A editorial Xerais saca do prelo este mes de setembro A xustiza pola man, unha obra conxunta que achega "unha panorámica sobre as formas de conflitividade e violencia cotiá na Galicia contemporánea". "Partindo dunha óptica común, inténtase comprender a sociedade a través dos conflitos e dunha das súas posibles derivacións, a violencia, entendida esta non como unha manifestación de irracionalidade, senón como síntoma das oposicións e loitas de poder inherentes a calquera comunidade", explica sobre un libro que pretende tamén "expoñer unha visión afastada dos estereotipos que afondan nunha Galicia resignada aos designios do poder imperante".
A obra pretende "expoñer unha visión afastada dos estereotipos que afondan nunha Galicia resignada aos designios do poder imperante"
Con Francisco J. Leira Castiñeira e Miguel Cabo como editores, A xustiza pola man inclúe textos deles mesmos e doutros historiadores como Ramón Villares, Antonio Míguez Macho, Lourenzo Fernández Prieto, Emilio Grandío, Araceli Freire ou Eliseo Fernández.
"É unha análise novidosa, detallada e coherente sobre a violencia no pasado que descobre as diferentes caras da violencia, as súas mutacións e o lugar central que ocupou na historia", opina sobre a obra Óscar Bascuñá, da Universidad Complutense de Madrid. "Uma obra de leitura indispensável e urgente para quem deseje pensar a Galiza num tempo longo, além dos estereótipos sobre o conflito e a violencia", engade Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, sobre un libro que vén de saír e do que Praza.gal ofrece a súa introdución en adianto.
Nunha das estrofas do seu coñecido poema “Vientos del pueblo” de 1937, Miguel Hernández caracterizaba ós diferentes pobos da península cun ou dous epítetos que sintetizaban os estereotipos dominantes sobre os mesmos. Así, os vascos eran “de piedra blindada”, os asturianos “de braveza”, os valencianos “de alegría” e os galegos…”de lluvia y calma”.
A mansedume era, se cadra segue sendo, un dos clichés sobre o noso país, xa se fixese del unha valoración positiva ou negativa segundo os casos. Para os conservadores, propios e foráneos, era unha virtude: a menor incidencia da violencia individual e colectiva sería unha proba da harmonía social subxacente contraposta interesadamente á axitación rural nas provincias latifundistas ou á conflitividade vencellada ó movemento obreiro nas grandes cidades españolas . Para outros, sería unha eiva colectiva que conlevaba a aceptación fatalista das inxustizas, sintetizada na fórmula de Castelao “o galego non protesta, emigra” ou en tantos debuxos seus nos que os labregos aturan con resignada indignación os abusos dos poderosos. Para espertar ó campesiñado do que percibían como pasividade secular, os axitadores agraristas non atopaban nas súas arengas outro precedente máis recente que as revoltas irmandiñas do século XV.
Os tópicos non se impoñen de xeito arbitrario e sempre conteñen unha boa dose de verdade, pero a realidade é sempre máis complexa e a ollada dos contemporáneos non percibe todos os matices que facilita a distancia no tempo, privilexio dos historiadores. O conxunto dos traballos reunidos neste volume achega unha panorámica actualizada sobre as formas de violencia cotiá na Galicia contemporánea, deixando á marxe as vencelladas ós períodos bélicos: a guerra do francés, as carlistas, a repercusión das empresas coloniais do Estado español e a guerra do 36. Neles a violencia predominante é a outra escala e con outros condicionantes, o que non quere dicir que as formas de violencia e conflitividade do tipo das que se analizarán nesta obra non puidesen ter continuidade adaptadas ó contexto bélico. Xuntan os seus esforzos autores xa asentados con outros que se teñen iniciado non hai moito na investigación, de feito varias das aportacións son avances de teses doutorais en marcha. Achegámonos ó tema desde perspectivas diversas, pero que en absoluto esgotan todas as posibilidades porque a conflitividade e a violencia están presentes en calquera sociedade humana, como “subproducto da cooperación” que son, en expresión do polaco BronislawMalinowski, un dos fundadores da Antropoloxía. Subxacen, sequera como posibilidade, en moitos actos cotiáns de cada individuo. Non son por tanto anomalías senón parte do funcionamento normal dunha sociedade.
Contamos por suposto con precedentes, en particular orixinados na escola de historia rural iniciada a partir do maxisterio de Ramón Villares e Lourenzo Fernández Prieto na que se formaron varios dos colaboradores neste volume. En particular o artigo de Hervés e outros (1997) abríu múltiples perspectivas teóricas e empíricas das que aquí se saca proveito. Non era a nosa intención, e tampouco o permitiría o estado actual da investigación, tratar todas as dimensións do tema. Algunhas cuestións quedaron fóra por xa seren coñecidas dun xeito razoablemente satisfactorio e ser reiterativas, outras polos motivos opostos e non contar con investigadores que lles adiquen a atención necesaria. Por citar algún exemplo, para os inicios da idade contemporánea, na complexa superación do Antigo Réxime, cóntase cos traballos de Carlos Velasco (1995; 2000) sobre as loitas campesiñas por defender os seus intereses nun momento no que se poñen en cuestión décimos, contratos, rendas e impostos. Tampouco están recollidos os motíns de subsistencias dos anos noventa do XIX, que tratou no seu momento Rafael Vallejo (1990), a resistencia contra as quintas (Balboa, 1991), nin os enfrontamentos seculares entre aldeas e parroquias veciñas que constituían unha forma de violencia endémica que Manuel Portela Valladares cualificou entre provocador e reivindicativo como “incivil deporte” (Cabo e Vázquez, 2015).
Un capítulo bota nova luz sobreun dos episodios represivos paradigmáticos como foi o de Nebra (1916), pero non se recollen outros semellantes como os de Oseira, Narón, Sofán ou Sobredo . Enrique Carballo analiza e cuantifica a delincuencia e a violencia interpersoal entre mediados do século dezanove e a guerra civil pero non existe nada equivalente para o Franquismo e a Transición. Herminia Pernas analiza a cuestión desde a perspectiva de xénero para a Restauración pero queda pendente facer o propio para outras épocas. Do mesmo xeito, Xosé Ramón Veiga segue a pista da violencia vencellada ós procesos electorais na era do sufraxio censitario pero a violencia política queda sen tratar da Restauración ata os nosos días, agás un fenómeno específico como é o do terrorismo na Transición do que se ocupa Jonatan Rodrigues.
Aínda que se fagan mencións puntuais, non se reserva un capítulo específico ó tratamento da violencia na literatura e nos medios de comunicación, cando resulta evidente a través deles a fascinación que exerce, mestura de repulsión e curiosidade perante fenómenos que nos levan ó máis profundo da natureza humana. Non é casual que nos cantares de cego os temas predilectos xirasen ó redor de crimes arrepiantes, mellor aínda se tiñan algunha compoñente sexual, nin que sucesos como os de Oseira servisen de inspiración literaria a varios autores (Capelán, 2010: 69-146). A atención que a prensa escrita (e na actualidade a televisión e as redes sociais) adicaba e adica a sucesos sanguiñentos é desmesurada e digna dun estudo polo miúdo, porque nos di tanto ou máis da sociedade que consume e demanda vorazmente esa información que dos feitos en si. O tratamento mediático da matanza de sete persoas a coiteladas no lugar de Surribas (Chantada) a mans dun veciño trastornado en 1989 condensou todos os tópicos sobre a Galicia profunda e os crimes rurais, do mesmo xeito que a de PuertoHurraco un ano despois en Badajoz resucitou a pantasma da España negra.
Resulta evidente pois que queda moito traballo por diante e de feito este libro busca crear masa crítica para aprofundar no noso coñecemento sobre o tema, amosar as carencias nas que se deberá traballar no futuro e lanzar primeiras hipóteses que sería un síntoma de fortaleza que fosen revisadas ou mesmo desmontadas en anos vindeiros. Búscase en certo xeito perfilar un campo de investigación ata agora inexistente en Galicia, máis alá dos esforzos de autores individuais, e poñelo en relación coa historiografía internacional e española. Non hai outra maneira de percibir que hai de orixinal e que hai de reflexo de tendencias xerais no que sucedía en Galicia.
Como editores, a nosa intención foi que o resultado final fose unha verdadeira obra colectiva, e non unicamente un feixe de textos inconexos vencellados unicamente por un fío temático. Cada aportación individual foi enriquecida coas críticas e suxerencias do conxunto dos autores e así mesmo partimos dunha serie de posicionamentos compartidos e de obras e conceptos de referencia que un lector atento reparará que aparecen en repetidas ocasións ó longo deste volume. Para evitar reiteracións, presentaremos brevemente de seguido os principais. Máis alá da querencia pola cita erudita que caracteriza ó mundo académico, trátase de ferramentas teóricas para tentar achegarse no pasado, pero tamén no presente, a algunhas cuestións que ningunha persoa inqueda deixará de formularse nalgunha ocasión: ¿Por que a violencia é máis frecuente nunhas sociedades e nunhas épocas que noutras? ¿soportamos hoxendía niveis de violencia superiores ou inferiores ós dos nosos antergos? ¿Por que alguns enfrontamentos colectivos se resolven pacificamente mentres outros semellantes rematan con derramamento de sangue? ¿Inflúen as características dos reximes políticos? ¿ata que punto a violencia é irracional, produto de instintos profundos que afloran rachando o verniz civilizado que recobre os nosos actos, ou ben racional, froito dun cálculo na procura dos obxectivos que se perseguen? ¿Por que motivos sofren e exercen de xeito tan diferenciado a violencia homes e mulleres? ¿culturais, biolóxicos? ¿a violencia e a delincuencia maniféstanse de xeito diferenciado no medio rural e no urbano?
O título da obra sitúa na mesma secuencia dous conceptos, conflitividade e violencia, dun xeito un tanto equívoco, posto que nin son sinónimos nin tampouco a segunda é unha consecuencia inevitable da primeira. Calquera sociedade humana presenta infinitas liñas posibles de conflito, en función de variables étnicas, relixiosas, de xénero, de distribución da propiedade, de idade e un etcétera inesgotable. MichelWieviorka (2005) define o conflicto como a relación desigual entre dúas persoas ou grupos opostos que comparten o mesmo espazo e se enfrontan por intereses opostos pero sen intención de destruír ó contrario, senón de impor ou reforzar a súa posición. Segundo este autor, a conflitividade sería positiva, posto que permitiría artellar as relacións sociais, evoluír no tempo e adaptarse a condicións cambiantes. A violencia sería unha saída posible, pero pouco frecuente, e toda sociedade desprega mecanismos para limitar a súa incidencia, e non nos referimos aquí unicamente á capacidade represiva do Estado no exercicio do que na formulación clásica de MaxWeber se denomina “o monopolio lexítimo da violencia”. De feito dous dos capítulos, os referidos a senllos movementos sociais clásicos como son o obreiro e o agrario, afrontan a cuestión de ata qué punto contribuíron a reducir a violencia ó canalizar reivindicacións colectivas e ofrecer un ámbito de negociación ou ben a exacerbaron ó supoñer potentes desafíos ós intereses dominantes.
Os estudos pioneiros dos marxistas británicos, en particular E.P. Thompson (1995) e Eric Hobsbawm (1995) aprendéronnos a superar o automatismo de considerar os motíns e outras formas de violencia colectiva como accións irracionais, primitivas, de masas que actuarían seguindo instintos ancestrais. Os motíns frumentarios (asaltos a comerciantes de gran en épocas de carestía) ou a destrución de máquinas (teares, malladoras) nos inicios da Revolución Industrial respondían a unha lóxica propia, que non era a nosa nin tampouco a da legalidade vixente daquela nin a da economía de mercado. Subxacía no fondo unha “economía moral”, na expresión acuñada por Thompson para referirse ás normas non escritas que no Antigo Réxime condicionaban as actividades económicas e que ían máis alá da lóxica estrita do beneficio capitalista, tecendo unha rede de obrigas mutuas. A percepción compartida por poderosos e pobo do que estaba ben e o que non, levaba a comportamentos como que un gran propietario en épocas de escasez contratase peóns para tarefas non demasiado necesarias, cumprindo así coas expectativas do que se agardaba que os pudentes fixesen de xeito paternalista no seo da súa comunidade. Ou ben que cando se producía un asalto a un comerciante de gran por vender demasiado caro o seu produto a multitude non se lanzase ó simple roubo ou saqueo, senón que pagase polo que se levaba o prezo que consideraba xusto. O estudo do luddismo, os destrutores de máquinas, descubríu nocións semellantes e presentou os seus actos como a desesperada defensa do dereito ó traballo pola única vía que a negación do sufraxio e da posibilidade de asociarse legalmente deixaban aberta.
Este tipo de achegas e outras posteriores foron desmontando o mito da turba irracional que actuaba salvaxemente axitada polos peores instintos e manexada por axitadores, unha visión que atoparemos atribuida con frecuencia entre os contemporáneos a bastantes das accións analizadas nos diferentes capítulos deste volume. Aínda que involucrasen elementos emocionais, canto máis de perto se examinen os motíns ou formas equivalentes máis probable é que queden de manifesto os compoñentes racionais que permiten definilas como instrumentos de negociación cando non existan vías institucionalizadas para facelo ou en combinación con elas.
Para analizar as modalidades de acción colectiva, potencialmente violenta, invocarase con frecuencia o concepto de “repertorio” de Charles Tilly (1997). O repertorio sería o abano de medios, estratexias e tácticas a disposición dun colectivo para respaldar as súas reivindicacións nunha época e marco espacial dados, que estarían enraizados nas formas culturais do momento e responderían ás expectativas tanto dos actores como dos receptores das protestas. Iría evoluíndo desde formas personalizadas, locais e concretas (charivaris, ocupación de terras, motíns…), o chamado repertorio tradicional, ata outras a maior escala e máis abstractas a medida que o Estado e a unificación dos mercados nacionais fosen avanzando (repertorio moderno: folgas, manifestacións, mitins…). Ambos repertorios non son incompatibles, trátase dunha cuestión de predominio, e por exemplo no traballo de Francisco Leira sobre Nebra atoparase dita convivencia de elementos duns e outros.
Tamén pertence a Tilly a clásica diferenciación entre tres tipos de acción colectiva, non necesariamente excluíntes no tempo. A acción colectiva competitiva enfrontaría a grupos locais situados no mesmo nivel, como gremios ou no caso galego a violencia “horizontal” protagonizada polas bandas de mozos de parroquias hostís (Cabo e Vázquez, 2015). A reactiva sería aquela que tenta rexeitar a influencia do Estado, como os motíns de quintas ou as revoltas antifiscais. Por último a proactiva xa buscaría controlar segmentos de poder a través de organizacións permanentes (como por exemplo sindicatos), na procura non de manter afastado ó Estado senón de acadar que este xogase no seu favor. Non se trata de fases sucesivas senón do predominio dunhas formas ou outras. Pódese especular con que en Galicia desde principios do século XX coa consolidación dos movementos obreiro e agrarista a supremacía correspondería as formas proactivas, que buscaban ser interlocutoras das Administracións, pero coa pervivencia das outras. Tampouco se trata dunha secuencia lineal, posto que o contexto político podía condicionar as formas de defender os intereses colectivos. Coa chegada do Franquismo as formas proactivas pasaron a ser inviables e o protagonismo volveu recaer nas accións defensivas pouco organizadas, contra a economía intervida ou a repoboación forestal por poñer algúns exemplos (Cabana, 2006), aínda que na fase final do Réxime (e na Transición) as mobilizacións acadaron xa niveis de gran envergadura como amosan os capítulos de Araceli Freire e de Ana Cabana e Daniel Lanero. E no contexto dictatorial tamén gañan azos as “armas do feble”.
As “armas do feble” ou “formas de resistencia cotiá do campesiñado” son un concepto acuñado por James C. Scott que gañou tal popularidade que estivo a piques de morrer de éxito pola aplicación inmoderada que se ten feito del . A súa utilidade é que permite localizar e procesar na narrativa histórica as formas de resistencia que se dan cando aparentemente reina a calma. As armas do feble serían o equivalente a unha guerra de desgaste contra os poderosos ou o Estado, accións individuais ou en pequenos grupos levadas a cabo de xeito anónimo sen necesidade de organización formal algunha e lexitimadas polo apoio dun segmento considerable da sociedade na que se desenvolven. Todo isto compatible coa aparente aceptación da orde establecida e con signos de deferencia externos cara ós poderes hexemónicos. Exemplos representativos poderían selo a destrución de bens, a caza furtiva, os aproveitamentos en antigos comunais, os incendios intencionados, o engano na entrega da parte das colleitas fixadas como décimos, rendas ou impostos, traballar de xeito deliberado de xeito neglixente ou lento, etc.etc. A presión contra os foristas ou os patróns foi exercida frecuentemente mediante este tipo de tácticas, igual que a loita contra as repoboacións franquistas (arrincando plantóns ás agachadas, saboteando maquinaria, levando cabras ou ovellas polas noites…). Scott fai posible achegarse á conflitividade existente cando aparentemente semella que non pasa nada e incorporar á análise accións das que apenas resta rastro documental.
A tradición de estudos de acción colectiva vai deixando algunhas cuestións claras . Cómpre salientar aquí polo menos unha, porque vai a contracorrente da crenza popular e tamén dalgúns investigadores. A mobilización non se relaciona mecanicamente de xeito automático co malestar, co descontento, cos sufrimentos… Hai permanentemente moita máis xente insatisfeita coas súas condicións de vida en calquera sociedade da que se organiza para presentar desafíos ás elites e ó Estado que defenden o statuquo. Polo tanto afirmar que un determinado movemento de protesta se debeu a este ou aquel problema (carestía, desigualdade…) non nos leva moi lonxe, porque similares ou peores condicións noutros momentos non dan lugar a fenómenos semellantes. A explicación radica en dous factores distintos. Por unha banda os recursos tanto materiais como inmateriais que un grupo determinado estea en condicións de mobilizar na defensa das súas reivindicacións e que lle poden permitir manter un desafío prolongado no tempo con perspectivas de éxito. Simplificando ó máximo, poderíase afirmar que non se mobiliza quen quere senón quen pode.
O segundo punto a ter sempre en conta é o contexto, o que Tarrow denomina a conxuntura de oportunidades políticas, en función de que se teñan reconocidos dereitos como o de sufraxio ou asociación, a disponibilidade de aliados (outros grupos sociais, partidos políticos…), a división das elites, unha crise de lexitimidade do sistema ou o cálculo da disposición do sistema a empregar os seus recursos represivos ou ben a considerar concesión. Tendo en conta estas consideracións pódese comezar a comprender que os franceses de 1789 non se alzaron porque vivisen peor que os seus antergos (máis ben o contrario), senón porque se producíu unha conxuntura de oportunidades favorable nos anos previos á Revolución, ou ben que os campesiños irlandeses se lanzasen a un movemento de contestación en pos da propiedade da terra nos anos oitenta do século XIX e non nos anos da Gran Fame catro décadas antes, cando a súa situación obxectivamente era infinitamente peor.
Este é un libro sobre a violencia nas súas diferentes variedades non bélicas na época contemporánea. Contra unha percepción moi estendida, a tendencia constatada en todo Occidente é a redución da violencia cotiá de xeito xeralizado desde os inicios da Idade Moderna . Tomando as taxas de homicidio como indicador máis acaído e homologable entre diferentes épocas e Estados, a diminución é indiscutible. Se a percepción dos cidadáns nos países desenvolvidos non é esa podemos atribuílo a dous factores: o tratamento nos medios de comunicación e un fenómeno de índole psicolóxica polo cal canto menos frecuente é un feito máis impacto causa porque medra a sensibilidade subxectiva cara a el. Precisamente pola falta de familiaridade coa violencia do habitante medio no mundo occidental de hoxendía, os sucesos dese tipo producen unha forte impresión. Todo indica que Galicia segue esta tendencia e en xeral por debaixo dos índices de delitos violentos para o conxunto do Estado .
Menos consenso existe na comunidade académica sobre as explicacións á dita evolución. O sociólogo alemán NorbertElias (1989) elaborou unha hipótese-marco en 1939, que case non se difundíu ata ser traducida ó inglés trinta anos máis tarde e que segue sendo hoxendía unha referencia fundamental. Sen apenas datos empíricos, basicamente con fontes literarias e bibliografía secundaria, Elias trazou os contornos do que denominou o “proceso de civilización”, que se tería desenvolvido en Occidente entre o Renacemento e a época liberal-burguesa, cunha progresiva domesticación dos instintos e a imposición de modelos de conduta que primaban o auto-control da sexualidade, das funcións corporais ou no que nos ocupa e moi especialmente na agresividade. A imposición de normas na mesa, nas relacións entre xéneros ou a promoción de modelos de masculinidade e feminidade determinados irían nesa liña. O deporte sería unha desas vías de sublimación, analizadas nun capítulo específico para Galicia neste volume, o mesmo que os tribunais que permitían zanxar as disputas sen derramamento de sangue. Segundo Elias ese proceso sería impulsado de arriba abaixo, polas elites cortesanas primeiro, burguesas despois, nun proceso descendente impulsado polo poder estatal ó que as clases populares e en particular as rurais serían as derradeiras en incorporarse.
As teorías e os conceptos son necesarios para trascender do plano da anecdóta, e a súa aplicación á realidade concreta de Galicia serviranos para analizala máis acertadamente. Nun estudo sobre o ritual da loita a paos na rexión de Coimbra, Irene Vaquinhas (1996) partía de que a violencia era “unha forma de linguaxe”, pasemos pois a interpretala.