Galicia non terá a autoridade audiovisual independente que esixe a UE

Control de realización da TVG, nunha imaxe de arquivo © CRTVG

A anterior lei de medios públicos obrigaba á Xunta a lanzala en setembro de 2012, pero 12 anos despois aquela norma é substituída por outra que ademais de deixar en mans do PP a dirección da CRTVG tamén obvia a súa supervisión independente 

A normativa europea en materia de comunicación audiovisual establece que "os Estados membros deben asegurarse de que as súas autoridades ou organismos reguladores sexan xuridicamente distintos do goberno". Así o preveu xa hai máis dunha década a Lei dos medios públicos de Galicia, de 2011, que estableceu a obriga de que o Goberno galego enviase ao Parlamento "un proxecto de lei que regule ou encomende as funcións da autoridade audiovisual" antes de setembro de 2012. 

Iso nunca sucedeu e agora a nova lei de medios públicos que vén de presentar a Xunta non só contempla a posibilidade de que o PP nomee en solitario a dirección destes medios senón que elimina calquera referencia á creación dunha autoridade audiovisual independente, polo que esas funcións de control seguirán recaendo na Secretaría Xeral de Medios do Goberno galego.

Alfonso Rueda e Alfonso Sánchez Izquierdo, na CRTVG CC-BY-SA Xunta

A normativa europea prevé que os medios de comunicación audiovisuais, tanto públicos como privados, sexan supervisados por autoridades independentes dos gobernos para "garantir o respecto dos obxectivos de pluralismo dos medios de comunicación, diversidade cultural, protección dos consumidores, correcto funcionamento do mercado interior e fomento dunha competencia leal". Porén, os gobernos resístense a cumprir e en España, como repasou infoLibre hai pouco, só hai autoridades audiovisuais independentes en Catalunya, Andalucía e Comunitat Valenciana, mentres que Navarra e Madrid tíñanas e suprimíronas.

En Galicia a lei de medios públicos de 2011 estableceu, na súa disposición derradeira quinta, que a Xunta "remitiralle ao Parlamento de Galicia, no prazo de nove meses desde a entrada en vigor desta lei, un proxecto de lei que regule ou encomende as funcións da autoridade audiovisual. Mentres non se aprobe a norma de referencia terá a consideración de autoridade audiovisual quen viñese exercendo tales funcións".

Eses nove meses remataron en setembro de 2012. E 12 anos despois segue sen existir unha autoridade audiovisual independente; as súas funcións seguen sendo exercidas pola Secretaría Xeral de Medios, dependente directamente da Presidencia da Xunta.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co secretario xeral de Medios, Pedro Rojo, á esquerda, tamén vicesecretario de Organización do PPdeG CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Aquela lei de 2011 vai ser agora substituída por unha nova Lei de servizos dos medios de comunicación audiovisual de Galicia a sociedade dixital. Unha norma na que o PP resérvase a posibilidade de nomear en solitario, se non hai acordo con outro grupo parlamentario, a dirección da CRTVG, que agora pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. 

A exposición de motivos da nova lei incide en que o control externo dos medios será "a través dos mecanismos que xa se viñan aplicando", isto é, pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta

Tanto a lei de 2011 como a agora proposta pola Xunta remitían a supervisión externa da CRTVG ao Parlamento de Galicia e á "autoridade audiovisual". Pero se a de 2011 remitía á inmediata creación dunha autoridade independente, a nova norma, que derroga a anterior, obvia por completo calquera referencia a esa creación. É máis, a exposición de motivos da nova lei incide en que ese control externo por parte da autoridade audiovisual será "a través dos mecanismos que xa se viñan aplicando". Isto é, o control tanto da CRTVG como dos medios audiovisuais cuxas licenzas dependen da Xunta seguirá en mans da Secretaría Xeral de Medios.

A esa supervisión externa a nova norma só engade que en materia financeira será o Consello de Contas o encargado do "control periódico do financiamento público que reciba a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia".

Funcións do Consello Asesor da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que poderá ser controlado polo PP CC-BY-SA Praza Pública

Na lei de 2011 o Consello Asesor da CRTVG dependía da autoridade audiovisual independente nunca creada, pero na nova lei estará integrado na propia corporación e a maioría dos seus integrantes serán nomeados polo partido que sustente a Xunta

Por outra banda, a lei de 2011 facía depender da autoridade audiovisual independente o Consello Asesor da propia CRTVG. Ese precepto levou nestes anos o persoal do ente a reclamar de xeito insistente a súa constitución no marco das súas reiteradas protestas polo control gobernamental dos medios públicos. 

Pola contra, na nova norma ese Consello Asesor está integrado na propia corporación e o seu nomeamento será controlado fundamentalmente polo partido que sustente a Xunta. Terá 15 membros: 9 serán elixidos polo Parlamento por maioría de dous terzos ou de tres quintos en segunda votación, 3 serán designados pola Xunta, 2 serán representantes do persoal dos medios públicos e o derradeiro será o director xeral da propia corporación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.