O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, aceptou finalmente reunirse co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, este vindeiro venres 22 e logo de varias semanas obviando contestar ás tres citas propostas pola Moncloa (os días 19, 22 e 28).
Así, Feijóo remitiu na mañá deste mércores unha carta a Sánchez na que propón unha "orde do día" de temas a tratar na que inclúe dez puntos, entre os que están a "igualdade dos españois", a "deterioración institucional", as "negociacións mantidas en Xenebra entre o Goberno e Junts e ERC, "información sobre as subas de impostos pactadas con Sumar" ou a "parálise (sic) da moción de censura en Pamplona con Bildu".
Feijóo acepta reunirse con Sánchez este venres pero márcalle unha lista de temas a tratar na que inclúe a "despolitización dos medios de comunicación públicos: RTVE e EFE"
Pero entre todos eles, e como terceiro tema para a reunión, Feijóo tamén esixe a Sánchez abordar a "despolitización dos medios de comunicación públicos: RTVE e EFE". Faino só uns días despois de que o comité intercentros da CRTVG apelase ao seu Consello de Administración para deter a "manipulación" e control político a favor do Partido Popular na TVG e na Radio Galega e logo de que a mesma representación do persoal pedise auxilio á Xunta e ao Parlamento para pór fin ao que consideran un "delirio partidista" que tornou os medios públicos de Galicia nos últimos anos no "máis eficaz órgano de propaganda do PP".
A demanda de "despolitización" de RTVE chega só días despois de que o comité pedise auxilio a Xunta, Parlamento e Consello de Administración para deter o "delirio partidista" na CRTVG
A demanda de Feijóo a Sánchez sobre a suposta politización de RTVE non é a primeira e chega cando veñen de facerse cinco anos e medio de venres negros na CRTVG, máis dun lustro de protestas nas que persoal dos medios públicos galegos demanda o cumprimento da lei de medios e a fin do "control político" por parte dunha dirección que afronta varias demandas por "represalias" e que viu como varias folgas alteraban a programación da TVG e da Radio Galega nos últimos meses.
O propio colectivo que impulsa as mobilizacións reivindicou os cinco anos de protesta denunciando con dureza a "represión organizada" que, ao seu ver, a dirección dos medios públicos galegos exerce desde hai anos "ao servizo do PP". Desde moitísimo antes de que Feijóo marchase a Madrid e cando el era presidente da Xunta, cargo desde o que nomeou o actual director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que leva catorce anos no posto malia que a lei de medios de 2011 fixaba a elección dun novo dirixente. O actual líder do PP chegou a criticar a dirección "alegal" de RTVE mentres a CRTVG mantiña a que a lexislación ordenara mudar doce anos antes.
Agora, Feijóo apunta á necesidade de "despolitizar" RTVE mentres as críticas á situación na CRTVG son constantes desde hai moitos anos. Tamén nas últimas semanas, nas que a oposición e a propia representación do persoal advirten do uso partidista dos medios públicos e da masiva presenza do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos espazos informativos e non informativos.
Antes, hai só uns meses, Feijóo esixía a fin da colocación de afíns e a independencia de RTVE logo dunha década de incumprimento da lei de medios en Galicia. Previamente, denunciara un "control férreo" en TVE cando se viñan de cumprir catro anos de venres negros e semanas despois da primeira condena por represalias nos medios públicos galegos.
Por outra banda, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, celebrou que Feijóo "rectificase" e finalmente acepte acudir á Moncloa este venres 22 de decembro e pediulle "diálogo" e non "perrencha". "Diálogo cando queira, como queira e cando queira, pero entendemento e non insultos", dixo desde a tribuna do Congreso este mércores, durante o pleno de comparecencia para dar conta dos resutlados da presidencia española do Consello da UE e do último consello europeo.
Pero Feijóo, na súa quenda no hemiciclo e logo de aceptar a reunión, puxo unha nova condición para a xuntanza: que se celebre no Congreso dos Deputados e non na Moncloa. "Onde? Onde queira. En Xenebra non, no Congreso. Cando? O vindeiro venres. E como? Sen soberbia, sen imposicións e cunha orde do día oficial. Será vostede quen, señor Sánchez? Eu si", díxolle.