A noticia reescrita que fixo estoupar o enésimo conflito na CRTVG

Redacción baleira durante a folga na CRTVG, o 6 de marzo de 2023 CC-BY-NC-SA CIG-CRTVG

O pasado 15 de febreiro, o dato da suba de prezos en Galicia en xaneiro, por riba da media estatal, desapareceu do titular de entrada dunha información da Radio Galega malia que o redactor, segundo denunciou, se negara á proposta de modificación da nova por parte da coordinación de informativos. Un día despois, este traballador foi advertido pola empresa do seu traslado ao programa Galicia Noticias da TVG, logo de 23 anos de dilatada experiencia na información económica e política radiofónica e a pesar de non ter solicitado cambio ningún nin estar de acordo coa mudanza. 

Mentres o redactor, significado coa protesta na CRTVG dos venres negros contra a manipulación -que este venres fai 273 semanas-, era trasladado só días despois ao seu novo posto, outra traballadora en informativos da TVG -tamén participante activa das protestas- era trasladada na mesma xornada ao posto de orixe do seu compañeiro. 

Protesta de persoal no interior da sede central da CRTVG, o pasado 23 de febreiro CC-BY-SA CUT CRTVG

Estes casos de Alberto Ordóñez e Mónica Rosas foron dous dos sinalados polo comité intercentros e o colectivo Defende A Galega como "traslados forzosos" por parte da dirección da CRTVG en "represalia" pola súa posición crítica contra o que consideran "manipulación informativa" e "persecución política" do persoal mobilizado. Os seus cambios de posto provocaran as queixas da representación laboral e a posterior convocatoria de varias xornadas de folga, sendo "o cesamento dos abusos" e a "reposición nos seus medios de orixe ao persoal trasladado" dous dos obxectivos dos paros. 

Os dous xornalistas presentaron demanda contra a Corporación por vulneración de dereitos fundamentais, e os seus respectivos xuízos quedaron vistos xa para sentenza á espera de que se desenvolvan as vistas por outras dúas demandas semellantes doutras dúas compañeiras. 

A vista celebrada pola situación de Ordóñez, xunto aos argumentos expresados polos seus letrados na propia demanda, deitan luz sobre un caso que fontes do persoal da CRTVG ven como paradigmático do proceder de "manipulación" nos informativos dos medios públicos. Cunha diferenza: que acabou nos tribunais tras a negativa do xornalista a asumir os cambios propostos e logo de que a modificación do corpus informativo se realizase sen advertir ao seu autor, sen ser preavisado e sen que lle fose notificado de maneira fidedigna. "Fíxose a través dun subterfuxio que non lle permitiu afastarse da información manipulada", explican fontes xudiciais. 

O proceso xudicial deita luz sobre as denuncias de manipulación informativa co caso dun redactor que apelou á cláusula de conciencia ao negarse a modificar unha peza

Segundo o relato explicado en sede xudicial, o xornalista elaborou a peza sobre a evolución do IPC e, unha vez finalizada e entregada, foi sometida á revisión e control dos seus superiores a través do sistema informático. O redactor foi requirido de maneira ambigua pola súa coordinadora para modificar a nova porque "xa sabe". "Non queren abrir cos datos de Galicia", disque foi a xustificación. 

En palabras do profesional, foille insinuado que malia que os datos económicos de Galicia eran peores que os do conxunto do Estado -unha suba do 6,4% do IPC fronte á do 5,9%-, a prioridade da xefatura era disimular a cifra galega. Así, o redactor ampárase na cláusula de conciencia recollida no artigo 20 da Constitución e comunica á súa coordinadora que se a xefatura de informativos entende que se debe modificar a peza, as modificacións deberían serlle trasladadas de maneira correcta e fidedigna, así como as causas desa solicitude. 

Participantes no 'venres negro' número 248, o pasado 17 de febreiro CC-BY-SA Defende a Galega

O xornalista asegura que se negou a retirar a referencia á suba do IPC en Galicia e que esta foi suprimida finalmente do guión polos seus superiores

O autor da información advirte que se non lle son indicadas expresamente as modificacións para ser valoradas manterá a nova íntegra, ao entender que a maior suba de prezos en Galicia, que é o ámbito informativo da Radio Galega, constitúe o dato de maior relevancia para un informativo autonómico e o máis relevante para a audiencia galega. 

Tras esta comunicación, o xornalista non recibe requirimento ningún para modificar a súa peza informativa, sempre segundo o relato en sede xudicial. Así, incorpora a súa redacción ao sistema informático e imprime a súa copia para a locución. Pero no momento de incorporarse ao informativo decátase de que no guión impreso de uso común a súa nova aparece "manipulada": a entrada que se encarga de ler o presentador do informativo fora modificada, manténdose íntegra a parte que locuta o profesional. 

O primeiro parágrafo da entrada lida en antena, como se pode ver na imaxe achegada nesta información, quedou así: Dato definitivo do IPC... Os prezos subiron en xaneiro en toda España un 5.9% con respecto a hai un ano. A inflación subxacente, que non conta nin os alimentos frescos nin os carburantes, sitúase no 7'5%. A entrada que redactara o xornalista para a súa lectura inicial e que foi suprimida era esta: Os prezos subiron en Galicia no mes de xaneiro un 6'4 por cento. En toda España, a suba foi do 5'9. Son os datos oficiais que hoxe publicou o Instituto Nacional de Estatística.

Prodúcese así, segundo fontes xudiciais, o cambio do sentido ou foco da información no seu conxunto, "agochando o peso informativo do feito económico e obxectivo de que a Comunidade Autónoma Galega é unha das autonomías con maior suba do IPC e, por tanto, con maior incremento do custe da vida, que xorde agora como anecdótico", explican. 

Redacción orixinal da entrada da nova e versión finalmente locutada na Radio Galega CC-BY-SA Praza Pública

Versión da dirección da CRTVG e decisión xudicial

A CRTVG atribúe os traslados a unha "estratexia global de reestruturación dos medios públicos" e nega calquera represalia

O argumento do afectado, neste caso, é que malia que son numerosos os casos nos que redactoras e redactores acceden a modificar voluntariamente as pezas informativas en virtude de ordes xerárquicas, o extraordinario do seu caso é que xefatura e coordinación interviñeron directamente sobre a información logo de negarse á modificación e de ampararse na cláusula de conciencia para defender a integridade da peza. 

Desde a CRTVG, a súa dirección -en declaracións públicas e en resposta a este diario- negou sempre calquera motivación alén dunha "estratexia global de reestruturación dos medios públicos" e advirte que "todos os redactores da Corporación están capacitados e formados para desenvolverse tanto en televisión como en radio como en dixital, tal e como sucede en calquera outra empresa de comunicación a audiovisual a día de hoxe". Ademais, negou sempre as acusacións de "represalias" vertidas polo comité. 

Tras os diferentes relatos e testemuños na vista, a xustiza dirimirá agora se co seu traslado houbo vulneración de dereitos fundamentais, pero non só do dereito á tutela xudicial efectiva ou á dignidade do traballador, senón tamén do dereito á liberdade de información, a comunicar libremente e a obter amparo sen represalias desta cláusula de conciencia. 

Precisamente, na demanda explícase que só un día despois de terse acollido a esta cláusula, o traballador é citado para comparecer ante o subdirector de informativos en presenza do xefe de informativos para comunicarlle o traslado a partir do 20 de febreiro ao programa Galicia Noticias da TVG e logo de 23 anos da Radio Galega, onde ten praza en propiedade. 

Mobilización en San Marcos pola folga na CRTVG, o 6 de marzo de 2023 CC-BY-SA CUT-CRTVG

Só unhas horas despois, o afectado recibe a notificación escrita do seu novo posto, pasando a depender organicamente da "coordinación de informativos da TVG", como "xa lle foi comunicado oralmente por parte dos responsables de informativos da Radio Galega". 

O comité denunciou o "traslado forzoso" do xornalista e convocou varias xornadas de folga pedindo a "reposición nos seus medios de orixe ao persoal trasladado"

Ao pouco, o comité de empresa de San Marcos "solicita a paralización inmediata da modificación" e denuncia que a razón do "traslado forzoso" é o “uso da cláusula de conciencia e do seu dereito constitucional a comunicar libremente información con rigor e imparcialidade” ao negarse “a acatar a orde da coordinadora do informativo".

Poucos días despois, e logo do debate da proposta por parte do persoal, o comité intercentros da CRTVG convoca varias xornadas de folga e advirte dun "clima laboral abafante e insostible" nos medios públicos. Tras o paro do 6 de marzo, a dirección da Corporación prohibe a celebración de asembleas de traballadores nas súas instalacións. Só uns días máis tarde, o 14 de marzo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emite un comunicado censurando os traslados e o ambiente laboral nos medios públicos. 

O agravante de vulnerar a liberdade de información

Agora, a xuíza dirimirá primeiro se o cambio de posto supúxolle a Alberto Ordóñez unha modificación substancial das súas condicións de traballo. Se así fose, logo non só determinará se o seu "traslado forzoso" ten relación coa súa posición crítica coa xestión da Corporación e coa súa significación co movemento de protesta dos venres negros, senón tamén se foi debido ao uso da cláusula de conciencia e ao seu dereito constitucional de comunicar libremente información con rigor e imparcialidade ao negarse a acatar unha orde para modificar unha información xa elaborada. 

No caso se ser condenatoria, a sentenza -prevista para antes do final do verán- sinalaría a CRTVG por represaliar un traballador crítico -como xa ocorreu no ditame pioneiro a favor do xornalista Carlos Jiménez- pero engadiría o agravante de atacar un dereito constitucional e fundamental como o da liberdade de información, recoñecendo daquela a "manipulación" e o "control político" que comité de empresa e colectivos como Defende A Galega levan denunciando nos medios públicos galegos nos últimos anos.

Interesouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.