O mesmo día que comezaba a campaña electoral, e á vista dos 10 escanos que a enquisa do CIS lle outorgaba ao PP en Galicia, Alberto Núñez Feijoo destacou que o obxectivo dos populares galegos nestas eleccións era "acadar unha maioría absoluta de deputados que contribúa a darlle estabilidade ao Goberno central". Falaba de 12 escanos (dos 23 en xogo nas catro circunscricións galegas), o que xa representaba un importante descenso con respecto aos 15 obtidos en 2011. Os comicios deste domingo significaron un castigo moi superior para os populares, que perderon 5 escanos e 15 puntos porcentuais. Se en 2011 o PP obtivo o 52,5% dos votos en Galicia, desta vez ficou no 37%. É ademais o peor resultado do PP en Galicia dende que adoptou esa denominación en 1989.
Esta foi, no entanto, a gran noite de En Marea, que confirmou os bos prognósticos que o CIS comezou a amosar hai tres semanas e que durante a campaña electoral non fixeron máis que mellorar día a día. A candidatura, con 6 escanos, tería asegurada a consecución dun grupo parlamentario propio no Congreso, co 25% dos votos en Galicia e superando o 15% nas catro circunscricións. A candidatura faise coa vitoria en Vigo e obtén os seus mellores resultados na Galicia urbana e nas grandes vilas, nas que compite de igual a igual co PP.
En Marea supera ademais claramente o PSdeG-PSOE, sobre todo nas dúas provincias atlánticas, nas cidades e nas grandes vilas. Os socialistas perden case seis puntos con respecto aos resultados de 2011, pero manteñen os seus seis escanos.
Ciudadanos obtén un representante por Galicia, pola Coruña, roldando o 10% dos apoios. Nós-Candidatura Galega, pola contra, fica no 4,32%, lonxe de obter representación e conservando menos da metade dos votos recibidos polo BNG en 2011.