Rueda recupera os retiros monacais de Fraga... nun hotel de luxo aberto con polémicas axudas da Xunta

Hotel Palacio de Sober no que Rueda reunirá o seu Goberno esta fin de semana © Eurostars

O presidente cita o seu Goberno toda esta fin de semana no Palacio de Sober, edificio vendido hai dúas décadas pola familia da ex-alcaldesa e deputada popular Raquel Arias no que se fixo con fondos públicos un hotel de 5 estrelas que quebrou e hoxe é de 4

Durante os 15 anos de goberno de Manuel Fraga o presidente da Xunta reuniu anualmente os seus conselleiros e conselleiras nun retiro de fin de semana, preferiblemente en mosteiros, para mellorar o seu coñecemento mutuo e impulsar as súas políticas. Aqueles retiros ou convivencias, que non se volveron reproducir a nivel galego, puxéronse novamente de moda a nivel estatal nos últimos anos e agora o actual presidente, Alfonso Rueda, retoma a idea. 

Pero xa non será nun mosteiro senón nun hotel de luxo, o Palacio de Sober, edificio que era da familia da ex-alcaldesa e agora deputada popular Raquel Arias, que o vendeu en ruinas hai dúas décadas a outra empresa que montou o hotel con axudas millonarias da Xunta.

Hotel Palacio de Sober © Eurostars

Fraga elixía para os seus retiros anuais cos seus gobernos principalmente mosteiros co argumento de que quería que os seus conselleiros e conselleiras non tivesen distraccións exteriores. Así, preferiblemente antes de Semana Santa, a Xunta reuníase en lugares como os mosteiros de Oseira, Samos, Sobrado dos Monxes ou Poio, pero tamén no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, que fora mosteiro, ou na súa Vilalba natal.

A Xunta anuncia "dúas xornadas de traballo nas que desenvolverán os próximos fitos da acción de goberno"

Agora Rueda retoma aqueles retiros, mesma palabra que emprega para definir a reunión que terá cos seus conselleiros e conselleiras esta fin de semana en Sober. Serán "dúas xornadas de traballo nas que desenvolverán os próximos fitos da acción de goberno para os vindeiros meses, así como as liñas estratéxicas da lexislatura" e nas que van "reforzar a coordinación entre departamentos". 

Rueda e o seu Goberno na súa toma de posesión CC-BY-SA Xunta de Galicia

O lugar elixido para facelo, o Hotel Palacio de Sober, levántase nun edificio que hai dúas décadas estaba en ruínas e cuxa polémica transformación foi contando hai anos a xa desaparecida edición en Galicia de El País. As ruínas foron mercadas nos anos 90 do pasado século polos pais de quen sería entre 1999 e 2009 alcaldesa de Sober, Raquel Arias, despois delegada da Xunta en Lugo e hoxe deputada do PP no Parlamento de Galicia. E foron vendidas cun notable beneficio unha década máis tarde a unha empresa madrileña que levantou alí un hotel de 5 estrelas cun investimento duns 8 millóns de euros dos que a metade foron axudas facilitadas desde a Xunta. 

Palacio de Sober é hoxe do grupo Hotusa, do chantadino Amancio López Seijas, tras ser adquirido en poxa por 2,4 millóns logo da súa quebra

Aquel proxecto non funcionou e, tras un ERE en 2013, en 2015 acabou quebrando, entre peticións de explicacións da oposición e os sindicatos polas axudas públicas recibidas. Ata que en 2018 o edificio foi adquirido nunha poxa por 2,4 millóns, segundo La Voz de Galicia, por unha empresa do propietario de Hotusa, o chantadino Amancio López Seijas, organizador do Foro La Toja. Do grupo Hotusa forma parte agora o hotel, reaberto en 2019 reconvertido en 4 estrelas e encadrado dentro da marca Eurostars.

Hotel Palacio de Sober © Eurostars

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.