O proxecto Mapping Media Freedom, financiado pola UE e co apoio da Federación Europea de Xornalistas, sinala que o texto impulsado pola Xunta "ameaza a independencia da CRTVG"
A nova lei dos medios públicos galegos que impulsa a Xunta, coa que o PP poderá nomear en solitario a dirección da CRTVG, vén sendo criticada como unha ameaza para a independencia do ente público polo Colexio de Xornalistas de Galicia, o persoal da corporación ou as principais asociacións de empresas e profesionais do audiovisual galego. Agora a reforma legal tamén está incluída entre as ameazas á liberdade de prensa en Europa que monitoriza o proxecto Mapping Media Freedom, financiado pola UE e co apoio da Federación Europea de Xornalistas.
O proxecto Mapping Media Freedom localiza e verifica denuncias de ameazas contra a liberdade de información en toda Europa. Xestionado polo European Centre for Press & Media Freedom, a European Federation of Journalists e o International Press Institute, está financiado pola Comisión Europea e segundo explica a súa web, "cada alerta é verificada por tres fontes cribles e independentes que inclúen pero non se limitan a: medios de comunicación locais e nacionais, sindicatos de xornalistas, informes policiais ou contas en redes sociais de individuos directamente involucrados”, cos que tamén se contacta persoalmente.
No caso da nova lei galega, esas fontes, ademais de diversos medios de comunicación, son o propio texto legal da Xunta así como as posturas contrarias a ela do Colexio de Xornalistas ou a Federación de Asociacións de Xornalistas de España.
O "incidente legal" é catalogado como "iniciativa lexislativa que restrinxe a liberdade de prensa"
Mapping Media Freedom cataloga o "incidente legal" como "iniciativa lexislativa que restrinxe a liberdade de prensa", dátao no 29 de xullo, cando o texto legal foi feito público pola propia Xunta, e resume que "o proxecto de lei sobre a radiotelevisión pública ameaza a independencia da CRTVG". A reforma "proposta polo gobernante Partido Popular", di, "eliminaría a elección da dirección xeral da CRTVG por maioría cualificada" co que "bastaría unha maioría simple, é dicir, bastarían os votos dos deputados do PP para elixir a dirección da radiotelevisión pública".
Ademais, engade, "a elección dos representantes dos traballadores quedaría en mans do consello de administración, controlado polos representantes do PP" e "o proxecto de lei tamén permitiría a produción de contidos noutros idiomas distintos do galego".
Mapping Media Freedom faise eco de que "os empregados da CRTVG e as asociacións de xornalistas locais denunciaron enerxicamente o proxecto de lei, advertindo de que convertería a radiotelevisión pública 'no maior órgano de propaganda financiado con diñeiro público ao servizo dun partido político'". Igualmente, reflíctese que "os empregados da CRTVG tamén criticaron que o prazo de consulta pública se fixase para agosto, o que podería facer que o proxecto de lei pasase desapercibido".
Das 17 ameazas á liberdade de prensa rexistradas en Galicia desde 2016 cinco están relacionadas coa falta de liberdade na CRTVG
A ameaza á liberdade de prensa da nova lei de medios da Xunta agora incorporada por Mapping Media Freedom é unha das 17 ameazas rexistradas en Galicia desde 2016. A maioría delas son ameazas o vetos individuais a xornalistas de persoas concretas -narcotraficantes ou políticos-, pero na listaxe hai xa cinco relacionadas coa falta de liberdade na CRTVG.
Ademais da agora incorporada sobre a nova lei de medios, Mapping Media Freedom tamén dá conta de represalias a xornalistas ou censura de informacións, como as que derivaron na dimisión en 2018 de dous presentadores do Telexornal ("presentadores da televisión pública de Galicia dimiten por supostas intromisións políticas"), o desprazamento de posto de traballo dunha xornalista crítica ("presentadora da TVG vese obrigada a trasladarse de departamento tras criticar a Feijóo"), a reescritura dunha nova sobre a inflación que salientaba o mal dato galego ("redactor da Radio Galega vese obrigado a cambiar de departamento tras negarse a manipular información") ou o tratamento por parte da CRTVG da crise dos pellets ("empregados da CRTVG denuncia interferencia editorial nas ordes da dirección").
Por outra banda, os colectivos integrantes da plataforma en defensa da CRTVG, da que forman parte os principais sindicatos e asociacións de actores, escritores ou dobradores, rexistran este mércores no Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) co lema Liberemos a Galega! O seu obxectivo é modificar a actual lei "para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo".