar de onde estaban. 

Neste mesmo mércores, o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, lembraba que o lume deixou unha parte do municipio sen teléfon, sen conexión a internet e cun subministro de auga deficiente. E lembrou o "caos" que supuxeron o pasado luns as elevadas temperaturas, a escasa humidade e os importantes refachos de vento. "Unha situación apoteótica e de medo", resumiu. "O importante é que todos chegamos á casa e chegamos ben", finaliza Daniel Fernández, un dos brigadistas que loitou contra o primeiro grande incendio deste verán en Galicia. 

Incendio en Ribas de Sil, en setembro de 2021 © Brif Laza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.