Dous anos do rescate a empresas estratéxicas: dos 35 millóns a Losán e Ferroatlántica aos 241 de Hotusa, que xa devolveu 80

Amancio López Seijas, fundador de Hotusa, á esquerda, no Foro La Toja de 2020 con Sánchez e Feijóo © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Para paliar os efectos da pandemia o Estado prestou máis de 3.200 millóns de euros ata o 30 de xuño de 2022, dos que xa recuperou 461

O impacto da pandemia da COVID-19 na economía levou o Goberno de España a crear un denominado Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas (FASEE) dotado con 10.000 millóns de euros para préstamos. Ata o 30 de xuño de 2022 repartiu en total algo máis de 3.200 millóns a 30 grupos empresariais, fundamentalmente do sector turístico pero tamén do industrial, entre elas empresas con sede ou forte implantación en Galicia, como o Grupo Losán, Hotusa ou Ferroatlántica. Dous anos despois a devolución dos préstamos ou o cumprimento doutros compromisos por parte das empresas beneficiarias presenta unha evolución dispar. 

Segundo o último balance feito público pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), encargada de xestionar o fondo de solvencia, a finais de marzo recibírase a amortización anticipada de 461,4 millóns de euros.

Sede da SEPI, en Madrid, que xestiona o fondo de solvencia para empresas estratéxicas © SEPI

Hotusa, empresa hoteleira fundada polo chantadino Amancio López Seijas, a quen a Xunta vén de outorgar a Medalla Castelao e que organiza o Foro La Toja, recibiu do fondo de axuda á solvencia un total de 241 millóns de euros. A empresa, con sede en Madrid pero con notable implantación e número de traballadores en Galicia, nunca tivera perdas ata que chegou a pandemia e con ela restricións que afectaron significativamente ao turismo. O propio Goberno de España salientara a súa "intención" de devolver os cartos de maneira "anticipada" se lograba unha recuperación "máis rápida do previsto". 

Hotusa e Losán dan conta da implantación de compromisos medioambientais, requisitos para obter a axuda estatal

En marzo de 2023 a SEPI comunicou que a empresa devolvera xa 52 millóns de euros polo bo comportamento da súa caixa xa no ano 2022. Un ano máis tarde, en marzo deste 2024, comunicábase unha segunda amortización parcial doutros 28 millóns de euros, polo que Hotusa devolveu xa 80 millóns -un terzo da axuda recibida- e ten aínda pendentes outros 161.

Ademais dos cartos, as empresas rescatadas debían comprometerse tamén a implantar con eses recursos diversas medidas de mellora da súa sostibilidade ambiental, consumo enerxético e dixitalización, así como a publicitar nas súas páxinas web as axudas recibidas. 

Web na que o galego Grupo Losán dá conta do cumprimento dos seus compromisos para recibir a axuda do fondo de solvencia, que incluía como requisito este tipo de transparencia das empresas nas súas webs © Grupo Losán

No caso de Hotusa a súa web recolle, no apartado de Información Corporativa, as axudas recibidas e como "a partir do mes de marzo do ano 2022 Grupo Hotusa xa superou os niveis de facturación e beneficio previos á pandemia" e está a amortizar anticipadamente os préstamos recibidos. Tamén sinala que "de acordo cos compromisos adquiridos estamos executando un plan de transición ecolóxica e dixitalización que abarca o período 2021-2027, que inclúe obxectivos dirixidos a acadar a máxima neutralidade climática".

En Galicia si ten a súa sede o Grupo Losán, de transformación de madeira. No seu caso recibiu 35 millóns de euros pola súa consideración de "compañía estratéxica para as economías de Galicia, Castela e León e Castela-A Mancha", con 950 postos de traballo fixos directos. Ata o momento a SEPI non comunicou a devolución de cartos por parte do grupo, pero este dá conta na súa web de que está a formalizar compromisos medioambientais adquiridos para recibir as axudas, medidas que se están a adoptar en plantas de produción fóra de Galicia.

Factoría de Ferroatlántica en Sabón CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Cantidade similar, 34,5 millóns de euros, recibiu tamén Ferroatlántica, que malia vender as súas instalacións de produción metálica e eléctrica de Cee e Dumbría aínda segue a ter importantes intereses en Galicia, con outra fábrica en Sabón e minas. A axuda foi condicionada a que non puidese vender as súas minas en Galicia, en Boqueixón, Trazo, O Vicedo e Mañón, ata dentro dun ano, o 1 de xullo de 2025, cando debería devolver toda a axuda recibida. Tamén se lle fixaron compromisos de redución do consumo eléctrico. 

As axudas a Ferroatlántica foron condicionadas a que non puidese vender as súas minas en Galicia ata dentro dun ano

No seu caso, máis alá de que a SEPI tampouco informou aínda da devolución de ningunha contía, resulta difícil coñecer o grao de cumprimento doutros compromisos porque malia a obriga de transparencia ditada polo Goberno de España non hai web de Ferroatlántica, o Grupo Villar Mir que controla a súa matriz Ferroglobe desactivou a súa web e a propia Ferroglobe só deu conta da recepción inicial da axuda.

Ademais destas empresas con peso en Galicia, o fondo de solvencia tamén axudou outras firmas con presenza no país e consideradas estruturais a nivel estatal, como as aeroliñas Air Europa (475 millóns), Volotea (200 millóns) e Air Nostrum (111 millóns) ou a metalúrxica Celsa (550 millóns), que conta cunha planta na Laracha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.