Con este episodio principia a colaboración entre Praza e Carretando na cobertura e seguimento das eleccións galegas do 18F
En plena precampaña electoral e coa crise dos microplásticos marcando a axenda, Carretando achégase á figura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela. Faino da man de dous xornalistas: Carlos Punzón (La Voz de Galicia) e mais David Lombao, director de Praza.gal. Con este episodio principia, ademais, a colaboración entre Praza.gal e Carretando na cobertura e seguimento das eleccións galegas do 18F.
Como nos contan dende Carretando, o perfil público de Rueda evolucionou dende o "non te metas en política" de seu pai a ser presidente tras case tres lustros ocupando postos institucionais de relevancia. O actual tituar da Xunta enfróntase agora ao seu primeiro gran reto electoral: revalidar a maioría absoluta que lle deixou o seu predecesor, Núñez Feijóo.
As figuras dos dous últimos presidentes do país están moi ligadas, xa que sempre foi o seu home de confianza, o seu número dous, co que levaron de novo o PP á Xunta coa famosa campaña do 2009. E así, cando Feijóo "o previsible" decidiu marchar a Madrid, as quinielas soamente apuntaban un nome.
Este e todos os episodios do podcast de Carretando están no seu Ivoox, Spotify e Apple Podcast. Podes seguir todos os seus contidos en X -si, o antigo Twitter-, Instagram e YouTube e apoiar o seu traballo a través de Patreon.