Os retiros de Fraga co seu equipo póñense de moda: Illa replica o modelo monacal tras a versión laica de Sánchez e Feijóo

Mosteiro de Samos, no que Fraga reuniu o seu Goberno CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente catalán reúne o Govern no mosteiro de Poblet para definir políticas como o galego facía en Samos, Oseira ou Sobrado, convivencias ás que tamén recorreron nos últimos anos a nivel estatal Sánchez e Feijóo, os dous en Toledo

Esta fin de semana o novo presidente da Generalitat, Salvador Illa, reunirase a porta pechada durante dous días no mosteiro de Poblet cos seus conselleiros e conselleiras para que se coñezan entre eles e definir as liñas de actuación política do seu recén conformado Govern. Unha reunión que replica con moita similitude as que facía anualmente durante a súa presidencia da Xunta Manuel Fraga, que se celebraron principalmente en mosteiros por toda a xeografía galega. Convivencias similares cos seus equipos, pero máis laicas, organizaron tamén nos últimos tempos a nivel estatal Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, os dous en Toledo. 

Mosteiro de Poblet, no que Illa reúne o seu Govern esta fin de semana © Abadía de Poblet

Para a convivencia co seu goberno Illa escolleu o mosteiro de Poblet, ligado á figura do ex-president Tarradellas, do que alí se custodia o seu arquivo persoal. Fraga, pola súa banda, defendía a súa elección principalmente de mosteiros para os seus retiros anuais co argumento de que quería que os seus conselleiros e conselleiras non tivesen distraccións exteriores. 

Así, durante os seus 15 anos na presidencia da Xunta, entre 1991 e 2005, non faltou o encontro anual, preferiblemente antes de Semana Santa, en lugares como os mosteiros de Oseira, Samos, Sobrado dos Monxes ou Poio, pero tamén nos parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, que fora mosteiro, ou na súa Vilalba natal.

A nivel estatal as convivencias de líderes políticos cos seus equipos xa as empregou Mariano Rajoy desde os seus tempos de oposición a José Luis Rodríguez Zapatero. Pero colleron novo pulo con Pedro Sánchez, que tras a súa chegada ao Goberno de España en 2018 retirouse cos seus ministros e ministras á máis finca de Quintos de Mora, propiedade do Estado no municipio de Los Yébenes, en Toledo. Un retiro que aínda se celebrou por última vez o pasado xaneiro

Mosteiro de Oseira, no que Fraga reuniu o seu Goberno CC-BY-SA Xunta de Galicia

E en Toledo cidade tamén se pechou Feijóo co seu equipo polas mesmas datas para deseñar a súa estratexia de oposición.

Porén, se os líderes estatais optaron por espazos máis laicos, agora Illa replica a imaxe de contención monacal que durante 15 anos quixo trasladar Fraga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.