O CIS dá á esquerda opcións de acadar a maioría absoluta e gobernar Galicia

Vista dun pleno do Parlamento e cores corporativas de diversas formacións políticas CC-BY-NC-SA Foto: Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza.gal

A enquisa apunta que o PP se movería entre os 36 e os 38 escanos (xusto o límite da maioría absoluta). O BNG podería liderar un bipartito (ou un tripartito de esquerdas) grazas aos 20-23 escanos que estima o CIS (ten 19 na actualidade) e os 15-17 do PSdeG (14 en 2020)

O PP podería perder a maioría absoluta e o Goberno da Xunta, que podería pasar a mans da esquerda. Así o indica o estudo preelectoral do CIS, publicado este xoves, a unha semana do inicio da campaña para os comicios do 18 de febreiro. A enquisa, composta por máis de 11 mil entrevistas telefónicas realizadas entre o 8 e o 20 de xaneiro, apunta que os populares se moverían entre os 36 e os 38 escanos (xusto o límite da maioría absoluta), cun importante descenso con respecto aos 42 actuais, cunha caída de case cinco puntos en intención de voto. O CIS tamén sinala que Democracia Ourensana podería entrar no Parlamento (0-1), cun escano que podería ser decisivo.

O BNG podería liderar un bipartito (ou un tripartito de esquerdas) grazas aos 20-23 escanos que estima o CIS (ten 19 na actualidade) e os 15-17 do PSdeG (14 en 2020), con subas de 4,5 e 1 punto, respectivamente. Ademais, Sumar podería obter representación pola Coruña e Pontevedra, aínda que tamén podería ficar sen escano. A esquerda sumaría nesta estimación  entre 35 e 42 escanos. VOX e Podemos ficarían sen ningunha opción.

O CIS prevé unha participación moi elevada, xa que o 79,7% das persoas entrevistadas afirman que "con toda seguridade" votarán, máis de vinte puntos por riba da participación no ano 2020 (58,9% sen contar o Censo CERA)

Iso si, o CIS prevé unha participación moi elevada, xa que o 79,7% das persoas entrevistadas afirman que "con toda seguridade" votarán o 18 de febreiro, máis de vinte puntos por riba da participación no ano 2020 (58,9% sen contar o Censo CERA). Na enquisa recóllese que o 86,6% das persoas entrevistas afirman que votaron nas eleccións ao Parlamento galego de hai catro anos.

Porén, só o 46,8% din estar seguindo as informacións sobre a campaña con "moito" ou "bastante" interese, fronte a un 51,7% que afirma facelo con "pouco" ou "ningún" interese.

A enquisa do CIS é a única das publicadas ata o momento que ofrece a posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta. Ata agora, o PP movíase en todos os estudos publicados entre os 38 e os 42 escanos. [Podes consultar aquí os datos de todas as sondaxes publicadas nas últimas semanas]

Paro (13,8%), sanidade (10,3%) e crise económica (8,2%) son sinalados como os tres principais problemas de Galicia

Unha maioría de entrevistados opina que a situación económica de Galicia é "boa" ou "moi boa" e que, ademais, é mellor que hai catro anos. Mentres, a situación política é valorada de forma máis negativa.

Paro (13,8%), sanidade (10,3%) e crise económica (8,2%) son sinalados como os tres principais problemas de Galicia, nunha relación na que tamén aparece a crise dos pellets (2,7%).

Ana Pontón é a candidata mellor valorada, cunha nota media de 5,77 puntos e un moi elevado grao de coñecemento, por riba do 90%. Supera en valoración a Alfonso Rueda, que tamén aproba (5,39)

A líder do BNG, Ana Pontón, é a candidata mellor valorada, cunha nota media de 5,77 puntos sobre 10 e un moi elevado grao de coñecemento, por riba do 90%. Supera en valoración a Alfonso Rueda, que tamén aproba (5,39). Preto do aprobado fica o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro (4,84). Mais abaixo aparece a candidata de Sumar, Marta Lois (4,09), cun grao de coñecemento por riba do 60%. Xa por debaixo do catro figuran outros tres candidatos e candidatas, con valores de coñecemento moito máis reducidos, ademais.

Na enquisa chaman a atención as elevadas valoracións que recibe a candidata nacionalista Ana Pontón, que inspira "moita" ou "bastante" confianza ao 49,3% das persoas entrevistadas, valor por riba do 42% de Alfonso Rueda e do 30,7% de Gómez Besteiro.

Pontón é valorada cun 7,58 polas persoas que no 2020 votaron o BNG, pero tamén cun 6,59 polas persoas que optaron por Galicia en Común e cun 6,30 polas que votaron polo PSdeG

Pontón é valorada cun 7,58 polas persoas que no 2020 votaron o BNG, pero tamén cun 6,59 polas persoas que optaron por Galicia en Común e cun 6,30 polas que votaron polo PSdeG. Mesmo recibe un 4,42 das persoas que votaron polo PP, unha puntuación moi elevada.

Rueda, en cambio, obtén unha valoración moi alta entre os votantes do PP (7,91) e tamén entre quen apoiaron a VOX ou Ciudadanos. Porén, os votantes de esquerda dánlle valoracións por debaixo do 4.

Gómez Besteiro obtén un 6,44 entre os votantes socialistas de hai catro anos e aproba de forma moi axustada entre quen votaron BNG ou Galicia en Común. A súa valoración entre os votantes do PSdeG en 2020 é só unhas centésimas superior á que recibe Pontón

Na pregunta sobre que partido "defende mellor os intereses de Galicia", o BNG é sinalado como a primeira opción polo 41,6% dos entrevistados, fronte ao 34,6% do PP

Ademais, na pregunta sobre que partido "defende mellor os intereses de Galicia", o BNG é sinalado como a primeira opción polo 41,6% dos entrevistados, fronte ao 34,6% do PP. O Bloque é tamén a formación que "mellor defende a identidade, a cultura e a lingua galega". 

En cambio, o PP acada as máximas valoracións cando se pregunta polo partido que "mellor defende as ideas dunha persoa coma vostede", "está máis capacitado para gobernar", "ten mellor líder en Galicia" e "inspira máis confianza".

De igual xeito, o 46,5% valora como "boa" ou "moi boa" a xestión do PP á fronte da Xunta, fronte a un 46,1% de respostas negativas. A oposición realizada polo BNG é valorada positivamente polo 45,6% e de forma negativa polo 39,7% das respostas.

 

O BNG, maioritario nas persoas de menos de 45 anos

O BNG é a formación que recibe máis apoios (sumada a intención directa de voto e a simpatía declarada por aqueles que non revelan o seu voto) entre as persoas menores de 45 anos, cun dominio absoluto entre a mocidade

Por grupos de idade, o BNG é a formación que recibe máis apoios (sumada a intención directa de voto e a simpatía declarada por aqueles que non revelan o seu voto) entre as persoas menores de 45 anos, cun dominio absoluto entre a mocidade. A partir dos 45 anos o PP pasa a liderar as preferencias, pero entre os 45 e os 64 anos a suma da esquerda continúa a ser moi maioritaria. Todo cambia entre os 65 e os 74 anos, grupo de idade no que o PP acada a maioría absoluta e, sobre todo, por riba dos 75 anos. O PSdeG tamén conta con máis apoios entre os grupos de maior idade e supera o BNG a partir dos 65 anos

Cómpre ter en conta que a suma de todas as opcións non chega a 100, pois hai máis dun 10% de respostas que non definen o seu apoio a ningún partido.

O PP acada semellantes porcentaxes de apoio entre homes e mulleres, mentres que o BNG obtén unha maior intención de voto e simpatía entre os homes e PSdeG e Sumar atopan máis apoios entre as mulleres. VOX, Podemos e Democracia Ourensana reciben máis apoio entre os homes que entre as mulleres.

O dominio do PP, nos concellos de menos de 10 mil habitantes

Finalmente, o CIS ofrece tamén datos sobre a intención de voto e simpatía en función do tamaño do concello no que reside a persoa entrevistada. Neste caso, obsérvase como o dominio do PP é maior nos concellos de menor tamaño, especialmente nos de menos de dez mil habitantes, nos que supera a suma de BNG e PSdeG.

O BNG achégase ao nivel de apoio do PP nas grandes vilas e tamén nas cidades e, segundo o CIS, case o igualaría en Vigo, A Coruña e Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.