O alto tribunal fai firme unha sentenza que obriga a Medio Rural a indemnizar a un condutor de motobomba despedido tras ser interino máis tempo do debido, un proceso xudicial que plasma o xeito en que a Xunta xestiona o persoal de loita contra incendios
O Tribunal Supremo vén de facer firme unha sentenza que condena a Consellería de Medio Rural a indemnizar a un traballador do servizo de loita contra os incendios forestais por despedilo tras mantelo contratado de forma fraudulenta como interino máis tempo do debido. O proceso xudicial que agora remata plasma a precariedade do persoal de loita contra incendios e como a Xunta tentou escudarse a última hora na pandemia da COVID para xustificar a lentitude da súa xestión.
O proceso xudicial ao que agora pon fin o Tribunal Supremo relata como o traballador afectado comezou a traballar para Medio Rural en 2007 con sucesivos contratos de interinidade para cubrir postos vacantes do servizo de loita contra incendios mentres non eran cubertos de forma regulamentaria. Dese xeito foi encadeando contratos inestables de interinidade e ademais discontinuos -isto é, persoal contratado só para uns meses ao ano- durante máis dunha década ata o contrato final que provocou o conflito legal agora resolto, asinado en xullo de 2017 como condutor de motobomba.
Tras máis de catro anos traballando de xeito discontinuo con esa última interinidade, o seu posto foi cuberto finalmente en outubro de 2021 ao ser adxudicado a outra persoa de xeito definitivo como consecuencia dunhas oposicións convocadas catro anos antes. A Xunta despediuno considerando a súa saída como o remate dunha inerinidade por cobertura de praza e, polo tanto, non lle concedeu ningunha indemnización malia os seus máis de catro anos co mesmo contrato e a década anterior de servizos similares.
A Xunta recorreu sucesivamente ata o Supremo para non ter que pagar ao traballador unha indemnización de 4.100 euros por despedilo tras un último contrato de máis de catro anos
O empregado denunciou a súa situación e un xulgado do Social considerou en xullo de 2022 que a súa relación laboral coa Xunta xa non podía ser considerada unha interinidade senón que en realidade co paso do tempo convertérase nun traballador indefinido non fixo. E como tal indefinido, no momento en que a súa praza foi cuberta regulamentariamente por outra persoa e el foi despedido, a Xunta tiña que indemnizalo por extinción da relación laboral. O xulgado fixou esa indemnización en 4.147,36 euros, pero o Goberno galego non estivo disposto a pagar e recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O TSXG resolveu sobre a cuestión outro ano máis tarde, en febreiro deste 2023, avalando a sentenza previa. O traballador, tras máis de catro anos no posto, xa non podía ser considerado interino senón indefinido non fixo, polo que a Xunta tiña que indemnizalo ao despedilo cos anteditos 4.147,36 euros. Pero a Xunta insistiu na súa negativa a pagar e recorreu unha última vez ante o Tribunal Supremo.
O Supremo lembra a súa xurisprudencia que considera "fraudulenta" unha interinidade que teña unha duración "inxustificadamente longa"
A ese recurso é ao que agora vén de dar resposta o Supremo rexeitando sequera a súa admisión a trámite e facendo firme a sentenza previa que obriga a Xunta a indemnizar o traballador. O supremo di que non hai nada na sentenza do TSXG que contradiga outras sentenzas sobre asuntos similares e que a súa xurisprudencia obriga a considerar como "fraudulenta" unha interinidade que teña unha duración "inxustificadamente longa", como é o caso.
Pero o auto do Supremo revela un último intento da Xunta de introducir un novo elemento na súa argumentación. Malia que non o esgrimiu nas fases previas do proceso xudicial nin ante o xulgado do Social nin ante o TSXG, o Goberno galego alegou ante o Supremo que se tardou moito en resolver as oposicións para cubrir a praza do traballador afectado foi porque a pandemia da COVID-19 demorou todo tipo de trámites administrativos. A resposta do Supremo é que esa é unha "cuestión nova" que non se formulou nas fases previas do procedemento xudicial e polo tanto sobre a que non pode pronunciarse, o que xa deberan coñecer os letrados da Xunta.
En todo caso, para cando chegou a pandemia a Galicia xa pasaran dous anos e medio desde que o traballador ocupara a praza como interino e a Xunta convocara as oposicións para cubrila regulamentariamente. E aínda pasaría outro ano e medio máis ata que se resolveu definitivamente o proceso. Isto é, máis de catro anos, un máis dos tres anos que a xurisprudencia vén fixando como límite para considerar que unha interinidade é "inxustificadamente longa".