No pasado mes de febreiro, o dato da suba de prezos en Galicia en xaneiro, por riba da media no Estado, desapareceu do titular de entrada dunha información da Radio Galega despois de que o redactor encargado do tema se negase a modificar a nova a petición da coordinadora de informativos, segundo denunciou. Un día despois, este traballador recibiu unha comunicación empresarial na que se lle comunicaba o seu cambio ao programa Galicia Noticias da TVG, logo de case 25 anos prestando servizos na canle radiofónica e cunha dilatada experiencia na información económica.
O caso deste profesional, Alberto Ordóñez, foi dos que sinalaron o comité intercentros ou o colectivo Defende A Galega como un dos "traslados forzosos" que tería levado a cabo a dirección da CRTVG en "represalia" pola súa posición crítica contra o que consideran "manipulación informativa" e "persecución política" do persoal mobilizado. Sendo, ademais, un dos motivos das últimas xornadas de folga convocados nos medios públicos.
O xuízo pola demanda do xornalista que denuncia ter sido trasladado tras negarse a modificar unha información sobre o IPC quedou visto para sentenza este mércores
Ordóñez foi un dos xornalistas que presentou demanda contra a Corporación por vulneración de dereitos fundamentais e cuxa vista se celebrou este pasado mércores, data na que tamén estaba prevista -aínda que foi adiada- a de Mayte Cabezas, trasladada do seu posto habitual durante décadas na televisión aos poucos días de expresar unha crítica contra o ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas súas redes sociais.
O seu xuízo quedou visto para sentenza. E como acontecera no doutra xornalista, Mónica Rosas, hai tan só uns días, a CRTVG sufriu de novo para convencer a xuíza de que o seu traslado non foi unha represalia pola significación de Ordóñez no movemento de protesta dos venres negros ou pola súa negativa a modificar unha noticia. Foi nunha vista con moitas testemuñas e con relatos que deitaron luz tamén sobre esa presunta "manipulación informativa" sufrida polo xornalista, a quen se lle fixo agochar e relegar un dato económico peor en Galicia que no conxunto do Estado en contra do seu criterio profesional.
No último dos xuízos, a xustiza dirimirá se houbo vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva, pero tamén da liberdade de información e de uso da cláusula de conciencia
Se non hai sorpresas, as sentenzas dos xuízos de Alberto Ordóñez e de Mónica Rosas chegarán antes de que acabe o verán. A xuíza do Social número 1 de Santiago, Paula Méndez, será quen as dite logo de dúas vistas onde os demandantes e a súa representación legal defenderon que os traslados foron empregados pola empresa como un "mecanismo de castigo" por seren activos na mobilización, críticos ou por negarse a intentos de control informativo, como no caso deste pasado mércores.
É neste último suposto onde muda o escenario -xa mouro- para a CRTVG. Porque no caso de Alberto Ordóñez, a xustiza dirimirá se houbo vulneración de dereitos fundamentais, pero non só do dereito á tutela xudicial efectiva ou á dignidade do traballador, senón tamén do dereito á liberdade de información, a comunicar libremente e a obter amparo sen represalias da cláusula de conciencia, recollido no artigo 20 da Constitución Española.
Xa que logo, a xuíza non só determinará se o seu "traslado forzoso" ten relación coa súa posición crítica coa xestión da Corporación e coa súa significación co movemento de protesta dos venres negros, que hoxe suma o número 270 con críticas ao "control férreo e partidista da información" e ás "represalias a profesionais". Tamén se foi debido ao uso da cláusula de conciencia e ao seu dereito constitucional de comunicar libremente información con rigor e imparcialidade ao negarse a acatar unha orde para modificar unha información xa elaborada.
A xustiza deberá determinar se a CRTVG impediu informar libremente a un xornalista e se considera probadas as denuncias de "manipulación" e "control político"
Sería, no caso se ser condenatoria, unha sentenza que sinalaría a CRTVG por represaliar un traballador crítico -como xa ocorreu no ditame pioneiro a favor do xornalista Carlos Jiménez- pero que engadiría o agravante de atacar un dereito constitucional e fundamental como o da liberdade de información, recoñecendo daquela a "manipulación" e o "control político" que comité de empresa e colectivos como Defende A Galega levan denunciando nos medios públicos galegos nos últimos anos.
Antes, como no resto de xuízos, o fundamental e primeiro que se dirime é se o cambio de posto supúxolle ao afectado unha modificación substancial das súas condicións de traballo. Xa que logo, se no caso de Ordóñez o paso da Radio Galega, onde levaba unha recoñecida traxectoria de décadas especializada en información económica, á TVG, onde agora cobre noticias sociais nun formato totalmente diferente, supuxo unha modificación substancial das súas condicións de traballo.
Se así se considera, a xuíza terá que determinar logo se hai indicios suficientes para establecer que eses traslados se levaron a cabo como represalia ou se se deberon unicamente a razóns obxectivas, proporcionadas e de organización. Nese caso, a maxistrada determinaría se esas mudanzas vulneraron dereitos fundamentais e se, como reclama a súa representación legal, tamén se quebrou o da liberdade de información. Sería un paso máis nas condenas xudiciais impostas á CRTVG nos últimos anos.
Desde a Corporación, o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, negou sempre calquera acusación de manipulación ou control político, virando as acusacións cara ao "carácter electoralista" as protestas que, como as últimas folgas, levaron a cabo traballadores dos medios públicos galegos.
Na vista do pasado mércores, e segundo testemuñas e fontes xudiciais, a Corporación volveu atopar problemas para convencer a maxistrada de que os traslados do persoal non foran por represalias, sobre todo ao cinguirse eses movementos a un grupo reducido de profesionais -todos significados nos venres negros ou críticos- e ao comprobarse que moitos outras mudanzas anteriores foran voluntarias ou para acceder a postos de coordinación ou dirección.
Ademais, como acontecera na vista anterior, a CRTVG non foi quen de explicar este novo modus operandi dos traslados postos en cuestións: repentinos, de maneira forzada, sen buscar voluntarios e sen a formación necesaria para a adaptación ás novas ferramentas e medios.