O PPdeG recupera o voto fugado a Ciudadanos e En Marea perde folgos

Pleno do Congreso © Congreso dos Deputados

O PPdeG frea o seu devalo na segunda oportunidade. A reedición das eleccións xerais serviulles aos conservadores galegos para frear o voto fugado cara a Ciudadanos, que desaparece da representación parlamentaria, e acadar desta volta o obxectivo do que ficaran lonxe en decembro: a maioría absoluta dos escanos en xogo por Galicia, isto é, 12 dos 23. Os populares gañan un escano pola banda laranxa e outra pola de En Marea, que perde folgos tras un ano de ascenso e cede o representante que lograra hai seis meses na provincia de Ourense, ficando con 5.

Feijóo logra o 26X o obxectivo que se lle escapara en decembro: a maioría absoluta dos escanos galegos

Nuns comicios que todas as formacións políticas len como unha caste de primeira volta das eleccións galegas, os de Alberto Núñez Feijóo emendan o golpe de decembro e sitúanse no lugar desexado para a transcendental cita do outono. O balance do 26X tamén é especialmente reconfortante para o PSdeG. Tras o período máis complexo da súa historia recente os socialistas manteñen os seis escanos de decembro, pero a caída de En Marea permítelles recuperar o segundo posto tanto en votos como en representación parlamentaria.

Practicamente nada do augurado polas enquisas tanto en campaña como a pé de urna se correspondeu coa realidade. Os populares medran no seu celeiro de votos máis tradicional, Ourense, e suman o escano que perderan en decembro a mans de En Marea, do que agora a coalición de Anova, Podemos e EU quedou a algo menos de 2.000 votos.

O PSdeG recupera o segundo posto en votos e escanos

Tamén medran os de Feijóo na Coruña, onde a formación saíra peor parada tanto nas municipais de 2015 como nas xerais do mesmo ano. Máis de 4.000 votos separaron o partido de Albert Rivera do escano logrado o 20D, que desta volta volve o PP.

Onde nada se moveu foi na provincia que os inquéritos situaban como gran batalla galega: Pontevedra. O PSdeG conserva o seu segundo escano pontevedrés, o que estivera a piques de perder hai medio ano. Queda, daquela, con dous representantes, os mesmos que En Marea, que non obstante si conserva nesta circunscrición o segundo posto en número de votos.

Este escenario deixa novamente o BNG sen representación parlamentaria e faino, ademais, cun peor resultado para a formación soberanista. O Bloque ficará por baixo do 3% do voto no conxunto de Galicia, mentres que en decembro estivera un chisco por riba do 4%.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.