O popular rexeita valorar a enquisa argumentando que "o CIS di o que o Goberno quere que diga", malia que nela o PSOE queda como terceira forza cun 20% de votos
Media ducia de preguntas recibiu este xoves o presidente da Xunta e candidato popular, Alfonso Rueda, sobre a enquisa preelectoral do CIS que abre a porta a unha perda da maioría absoluta do PP. A súa resposta a todas elas foi similar: o CIS presidido por José Félix Tezanos "di o que o Goberno quere que diga", aínda que na enquisa o PSOE apareza como terceira forza en Galicia cun 20,4% dos votos e Sumar como cuarta cun 3,5%.
Rueda empregou o mesmo argumentario ante preguntas diversas como se continuará de deputado na oposición se o PP perde a maioría absoluta ou se negociará con Democracia Ourensana se esta formación é necesaria para gobernar, posibilidades as dúas contempladas na enquisa. "Estaba convencido de que o CIS ía coincidir coas mensaxes que está lanzando o PSOE e as forzas da oposición en xeral" ou "vou facer todo o posible para volver ter a confianza maioritaria dos galegos" foron as súas resposta reiteradas.
A Rueda tamén lle lembraron que, malia as críticas que vén recibindo o CIS, a súa enquisa previa ás eleccións xerais do pasado xullo foi a máis aproximada aos resultados finais das urnas. O mesmo sucedeu coas eleccións galegas de hai catro anos, cando xa gobernaba o PSOE no Estado e o CIS aproximouse moito ao resultado final obtido polo PP. Pero nin así o popular mudou o seu argumentario, insistindo en que "se por algo se caracteriza o CIS é por dicir o que interesa ao Goberno".
Rueda di que o PP segue avaliando a posibilidade de levar á Fiscalía a suposta trama de manipulación dixital da que acusou hai unha semana a BNG e PSdeG
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Rueda tamén foi preguntado pola denuncia pública lanzada polo PP a pasada semana sobre unha suposta trama de manipulación dixital da que acusou sen probas a BNG e PSdeG. Os populares dixeron que estaban a estudar a posibilidade de denunciar o caso ante a Fiscalía, e por esa cuestión foi interrogado Rueda. "Seguimos nesa avaliación", dixo o popular.