Rescate público de 241 millóns ao grupo hoteleiro que organiza o 'Foro La Toja'

Participantes na clausura do Foro La Toja 2021, na Toxa o 1 de outubro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas é unha das ferramentas creadas polo Estado durante a pandemia para, neste caso a través da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), achegar "apoio público temporal para reforzar a solvencia" de empresas "non financeiras" afectadas pola COVID se son consideradas "estratéxicas para o tecido produtivo". Ata agora beneficiáranse del sete compañías (Air Europa, Ávoris Corporación Empresarial, Plus Ultra Líneas Aéreas, Duro Felguera, Tubos Reunidos e Rugui Steel) e o Consello de Ministros deu luz verde este martes á sétima: Hotusa.

O rescate a Hotusa aprobado polo Consello de Ministros componse dun préstamo participativo de 190 millóns de euros e outro crédito ordinario de 51 millóns

Segundo a información que destaca o propio Goberno de España, Hotusa logra un rescate público de 241 millóns porque "posúe un relevante carácter estratéxico dentro do sector turístico". Conta, detalla, con 219 establecementos hoteleiros en 17 países (o 67% en España) e é a primeira cadea hotaleira do Estado en "número de aloxamentos". Ten ademais unha división de servizos turísticos con "máis de 4.300 hoteis asociados en todo o mundo" e xusto antes da pandemia empregaba algo máis de 4.000 persoas. Pechou 2019 cunha cifra de negocio de case 1.300 millóns de euros.

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo conversan na clausura do 'Foro La Toja', o pasado 1 de outubro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Foi tamén antes da pandemia, en 2019, cando Hotusa comezou a organizar o denominado Foro La Toja, un conclave de líderes políticos e económicos patrocinado por outras grandes empresas que algúns analistas deron en comparar co Foro de Davos e. A compañía que preside o chantadino Amancio López Seijas deu en levar ao seu hotel da Toxa a boa parte dos membros dos gobernos de España e Galicia, ao rei e a diversos dirixentes internacionais. Tamén a antigos mandatarios como Felipe González ou Mariano Rajoy, que na última edición do Foro, compartiron un faladoiro no que se queixaron de non poder expresar as súas opinións con liberdade.

O Goberno de España sinala que concede o rescate a Hotusa a través do fondo para empresas "estratéxicas" afectadas pola COVID tras analizar a súa situación financeira e as "garantías para asegurar a devolución do apoio financeiro público temporal"

Dáse a circunstancia de que pasaron escasos días entre a celebración do terceiro Foro La Toja e a aprobación definitiva do rescate a Hotusa. A axuda suma 241 millóns de euros en dúas vías: un préstamo participativo de 190 millóns (estes créditos van ligados á marcha da propia empresa) e outro "ordinario" de 51 millóns máis. O préstamo participativo ten un vencemento a sete anos e o ano 2028 como prazo de amortización da cantidade principal. O préstamo ordinario vence en dentro de seis anos.

A decisión do Consello de Ministros, destaca o Executivo de Pedro Sánchez, chega despois de que o rescate fose aprobado polo devandito Fondo de Apoio á Solvencia e tras unha "exhaustiva análise da situación económica e xurídica da empresa" e do impacto que a pandemia causou nela. Tamén do "plan de viabilidade que presentou", das "perspectivas de evolución" e das "garantías achegadas para asegurar a devolución do apoio financeiro público temporal que vai recibir". 

O rei, Feijóo, a ministra Nadia Calviño e o ex-ministro Josep Piqué, entregando un premio a Ángel Gurría no 'Foro La Toja' do 2021 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Así, o Goberno español mantén que o grupo de López Seijas ten "intención" de devolver os cartos de maneira "anticipada" se logra unha "recuperación máis rápida do previsto". Na referencia pública a respecto da decisión destaca tamén que "nos seus máis de 40 anos de historia", Hotusa nunca tivera perdas ata que chegou a pandemia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.