A Policía remite á Audiencia Nacional listados de consultas a bases de datos do corpo no marco da querela interposta por Podemos contra o secretario de Estado de Seguridade do Goberno de Rajoy e outros cargos por "investigacións prospectivas alleas ao control xudicial" sobre o partido
Consultas a bases de datos policiais procurando nomes, apelidos, datas de nacemento e outros detalles sobre deputados e deputadas elixidas polas candidaturas de Podemos e as súas confluencias nas eleccións xerais de decembro de 2015 e de Unidas Podemos e forzas aliadas nos comicios repetidos en xuño de 2016. Entre eles, cando menos dúas deputadas e dous deputados elixidos por circunscricións galegas baixo as siglas de En Marea, que obtiveran 6 actas e 2016 e 5 en 2016.
É o que revela a documentación adiantada por El País remitida pola Unidade de Asuntos Internos da Policía Nacional ao xulgado número 5 da Audiencia Nacional. Faino no marco da querela do partido actualmente dirixido por Ione Belarra, admitida o pasado febreiro, contra o secretario de Estado de Seguridade do Goberno do PP de Mariano Rajoy, Francisco Martínez, e diversos cargos policiais da época "polas presuntas investigacións prospectivas e alleas ao control xudicial sobre as persoas que conformaban aquela organización política".
Como informa infoLibre, os cargos políticos e policiais sinalados na querela de Podemos non son outros que os sinalados como supostos líderes da alcumada como policía patriótica, a unidade policial presuntamente creada ao abeiro do Ministerio do Interior de Rajoy, que dirixía Jorge Fernández Díaz, e á que se atribúen diversas pescudas irregulares contra adversarios políticos. Quer dirixentes do soberanismo catalán, quer diversos membrso de Podemos e as súas confluencias.
As táboas remitidas ao xulgado reflicten consultas cos nomes e datas de nacemento dos daquela deputados e deputadas galegos no Congreso Antón Gómez-Reino, Alexandra Fernández, Miguel Anxo Fernán-Vello, así como da actual vicepresidenta Yolanda Díaz
A documentación remitida ao xulgado, elaborada pola Unidade de Informática e Comunicacións do corpo policial, inclúe cadros que reflicten as marcas informáticas de centos de consultas a varias bases de datos policiais sobre, cando menos, 55 membros dos grupos parlamentarios de Podemos elixidos nas devanditas dúas eleccións. Neses cadros, aos que tivo acceso Praza.gal, figuran consultas sobre os daquela máximos dirixentes de Podemos, con Pablo Iglesias á cabeza, pero tamén por cargos electos polas circunscricións galegas como a agora vicepresidenta e ministra Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Miguel Anxo Fernán-Vello e Alexandra Fernández, actualmente deputada do BNG no Parlamento de Galicia.
Os cadros de procuras remitidos pola Policía ao xulgado amosan datos en bruto, polo que non todas as procuras se corresponden cos membros de Podemos ou, neste caso, coa representación das candidaturas presentadas baixo a marca En Marea. Porque, por exemplo, inclúen tamén buscas sobre persoas con nomes e apelidos iguais ou semellantes aos dos cargos políticos. Pero son diversos os casos nos que resulta inequívoco que a persoas á que se rastrexa é un deputado ou deputada.
Así, por exemplo neses cadros figuran ata 401 procuras que cadran cos apelidos Díaz Pérez, nome completo da actual ministra Yolanda Díaz, pero só en tres desas entradas o termo de busca é Díaz Pérez, Yolanda. Foron realizadas en xullo e setembro de 2015 e mais en setembro de 2016 nunha base de datos policial chamada Personas.
O groso das consultas levan aparellada a referencia "Madrid-Centro" a respecto da orixe da consulta, pero tamén figuran varias ligazóns a instalacións policiais en Galicia
Con máis claridade aparecen nesta documentación as procuras sobre Antón Gómez-Reino, na altura cabeza de cartel e deputado destas candidaturas pola Coruña. Os cadros achegados á Audiencia amosan dezaseis consultas sobre quen despois sería secretario xeral de Podemos Galicia. Todas realizáronse introducindo o seu nome completo e dous apelidos e mais a súa data de nacemento, todas dirixidas á base de datos chamada Personas.
A práctica totalidade das procuras sobre Gómez-Reino levan a referencia "Madrid-Centro" na columna destas táboas referenciada como Plantilla, que diversos medios de comunicación atribuíron este xoves a comisarías ou centros policiais. Dúas delas, non obstante, levan referencias galegas: "Pontevedra - Comisaría provincial" e "A Coruña - Comisaría provincial", esta última correspondente a unha consulta con data do 18 de xuño de 2016, isto é, en plena campaña das eleccións xerais dese ano.
No que atinxe a Alexandra Fernández, na altura deputada de En Marea electa por Pontevedra, as táboas remitidas ao xulgado inclúen múltiplas procuras referentes a persoas que, aparentemente, comparten nome e apelidos coa actual parlamentaria do Bloque, pero que se distinguen dela por figurar en consultas cunha data de nacemento distinta. Si se atopan nestes cadros ata unha vintena de rastrexos realizados co seu nome, dous apelidos e data de nacemento na base de datos Personas.
O xuíz terá que pescudar agora que consultas son parte de manobras argalladas dende interior e cales puideron partir de funcionarios con acceso ás bases de datos, pero sen ordes superiores, así como a finalidade das procuras
Na columna Plantilla destes cadros a maior parte das referencias, como no caso de Gómez-Reino, van ligadas a "Madrid-Centro" pero dúas delas son tamén galegas: "Orense-Comisaría Provincial" e "Santiago Compostela - Comisaría local". Outras dúas buscas cun nome coincidente co da deputada e o seu ano de nacemento, pero sen o día concreto, líganse nestes cadros á referencia "Pontevedra - Brigada de información".
Os documentos reflicten, asemade, unha decena de procuras con referencias a Miguel Anxo Fernán-Vello, na altura cabeza de cartel de En Marea por Lugo. No seu caso aparecen con varios formatos -con e sen o seu nome completo-, nove das consultas inclúen a data de nacemento íntegra e unha, só o ano. Todas se refiren á base de datos Personas e levan a referencia "Madrid-Centro" na columna Plantilla agás en dous casos, onde figura "A Coruña-DNI".
Con esta información en bruto, na que non se agrega que datos puideron tirar as persoas que a consultaron sobre as deputadas e deputados, o xuíz Santiago Pedraz terá que pescudar cantas ou cales das consultas son parte das manobras presuntamente argalladas dende o Ministerio do Interior e cantas, por exemplo, puideron partir de funcionarios con acceso a esas bases de datos sen ordes dende a cúpula do Estado.