“Sorpréndeme a facilidade para determinadas manifestacións e a dificultade para outras, e soe coincidir con se hai representantes estatais ou non os hai”, di o presidente preguntado polos obstáculos ás protestas de varios colectivos ante o foro que se celebra na Toxa
“Cando veñen ministros normalmente as manifestacións están afastadas de onde están as autoridades” mentres que “co presidente da Xunta, están máis próximas”. Esa foi a resposta que deu este xoves o presidente Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, cando se lle preguntou pola súa valoración sobre as dificultades atopadas por colectivos como o persoal de Ence ou a Mesa pola Normalización Lingüística para manifestarse ante as diversas autoridades públicas e empresarios asistentes ao Foro La Toja que se celebra na illa da Toxa.
O presidente dixo non poder valorar o ocorrido concretamente nas protestas da Toxa xa que, asegurou, el mesmo non chegou a ver ás persoas que protestaban pola distancia existente.
Pero Feijóo si quixo reflesionar sobre as, ao seu ver, diferenzas de distancias de seguridade que se permiten nalgunhas manifestacións sen concretar se as atribúe aos responsables políticos do Goberno de España ou a decisións técnicas dos propios corpos e forzas de seguridade. “Se iso obedece a algunha causalidade, o descoñezo”, engadiu, para insistir en que el pode “testificar que ás veces me sorprende a facilidade para determinadas manifestacións e a dificultade para outras, e soe coincidir con se hai representantes estatais ou non os hai”.