A secretaria de Medios da Xunta de Feijóo fiscaliza agora a RTVE con máis dun milleiro de preguntas

Mar Sánchez, no centro da imaxe, no seu escano do Congreso xunto aos doutros dous altos cargos da Xunta, Álvaro Pérez e Marta Varela CC-BY-SA PP

Durante o groso da presidencia de Alberto Núñez Feijóo, de 2013 a 2022, Mar Sánchez Sierra ostentou o cargo de secretaria xeral de Medios da Xunta. Na primeira lexislatura tras o retorno do PP ao Goberno galego (2009-2012) ocupou a dirección xeral de Comunicación. Pero sempre foi moito máis.

Mar Sánchez, actual responsable de Proxección e Imaxe da dirección estatal do PP e deputada por Madrid, vén sendo a principal asesora do ex-presidente Feijóo, con altas cotas de poder e influencia en toda caste de asuntos

Xa dende os seus tempos como alto cargo do Goberno de José María Aznar, Sánchez Sierra veu sendo, sobre todo, a principal asesora de Feijóo para toda caste de asuntos. Unha dirixente con poder e influencia transversais e equivalentes, cando menos, aos dunha vicepresidenta na súa etapa na Xunta. Un enorme peso político que contrasta co seu discretísimo perfil público, mesmo con contadas mencións dende os grupos da oposición en máis dunha década como alto cargo do Goberno galego.

Feijóo preside unha xuntanza do comité de dirección do PP. En primeiro termo, Mar Sánchez Sierra e Marta Varela Pazos © PP

Nesta liña, ninguén no PP dubidaba de que cando Feijóo marchase a Madrid, Mar Sánchez retornaría consigo á capital de España. E así sucedeu: o derradeiro Consello encabezado polo ex-presidente aprobou o cesamento de Sánchez Sierra, que se incorporou inmediatamente ao gabinete de Feijóo como líder estatal do PP. Formalmente é coordenadora de Proxección e Imaxe do comité de dirección do partido, pero segue sendo moito máis. E non só porque dende as eleccións xerais de xullo de 2023 exerza tamén como deputada no Congreso por Madrid tras ser inserida nas listas do partido por esa circunscrición canda outros antigos membros da cúpula directiva da Xunta e do PPdeG.

Canda outros sete membros do grupo do PP, Sánchez Sierra rexistra centos de preguntas sobre RTVE que combinan materias de control xeral á corporación con outras de maior carga ideolóxica ou persoal

Aínda que o seu rol como deputada sexa, posiblemente, menor en comparación co seu peso a todos os niveis no gabinete de Feijóo, si resulta politicamente significativo. Máis aínda porque se vén centrando, en boa medida, en formular máis dun milleiro de preguntas parlamentarias para fiscalizar a Radio Televisión Española (RTVE). Faino tras varios lustros sendo peza clave na situación da CRTVG, quer rexeitando as críticas da oposición parlamentaria e do persoal mobilizado, quer esquivando a aplicación íntegra da lei dos medios de comunicación públicos en aspectos como a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento, entre outros aspectos.

As preguntas de Sánchez Sierra a RTVE veñen sendo asinadas canda outros sete membros do Grupo Parlamentario Popular -entre eles, Tristana Moraleja, deputada pola Coruña-. Combinan materias de control xeral á corporación estatal dos medios públicos, como decisións laborais, cifras de audiencias, contratacións ou a interinidade do seu consello de administración con outras de maior carga partidaria, ideolóxica e mesmo persoal. Tamén sobre asuntos que en Galicia son preocupación habitual da esquerda a respecto da CRTVG entre reproches do PP por abordalos, caso da axenda de contidos dos servizos informativos.

Feijóo, nunha Xunta Directiva estatal do PP en Madrid na etapa final de Rajoy, con Sánchez Sierra en primeiro termo © PP

Así, por exemplo, segundo consta na base de datos do Congreso dos Deputados, Sánchez Sierra vén cuestionando periodicamente á dirección de RTVE sobre a "atención informativa que prestan os Telediarios á axenda política" de Feijóo en diversas datas. En varias datas formulou unha pregunta semellante para coñecer a "atención informativa" dedicada á "axenda política" de Santiago Abascal, líder de Vox.

As preguntas de Sánchez Sierra piden contas pola "atención informativa" de TVE á "axenda política" de Feijóo e lanzan acusacións ao pedir a "confirmación" de afirmacións como que as preguntas nunha entrevista a Pedro Sánchez foron ditadas polo Goberno

Ao carón destas preguntas, Sánchez Sierra rexistrou outras moitas que levan implícita a acusación de trato informativo de favor a Pedro Sánchez. Entre elas destacan algunhas, como na que pide "confirmación de  se o Goberno facilitou á Corporación RTVE as preguntas que debían facerse a Pedro Sánchez" nunha entrevista emitida no Telediario o pasado abril ou outra na que reclama ratificar "se o presidente do Goberno é unha icona para os responsables da Corporación RTVE".

Tamén en relación ao presidente do Goberno de España e líder do PSOE, son diversas as preguntas de Sánchez Sierra e dos seus compañeiros nas que afea a RTVE que non siga a axenda informativa de medios de comunicación próximos á dereita ao non replicar as súas informacións ou críticas. Deste xeito, pregunta pola "atención informativa que prestou a corporación RTVE" a acusacións publicadas contra Begoña Gómez, esposa de Sánchez ou pola "intención de informar sobre o uso do avión Falcon polo Goberno durante o ano 2023", como fixeron algunhas cabeceiras.

Feijóo, entrevistado en TVE na campaña electoral das xerais de 2023, intervención a partir da cal o PP lanzou múltiplas críticas á xornalista Silvia Intxaurrondo © RTVE

Batería de preguntas sobre Silvia Intxaurrondo

Pero se algunha materia destaca sobre as demais nas fiscalización de Sánchez Sierra a RTVE nos últimos meses, esa é sen dúbida o cuestionamento do labor da xornalista Silvia Intxaurrondo. A condutora do programa informativo La Hora de la 1 vén sendo obxecto de duras críticas por diversos cargos do PP dende que, en vésperas das eleccións xerais de 2023, evidenciou nunha entrevista a Feijóo que o ex-presidente galego lanzara unha afirmación que non se correspondía coa verdade ao asegurar que o PP "sempre" subira as pensións conforme ao incremento do IPC.

Nos últimos meses moitas das preguntas céntranse na xornalista Silvia Intxaurrondo, a quen o PP puxo no albo tras evidenciar nunha entrevista na campaña das xerais que Feijóo lanzara unha afirmación que non se correspondía coa realidade

Sobre esa entrevista, precisamente, versa algunha das decenas de preguntas de Sánchez Sierra e os demais deputados do PP sobre Intxaurrondo. A antiga secretaria xeral de Medios da Xunta pediu, por exemplo, "confirmación de se é verosímil a información públicada a respecto de que a Corporación RTVE elevou a retribución da presentadora (...) a partir da entrevista realizada ao líder do PP" ou reclamou explicacións porque, acusou, as condicións de contratación de Intxaurrondo melloraran a partir desa emisión.

Nun sentido semellante, Sánchez Sierra fiscaliza a RTVE en relación co "concepto de imparcialidade" que pon en práctica Silvia Intxaurrondo ou sobre se a produtora a través da que a contratan procura "evitar o pago de impostos". Tamén pide contas a respecto de se "a alta retribución fixada" para a xornalista "está asociada, como se publicou en varios medios de comunicación, coa súa animadversión -inquina, no texto orixinal en castelán- contra o PP".

A propia Intxaurrondo fíxose eco nos últimos días dalgunhas destas "decenas" de preguntas, sinalando especialmente unha na que o PP pide saber se RTVE "veriicou a autenticidade" da sinatura da xornalista nun manifesto "sobre o papel do xornalismo nas crises que afectan ao presidente do Goberno". Ao seu xuízo, "deixan claro que están en contra de que unha xornalista traballe con autonomía e liberdade asumindo toda a responsabilidade das súas opinións". "Acaso non debería ser sempre así?", pregúntase.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.