A Xunta recupera o nome dun premio ambiental que outorgaba Fraga ata que afundiu o Prestige

Presentación da nova Bandeira Verde da Xunta e acto de entrega da de 2000 con Manuel Fraga CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego recoñecerá de xeito simbólico aos concellos sostibles tres anos despois de anunciar que o distintivo sería para propietarios de montes

Hai tres anos a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciaba a creación do “distintivo Bandeira Verde para aqueles montes que acrediten o uso sostible do espazo natural”. Este venres, tres anos despois, o propio presidente Feijóo presentou os premios, pero agora xa non dirixidos aos montes senón a “concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente”, que recibirán un “novo distintivo”, a antedita Bandeira Verde. Esa distinción xa existía tras ser creada pola Xunta de Manuel Fraga en 1998 para recoñecer a calquera institución, entidade ou organización “que desenvolvan un labor significativo no coidado do medio ambiente”. Aquelas bandeiras verdes foron convocadas ata 2002 e deixaron de outorgarse tras o afundimento do Prestige a finais daquel ano.

A Xunta, consultada por este diario, recoñece que o nome da distinción é o mesmo que o da época de Fraga, e mesmo coincide co das bandeiras verdes que outorga a centros educativos a asociación ADEAC que tamén entrega as bandeiras azuis ás praias, pero salienta que o obxectivo é distinto. Medio Ambiente non aclara por que tardou máis de tres anos en concretar a iniciativa tras anunciala en marzo de 2017, cando a conselleira aseguraba que a Bandeira Verde iría dirixida a “aqueles propietarios que non só están cumprindo coas súas obrigas, senón que van máis alá e destacan polo ben coidadas que estean as súas parcelas ou que, por exemplo, acrediten usos sostibles”. 

Feijóo coa nova Bandeira Verde CC-BY-SA Xunta de Galicia

O premio de Fraga, dun millón de pesetas, ía dirixido a calquera organización significada no coidado do medio ambiente mentres que a nova Bandeira Verde vai a concellos e non ten dotación económica

Agora a nova Bandeira Verde está dirixida, malia o anunciado hai tres anos pola conselleira, a concellos que se destaquen polas súas iniciativas en favor da sostibilidade, a xestións dos residuos, a loita contra o cambio climático, a eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable ou a educación ambiental. “Non hai outra comunidade autónoma cun recoñecemento similar deses criterios”, di Medio Ambiente, que matiza que a distinción non ten unha dotación económica directa pero será tida en conta á hora de valorar méritos do concello para acceder por exemplo a determinadas liñas de axudas. A convocatoria do proceso para optar á nova distinción será publicada “nas vindeiras semanas” no Diario Oficial de Galicia e un “xurado técnico” valorará as candidaturas que se presenten.

Fronte a estas características, a Bandeira Verde da época de Fraga foi creada en 1998, co agora directivo de Ence Carlos del Álamo como conselleiro de Medio Ambiente, e contaba con tres categorías, cunha dotación de 500.000 pesetas cada unha: á mellor acción na conservación do bosque, á mellor acción de conservación da biodiversidade e á mellor acción na defensa e loita contra os incendios forestais. En 1999 engadíuselle ás anteriores a categoría de Bandeira Verde á mellor acción de mellora da calidade ambiental, e aumentouse a dotación das catro categorías a un millón de pesetas para cada unha.

Fraga entregando a Bandeira Verde de 2000 á Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam) © Anabam

En 2000 e 2001 as bandeiras verdes foron integradas nos premios Medio Ambiente de Galicia, que chegaron a sumar ata oito categorías

En 2000 e 2001 as bandeiras verdes foron integradas nos premios Medio Ambiente de Galicia, que ás catro categorías de bandeiras existentes sumaron ás dos premios ao mellor traballo de investigación científica sobre temática ambiental, á acción ou campaña escolar de temática ambiental, ao labor de divulgación ambiental dirixido aos profesionais dos medios de comunicación e á narrativa curta para creacións literarias sobre temas ambientais. Unha das organizacións gañadoras en 2000, a Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam), conserva na súa web imaxes da entrega das bandeiras daquel ano por parte do propio Fraga.

A finais de 2002 afundiu o Prestige e xa non se volveron convocar as bandeiras verdes

2002 foi o último ano en que se convocaron os premios Bandeira Verde, xa novamente sen os premios Medio Ambiente, e coa dotación xa convertida a euros, con 6.010,12 euros cada unha das catro categorías. A finais daquel ano afundiu o Prestige e xa non se volveron convocar as bandeiras verdes.

Membros de Anabam coa Bandeira Verde que lles outorgou a Xunta en 2000 © Anabam

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.